viernes, 28 de noviembre de 2014

Vai de orquídeas

Por aquí andamos de novo, xa no outono e ás portas do inverno, vendo as como as primeiras nevaradas xa están tinxindo de branco os cumios dos Ancares. Polo tanto xa pasou a primavera e o verán, e a verdade é que temos un lote de cousas que contar, un montón de citas recollidas e todo o inverno para ir pouco a pouco falando delas.
E como a primavera é o tempo das flores, tempo pois para acordarnos da flora e en particular das orquídeas que nesa estación e durante o 2014 observamos na comarca de Ancares. E é que ben sabido é que esta comarca é unha das mellores á hora de observar exemplares desta familia, entre outras cousas pola presenza de zonas de calías.
Comezamos por unhas das orquídeas máis vistosas que temos en Galicia: Himantoglossun hircinum. Esta especie atopámola en varios lugares, sempre sobre calías, como as observadas nas calías de Cruzul (Becerreá) o 16 de maio.

Himantoglossun hircinum no aciñeiral de Cruzul (Becerreá).

Neste mesmo lugar e nas mesmas datas atopamos outra preciosa orquídea de preferencias calcícolas como é Ophrys sphegodes.

Ophrys sphegodes no aciñeiral de Cruzul (Becerreá).

E acompañando a estas dúas orquídeas, unha terceira: Orchis mascula. Probablemente a orquídea máis abondosa na comarca de Ancares. Atopámola en Cruzul e en un lote de lugares diferentes, non so con presencia de calías.

Orchis mascula no aciñeiral de Cruzul (Becerreá).

Xa chegando a Vilaesteva (Baralla)e pasado Vilouta, o 30 de maio, atopamos 4 exemplares de Orchis provincialis.

Orchis provincialis preto de Vilaesteva (Baralla).

Outra das orquídeas máis doadas de observar nesta zona é Dactylorhiza maculata. O 24 de xuño observamos numerosos exemplares por Vilarello do río (Cervantes) e pola beira da estrada entre Donís e Xantes. Todas elas con flores muy blanquecinas (¿Dactylorhiza ericetorum ?).

Dactylorhiza maculata por Vilarello do río (Cervantes).

Xa fora da comarca de Ancares, nunha escapadiña realizada o 29 de maio a O Taro Branco (Folgoso de Courel), observamos uns exemplares doutra orquídea: Aceras anthropophorum.

Aceras anthropophorum por O Taro Branco ( Folgoso de Courel).


E rematamos aquí esta entrada, esperando á primavera 2015 que seguro que nos traerá máis exemplares e especies de orquídeas que amosar. Ata outra

domingo, 12 de octubre de 2014

Notas ornitolóxicas nos Ancares II: As aves rapaces

Seguindo a pegada deixada na anterior entrada imos comentar nesta ocasión unha listaxe de observacións de aves rapaces diurnas obtidas estes meses pasados do 2014 na comarca de Ancares.

- Comezamos ca raiña dos cumes, a aguia real Aquila chrysaetus, tivemos ocasión de observar un exemplar o 19 de xullo sobrevoando o Penarrubia (Cervantes) pola parte galega e desapareceu voando hacia o sureste.
- A aguia cobreira Circaetus gallicus: observamos 1 exemplar o 19 de xullo chegando a Degrada (Cervantes) e outros dous o 2 de agosto pola Serra de Vilar (Cervantes).

Aguia cobreira Circaetus gallicus chegando a Degrada (Cervantes).

- Aguia calzada Hieraaetus pennatus: 1 exemplar morfo claro o 17 de agosto preto de A Lagúa (As Nogais).

Aguia calzada Hieraaetus pennatus preto de A Lagúa (As Nogais).

- A tartaraña cincenta Circus pygargus: 1 parella (o macho melánico) e 3 xuvenís o 19 de xullo preto de Catroventos (Cervantes). Tamén 1 macho adulto o 6 de agosto nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).

Macho melánico de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes).

Xuvenil de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes)

- Miñato abelleiro Pernis apivorus: 9/6/2014, 1 exemplar adulto sae voando o 9 de xuño preto de Bustelo - Serra de Palmeán (Cervantes).
- Gabián Accipiter nisus: 1 exemplar atropelado preto de Eixibrón (Becerreá) o 17 de marzo.

Gabián Accipiter nisus atropelado preto de Eixibrón (Becerreá).

- Azor Accipiter gentilis: 1 exemplar o 6 de agosto a última hora da tarde nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).
- Lagarteiro Falco tinnunculus, varias observacións como o fotografado o 30 de marzo de 2 exemplares polo Val do Rao (Navia de Suarna).

Lagarteiro Falco tinnunculus polo Val do Rao (Navia de Suarna).

- Lagarteiro das torres Falco naumanni: mínimo 3 exemplares o 26 de xullo cazando saltóns preto de Vilachá (Baralla). Tamén mínimo 5 exemplares por Catroventos (Cervantes) na mesma data. O 6 de agosto observamos alomenos 6 exemplares nos pastizais preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

Lagarteiro das torres Falco naumanni preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

- Falcón pequeno Falco subteo: Alomenos 3 exemplares o 19-xullo pola corda entre o Tres Bispos e os Calangos de Brego (Cervantes).

- Falcón peregrino Falco peregrinus : Unha parella chocando os ovos no ñiño o 30 maio por Becerreá.

viernes, 29 de agosto de 2014

Notas ornitolóxicas nos Ancares I

Imos retomar a actividade ocupándonos das aves, que xa tocaba. Por iso imos dividir esta entrada en dous e deste xeito amosar nesta primeira un feixe de citas ornitolóxicas do 2014 de interese na comarca de Ancares e deixando para unha segunda volta ás aves rapaces.
As citas recollidas comezan coa observación dunha parexa de cruzabicos Loxia curvirostra o 19 de marzo preto de O Vilar (As Nogais).

Cruzabico Loxia curvirostra preto de O Vilar (As Nogais).

As perdices Alectoris rufa son outras aves que son fáciles de observar en diferentes puntos da comarca de Ancares, xa cos perdigóns crecidiños a esta altura do ano, o que resulta difícil de saber con seguridade é cales teñen a súa orixe en soltas e cales non.

Perdiz Alectoris rufa por Cervantes.

O merlo rieiro Cinclus cinclus é outra especie que se observa con facilidade todo o ano nos cursos dos ríos ancarenses, como este fotografado desde a ponte da área recreativa do río Navia preto de Navia de Suarna.

Merlo rieiro Cinclus cinclus no río Navia preto de Navia de Suarna.

As choias Pyrrhocorax pyrrhocorax son fácilmente escoitadas e observadas na contorna de canteiras por Becerreá. Sempre observadas en pequenos grupos, fotografámos esta na canteira de Vilaesteva, preto do Alto da Forcadura. O mesmo pasa cas cegoñas brancas Ciconia ciconia que xa son habituais na primaveira e verán polas cotas baixas da comarca de Ancares.

Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax preto de Vilaesteva.

Cegoñas brancas Ciconia ciconia no niño nunha igrexa por Baralla.

Unha cita interesante foi a observación dun pombo pequeno Columba oenas o 30 de maio na torre do castelo de Torés. A primeira observación persoal desta especie na comarca.

Pombo pequeno Columba oenas na torre de Torés (As Nogais).

As avenoiterias cincentas Caprimulgus europaeus observámolas en diferentes lugares como a que vista á noitiña nas pistas que suben ao Penarrubia (Cervantes) o 8 de agosto. Tamén os cucos Cuculus canorus se deixaron ver como o observado pola Serra do Vilar o 2 de agosto. Tamén preto do Penarrubia (Cervantes) o 6 e o 8 de agosto e preto de Vilachá (Baralla) o 26 de agosto. Tamén neste último lugar e data se deixou ver unha parella de ouriolos Oriolus oriolus, especie observada tamén preto de O Couso (Cervantes) o 11 de agosto.

Forma vermella de Cuco Cuculus canorus pola Serra de Vilar (Cervantes).

E por último os picanzos vermellos Lanius collurio, obsevados en diferentes zonas como este amosado a continuación preto de Catro Ventos (Cervantes) o 16 de agosto.

Picanzo vermellos Lanius collurio preto de Catro Ventos (Cervantes).


Proximamente: as aves rapaces.

domingo, 1 de junio de 2014

Dactylorhiza cantabrica en Ancares

O 21 de maio de 2014 atopei esta fermosa orquídea por Cervantes, é dicir, nos Ancares lucenses, a uns 1250 msnm. Por suposto non perdín a ocasión de sacarlle unhas fotografías que uso para ilustrar esta entrada.
 Unha vez analizada a orquídea non tiven dúbida co xénero da pranta: Dactylorhiza. Pero ahí empezaba o problema da correcta identificación da especie, porque anda que non ten tela o temiña.

Aínda que todo apuntaba a Dactylorhiza sambucina, un estudo xenético publicado no ano 2006 por H. E. Pedersen considera as poboacións galegas como pertencentes a unha nova especie, Dactylorhiza cantabrica, baseándose no seu maior número cromosómico, o seu illamente xenético e certas diferenzas morfolóxicas. De feito este estudio tamén propón una nova clave taxonómica para a correcta identificación desta nova especie e destaca que as poboacións galegas están case exclusivamente no Courel, por iso esta nova especie se considera como un endemismo desa serra.
 

E a verdade e que despois de darlle voltas ao asunto cheguei a unha conclusión: sen un estudio xenético é imposible afirmar ao 100% cal é a especie. Así sen querer entra en guerras taxonómicas, basándonos no observado (a coloración exclusivamente amarela das flores, que a folla máis longa describe un ángulo de máis de 55° co talo, a lonxitude e feitura do esporón e do talo, o número de follas non envaiñadoras por baixo e polo labelo con manchas vermellas que sobrepasan o terzo proximal) e a pesar de ter en conta que estamos en Ancares e non no Courel imos tomar a decisión de identificar esta especie como Dactylorhiza cantabrica H.A. Pedersen (= Dactylorhiza sambucina auct. hisp. p.p.), pero sen unha total seguridade.

