Mostrando entradas con la etiqueta Lutra lutra. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lutra lutra. Mostrar todas las entradas

jueves, 19 de enero de 2023

Mamíferos no tinteiro

Comeza o 2023 e, a pesar da pouca actividade que ten este blog, quería facer unha entradiña para movelo un pouco e que non pensedes que está totalmente esquecido. Se ven é certo que pola miña parte deixarei este blog activo todo o que a plataforma o permita, temos que ter en conta que con tanta rede social e plataformas de ciencia cidadá actuais xa non damos atendido a todo de forma correcta. Téñolle moita estima a este sitio, se ven me permitiu aprender e seguir aprendendo, a miña idea é deixalo activo como lugar de consulta para quen queira e o aprecie. Así que nada, unhas cantas fotos para animar un pouco este sitio.
Primeiro un gato montés Felis silvestris que atopei a primeira hora dunha mañá de xullo nun pasteiro preto de Liñares de Bidul (A Fonsagrada). Curiosamente tiña o rabo partido e estaba lambendo a ferida. Vai ti a saber en que leas se metera esa noite.

 

Gato montés Felis silvestris por A Fonsagrada.

 

A lebre de piorneira Lepus castroviejoi. Este endemismo da cordilleira cantábrica pódese observar pola montaña lucense. Concretamente este exemplar deixouse fotografar en febreiro pola campa de Ortigoso (Cervantes).

 

                                    Lebre de piorneira Lepus castroviejoi pola campa de Ortigoso (Cervantes).

 Os rebezos Rupicapra pyrenaica parva xa forman parte do paisaxe dos Ancares. É curioso velos buscando estar encima da neve como se observa nesta fotografía no Penalonga.


                                                     Rebezos Rupicapra pyrenaica parva no Penalonga (Cervantes).

Tamén de ven de vez en cando algún esquío Sciurus vulgaris, como este fotografado por Vilar (Navia de Suarna) no mes de abril


                                                                Esquío Sciurus vulgaris por Vilar (Navia de Suarna).

As lontras Lutra lutra, se ven normalmente nos canles fluviais, pero cando saen de alí pasan cousas como este exemplar atropelado na estrada de Pastoriza a Paradavella (A Fonsagrada) a finais de marzo.


                                                                Lontra lutra lutra atropelada na Fonsagrada.

sábado, 30 de mayo de 2015

Un ano co lobo e outros mamíferos

Con motivo do censado a nivel estatal das poboacións de lobo, que en 2014 tivo lugar nas provincias de Lugo e Ourense, tiven ocasión de coñecer a situación actual do lobo ibérico Canis lupus signatus na comarca de Ancares, así como as costumes desta especie na súa loita diaria pola supervivencia.
Durante estas xornadas puiden observar como este animal, que mantén un número de efectivos relativamente aceptables na comarca de Ancares, pode pasar tan desapercibido no sei día a día para os humanos e tamén o complicado que resulta a súa observación directa. Máis doado resultou comprobar a súa presenza polo diferentes indicios que deixa.
Aínda así, e con algo de sorte, tivemos ocasión de observalo nalgunha ocasión e tamén de fotografalo. Do mesmo xeito que a técnica de fototrampeo nos permitiu filmalo nalgunhas ocasións máis.

Lobo ibérico no inverno fotografado neste pasado inverno de 2015.

Lobo ibérico na primavera – verán filmado mediante fototrampeo na comarca de Ancares no 2014.

Lobiño ibérico fotografado mediante fototrampeo na comarca de Ancares no 2014.

E ¿qué come o lobo?. Un estudio realizado na zona conclúe que corzo Capreolus capreolus e xabarín Sus scrofa son maioritariamente as presas potenciais do lobo ibérico nos Ancares. Coñecido é tamén nos últimos anos o descenso no número de corzos na Reserva de Caza de Ancares ao mesmo tempo que aumentaba o número de lobos ibéricos, aínda que esta última relación directa ben puidera ter outros factores a ter en conta como a existencia de novas doenzas nos corzos.

Macho de corzo Capreolus capreolus na comarca de Ancares.

