martes, 29 de junio de 2010

Algúns saurios e un ofidio


Aínda non tivemos ocasión neste blog de falar dos lagartos e lagartas que viven na comarca da Fonsagrada, por iso, cos primeiros calores do estío, aproveitamos as primeiras observacións feitas de saurios na comarca.

Comezamos ca lagarta da serra Iberolacerta monticola, este endemismo da Península Ibérica atopámolo colonizando un muro de pedra dunha casa preto dun lavadoiro por Pacios de Rebolín, Vieiro (A Fonsagrada) e pensamos que non é raro atopalo en máis localizacións pola comarca.


Lagarta da serra Iberolacerta monticola por Pacio de Rebolín (A Fonsagrada).
Outro saurio observado é o lagarto arnal Lacerta (Timon) lepida, que non é difícil de ver tomando o sol nalgún muro de pedra ou escapando do ardente asfalto ao pasar co coche. Este saurio, que pasa por ser o máis grande de Europa, é común por estos lares e observámolo por Paradiñas (A Fonsagrada).

Lagarto arnal Lacerta (Timon) lepida por Paradiñas (A Fonsagrada).
Outro lagarto grande presente na comarca é o lagarto das silvas Lacerta (Lacerta) schreibei. Pensamos que tamén é común e observámos un macho na beira dun camiño entre matogueiras preto de A Pereirúa (A Fonsagrada).

O último saurio observado polo momento na comarca da Fonsagrada é a lagarta galega Podarcis bocagei. Este endemismo do noroeste peninsular é común e observamos 2 parexas nun muro de pedra por Liñares de Bidul (A Fonsagrada).


Macho de lagarta galega Podarcis bocagei.


Femia de lagarta galega Podarcis bocagei.
Estes catro son, polo momento, as especies de saurios observadas na comarca. Están citadas algunhas máis polo que é de esperar atopalas para podelas mostras.Todo será cuestión de tempo.

Por último amosar unha cita dun ofidio que me pasa Alejandro Ocampo, gran coñecedor da natureza destes lares. Unha serpe riscada Rhinechis scalaris que atopou o 11 de maio do 2009 no mesmo asfalto da estrada por Vilar de Cuiña (A Fonsagrada) de madrugada. Na preciosa fotografía que nos cede podedes observala (Gracias Alejandro pola foto).


Serpe riscada Rhinechis scalaris por Vilar de Cuiña (A Fonsagrada).
Publicar un comentario