 
Así que aquí deixo para os máis avezados taxonomistas o debate e para os Ancares a cita e estas fotografías para que disfrutemos da presenza desta orquídea.
 

miércoles, 14 de mayo de 2014

Unha de lobos

O compañeiro Pepe de Aranga me manda este vídeo de lobos realizado mediante fototrampeo polas terras de Monfero (A Coruña).
Para os máis observadores podedes intentar adiviñar cal é a femia e cal é o macho e incluso o estado xestacional da loba.
Aquí volo deixo para que disfrutedes desta sempre enigmática, impoñente e controvertida especie.
Gracias Pepe polo regalo e por deixarnos participar e disfrutar desta observación.

video

lunes, 14 de abril de 2014

Un pouco de todo, moito de nada

Levaba este blog uns cantos meses sen dar síntomas de actividade, concretamente desde que o oso de Baleira se deixara fotografar no verán do 2013. Pero tranquilos, que non é a miña intención deixar de amosar neste espazo os valores ecolóxicos que poidan ser de interese ou que simplemente poñan en valor o patrimonio natural que temos a oportunidade de disfrutar neste recuncho.

Case non me decatei, pero o tempo pasou e demasiado rápido para o meu gusto. E que xa van alá un lote de meses nos que outras actividades persoais, que nada teñen que ver con este blog, conseguiron ocuparme a cabeciña e ir deixando para máis adiante as crónicas naturalistas acostumadas.

Pero como dicía, tranquilos que non teño intención ningunha de rematar con esta actividade blogueira, todo o contrario. O que si vou facer é unha “pequena” variación: unha ampliación da zona de influencia. Así que que nun futuro próximo, ídevos facendo á idea, falaremos de cotío tamén da comarca de Ancares, ou sexa, dos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Case nada.

Polo que mentres recopilamos cousiñas moi interesantes para amosalas nun futuro cercano, arredemo que as hai, imos falar dalgunhas outras cousiñas que nos quedaban no tinteiro da comarca de Fonsagrada.

Empezamos polo oso Ursus arctos de Baleira, que seguía a finais do 2013 atacando colmeas nos seu lugares xa habituais e en febreiro do 2014 seguía nas mesmas. Parece que este animal apenas tivo, ou non tivo meñor dito, un perído de hibernación. Vexamos que ocorre con él agora que comeza a época primaveral na que esta especie acostuma a facer os seus desprazamentos habituais.

Pegada de oso pardo en Baleira o 20/11/2013.

Outras observacións tamén interesantes na comarca foron:
- Un armiño ou doniña branca Mustela erminea preto de Os Boucelos, Arroxo (A Fonsagrada) a principios de febreiro do 2014 ca súa muda invernal case que todo branco.
- Unha garduña Martes foina tamén a principios de febreiro do 2014 que cruza a pista de día entre Padornelo e Centigosa (Baleira).
- Un picazo real Lanius meridionalis o 8/12/2013.preto da estrada no val de Neira (Baleira - Baralla).

Picanzo real Lanius meridionalis polo val do Neira.

- Unha arcea Scolopax rusticola o 20/12/2013 atropelada preto de Coea (Navia de Suarna).
- Un sapo común Bufo bufo adulto en actividade diurna á beira do río de Lamas preto de Cereixido (A Fonsagrada) o 24/4/2013.
- Dúas píntegas comúns Salamandra salamandra adultas por Pedrafitelas (A Fonsagrada) o 19/11/2013 nun pequeno depósito auga particular.

Píntega común Salamandra salamandra por Pedrafitelas (A Fonsagrada)

- Un sapiño comadrón Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada) o 13/7/2013.

Sapiño comadrón Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.

- Unha cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada na estrada preto de Silvadrosa (Baleira) o 3/7/2013.


Cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada preto de Silvadrosa (Baleira).

- Unha cobra de colar Natrix natrix xuvenil atropelada chegando á capela Vilar de Cuiña (Negueira de Muñiz) o 9/8/2013 e outra xuvenil na estrada chegando a Pastoriza (A Fonsagrada) o 17/8/2013.

Na flora non moitas novedades, a non ser por un pequena e nova poboación de Serapias lingua nun pasteiro preto da ponte do río Lamas entre Sanguñedo e San pedro do Río (A Fonsagrada) a principios do maio pasado.

Serapias lingua preto do río Lamas (A Fonsagrada).

E xa para rematar esta escolma e posta ao día, que xa era hora, falar dun curioso lique que atopamos medrando nuns troncos en pé de castiñeiros Castanea sativa preto de Cereixido (A Fonsagrada): Lobaria pulmonaria.

Lobaria pulmonaria sobre castiñeiros preto de Cereixido (A Fonsagrada).

Sen outra, deixámolo aquí en emprazámosvos para outras novas que non se farán tanto de rogar. Ancares nos espera.