Outras especies que poden ser presas potenciais do lobo ibérico nos Ancares son o rebezo e o cervo.
O rebezo Rupicapra pyrenaica parva posúe unha asentada poboación nos cumios dos Ancares e non é difícil de pensar que en ocasións poden ser presa fácil do lobo, especialmente as crías que a partir do mes de Abril poden ser presas fáciles.

Rebezo Rupicapra pyrenaica parva nos cumios de Ancares.

O Cervo Cervus elaphus é unha especie non moi abondosa pero si existente na comarca de Ancares. Actualmente empezan a aumentar as súas observación polo que cremos que pode estar aumentado o seu número e, porque non, pode ser outra potencial presa para o lobo ibérico nos Ancares.

Outro mamíferos que tamén observamos neste tempo na comarca de Ancares son os seguintes:
-O gato montés Felis silvestris, especie que non debe estar presente en gran número na comarca, polo baixo número de citas que teño recompiladas. Aínda así se constata a súa existencia con este montaxe fotográfico de un exemplar observado no concello de Cervantes a finais de 2014.

Gato montés Felis sylvestris na comarca de Ancares a finais de 2014.

-O raposo Vulpes vulpes. Presente en toda a comarca. Numerosas citas.

Raposo Vulpes vulpes por Cervantes.

-A marta Martes martes . Tamén presente en toda a comarca e con numerosas citas. Ademais esta especie é unha asidua visitante das cámaras de fototrampeo, como o simpático vídeo que vos deixo a continuación.


Vídeo de marta Martes martes por Pedrafita de Cebreiro a finais de marzo de 2015.

-O armiño ou doniña branca Mustela erminea. Observación de un exemplar preto de Doiras (Cervantes) o 22 de xullo de 2014.

-O furón bravo Mustela putorius. Observación de un exemplar atropelado preto de Quindous (Cervantes) o 17 de outubro de 2014.

-A lontra Lutra lutra, presente nas masas de auga da comarca mellor conservadas, temos a sorte de poder amosar este vídeo de dous exemplares novos xogando no río Navia preto de Torallo (Becerreá) o 30 de outubro de 2014.

Vídeo de lontras Lutra lutra no río Navia.

Fotografías e vídeos: Germán Torres, Pío A. de la Peña, Daniel Pérez.

lunes, 12 de marzo de 2012

Mamíferos e atropelos


As estradas son unha fonte inagotable, moitas veces imprevisible e sempre indeseable de información sobre a diversidade biolóxica faunística desta comarca, e no caso que nos ocupa de mamíferos. A mortalidade por atropelo ou colisións con vehículos ou outras causas dos animais que tentan cruzar as vías permite a constatación da presencia de especies que non son doadas de ver. Moitas veces polos seus hábitos nocturnos, outras por ser moi esquivas e/ou tamén por non ser moi comúns, o caso é que aínda que preferiríamos nos facer este tipo de observacións o realidade é que se producen e por iso vexamos unhas cantas feitas recentemente.
O 15/02/2012 atopamos unha londra Lutra lutra atropelada na estrada moi preto do Cádavo (Baleira). É esta unha especie da que xa tiñamos constancia da súa presencia en medios acuáticos da comarca, pero ahí estaba no asfalto lonxe dun río ou regato onde seguro estaría mellor.
Londra Lutra lutra atropelada preto do Cádavo (Baleira).

O 28/02/2012 un furón bravo Mustela putorius aparece atropelado preto de Río de Bangos (A Fonsagrada). Esta é unha especie non moi común e non é doado vela por ser eminentemente nocturna. Esta é a primeira cita persoal desta especie na comarca e xa vedes de que forma.
Furón bravo Mustela putorius preto de Río de Bangos (A Fonsagrada).

O 04/03/2012 unha xeneta Genetta genetta polo Coto de Lamas de Moreira (A Fonsagrada) e un porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada) tamén atropelados.
Xenetta Genetta genetta polo Coto de Lamas (A Fonsagrada).
Porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada).

Bueno, e agora un par de fotografías de mamíferos vivos, para quitar o mal sabor de boca. Primeiro unha marta Martes martes observada polo Rego da Pasada (A Fonsagrada) e por último un aínda atontado rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada) que parece non entender esta tempo de verán en pleno inverno. Ata outra.
Marta Martes martes polo Rego da Pasada (A Fonsagrada).

Rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada).