Mostrando entradas con la etiqueta Coronella girondica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Coronella girondica. Mostrar todas las entradas

sábado, 25 de noviembre de 2017

Un feixe de réptiles

Unhas cantas fotografías e/ou citas de réptiles na comarca de Ancares que tiña pendente de publicar:

- Lagarto das silvas Lacerta schreiberi. 1 macho en época de celo mostra o seu característico azulado na cabeza preto de Rao (Navia de Suarna) o 21 de abril de 2017.

 Lagarto das silvas Lacerta schreiberi por Rao (Navia de Suarna).

- Lagarta galega Podarcis bocagei. 1 femia aínda activa o 11 de novembro de 2015 toma o sol na beira do camiño de Deva a Brego (Cervantes).

Lagarta galega Podarcis bocagei no camiño de Deva a Brego (Cervantes).

- Cobra de colar Natrix natrix (agora disque Natrix astreptophora). 1 exemplar de máis de 1 metro de lonxitude atropelado na estrada por Souto (Navia de Suarna) o 21 de setembro de 2017.

- Cobra lagarteira común Coronella austriaca. 1 pequeno exemplar cruza unha pista na serra de Trabado (Navia de Suarna) o 25 de outubro de 2016.
 
Cobra lagarteira común Coronella austriaca na serra de Trabado (Navia de Suarna).

- Cobra lagarteira meridional Coronella girondica. 1 exemplar adulto atropelado na estrada o 29 de setembro de 2017 preto de San Román (Cervantes).

 Cobra lagarteira meridional Coronella girondica preto de San Román (Cervantes.

- Víbora de seoane Vipera seoanei. Varias citas desta especie na comarca de Ancares: unha atropelada na estrada entre Pradela e Poso (Cervantes) o 27 de abril de 2016, outra tamén atropelado nunha pista preto de Coro (Navia de Suarna) o 8 de maio de 2017, unha terceira víbora de seoane tamén atropelada nunha pista por Vilar (Cervantes) o 5 de setembro de 2016 e por último outra, como non, atropelada tamén o 4 de xuño de 2017 entre Vilar e As Pontes de Xantes (Cervantes) coa peculariedade esta última de ser melánica (víbora negra).

Víbora de seoane Vipera seoanei entre Pradela e Poso (Cervantes).

Víbora de seoane Vipera seoanei  preto de Coro (Navia de Suarna. 

Víbora de seoane melánica Vipera seoanei entre Vilar e As Pontes de Xantes (Cervantes).

lunes, 14 de abril de 2014

Un pouco de todo, moito de nada

Levaba este blog uns cantos meses sen dar síntomas de actividade, concretamente desde que o oso de Baleira se deixara fotografar no verán do 2013. Pero tranquilos, que non é a miña intención deixar de amosar neste espazo os valores ecolóxicos que poidan ser de interese ou que simplemente poñan en valor o patrimonio natural que temos a oportunidade de disfrutar neste recuncho.

Case non me decatei, pero o tempo pasou e demasiado rápido para o meu gusto. E que xa van alá un lote de meses nos que outras actividades persoais, que nada teñen que ver con este blog, conseguiron ocuparme a cabeciña e ir deixando para máis adiante as crónicas naturalistas acostumadas.

Pero como dicía, tranquilos que non teño intención ningunha de rematar con esta actividade blogueira, todo o contrario. O que si vou facer é unha “pequena” variación: unha ampliación da zona de influencia. Así que que nun futuro próximo, ídevos facendo á idea, falaremos de cotío tamén da comarca de Ancares, ou sexa, dos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Case nada.

Polo que mentres recopilamos cousiñas moi interesantes para amosalas nun futuro cercano, arredemo que as hai, imos falar dalgunhas outras cousiñas que nos quedaban no tinteiro da comarca de Fonsagrada.

Empezamos polo oso Ursus arctos de Baleira, que seguía a finais do 2013 atacando colmeas nos seu lugares xa habituais e en febreiro do 2014 seguía nas mesmas. Parece que este animal apenas tivo, ou non tivo meñor dito, un perído de hibernación. Vexamos que ocorre con él agora que comeza a época primaveral na que esta especie acostuma a facer os seus desprazamentos habituais.

Pegada de oso pardo en Baleira o 20/11/2013.

Outras observacións tamén interesantes na comarca foron:
- Un armiño ou doniña branca Mustela erminea preto de Os Boucelos, Arroxo (A Fonsagrada) a principios de febreiro do 2014 ca súa muda invernal case que todo branco.
- Unha garduña Martes foina tamén a principios de febreiro do 2014 que cruza a pista de día entre Padornelo e Centigosa (Baleira).
- Un picazo real Lanius meridionalis o 8/12/2013.preto da estrada no val de Neira (Baleira - Baralla).

Picanzo real Lanius meridionalis polo val do Neira.

- Unha arcea Scolopax rusticola o 20/12/2013 atropelada preto de Coea (Navia de Suarna).
- Un sapo común Bufo bufo adulto en actividade diurna á beira do río de Lamas preto de Cereixido (A Fonsagrada) o 24/4/2013.
- Dúas píntegas comúns Salamandra salamandra adultas por Pedrafitelas (A Fonsagrada) o 19/11/2013 nun pequeno depósito auga particular.

Píntega común Salamandra salamandra por Pedrafitelas (A Fonsagrada)

- Un sapiño comadrón Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada) o 13/7/2013.

Sapiño comadrón Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.

- Unha cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada na estrada preto de Silvadrosa (Baleira) o 3/7/2013.


Cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada preto de Silvadrosa (Baleira).

- Unha cobra de colar Natrix natrix xuvenil atropelada chegando á capela Vilar de Cuiña (Negueira de Muñiz) o 9/8/2013 e outra xuvenil na estrada chegando a Pastoriza (A Fonsagrada) o 17/8/2013.

Na flora non moitas novedades, a non ser por un pequena e nova poboación de Serapias lingua nun pasteiro preto da ponte do río Lamas entre Sanguñedo e San pedro do Río (A Fonsagrada) a principios do maio pasado.

Serapias lingua preto do río Lamas (A Fonsagrada).

E xa para rematar esta escolma e posta ao día, que xa era hora, falar dun curioso lique que atopamos medrando nuns troncos en pé de castiñeiros Castanea sativa preto de Cereixido (A Fonsagrada): Lobaria pulmonaria.

Lobaria pulmonaria sobre castiñeiros preto de Cereixido (A Fonsagrada).

Sen outra, deixámolo aquí en emprazámosvos para outras novas que non se farán tanto de rogar. Ancares nos espera.

viernes, 14 de octubre de 2011

A Saramaganta rabilonga e máis hérpetos

Aínda non tivemos ocasión de falar neste blog da saramaganta rabilonga Chioglossa lusitanica. Este endemismo do noroeste da Península Ibérica tamén de pode atopar na comarca da Fonsagrada, xa que logo por aquí atopa os hábitats naturais aos que vive asociada: pequenos regatos e fontes de augas limpas e ben osixenadas, así como vexetación preferiblemente caducifolia en zonas frescas e húmidas. Así foi, nun destes regatos, onde atopamos un par de exemplares baixo unas pedras preto da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) o 28/07/11.

Saramaganta rabilonga Chioglossa lusitanica pola Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Tamén tivemos ocasión este verán de observar que o sapoconcho de orellas vermellas Trachemys scripta elegans xa ten unha poboación establecida no encoro de Salime. Se observaron varios exemplares adultos preto da Área Recreativa da Virxe da Veiga. Outra especie invasora máis.

Tamén citamos:
  • Un esgonzo común Chalcides striatus por Santalla (Ribeira de Piquín) o 02/08/11 preto dunha fonte seca no estío.
  • Un lagarto das silvas Lacerta schreiberi preto da Ferrería de Cuiña no camiño á Fornaza (A Fonsagrada) o 30/08/11.
  • Unha serpe riscada Rhinechis scalaris atropelada na estrada preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz) o 02/08/11.
  • Unha cobra lagarteira meridional Coronella girondica tamén atropelada na estrada preto da Cortevella (Baleira) o 08/08/11.
Lagarto das silvas Lacerta schreiberi preto da ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Serpe riscada Rhinechis scalaris atropelada preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

Cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada preto da Cortevella (Baleira).