Mostrando entradas con la etiqueta Alectoris rufa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Alectoris rufa. Mostrar todas las entradas

domingo, 15 de diciembre de 2024

Aves exóticas, introducidas, alóctonas, domésticas, naturalizadas ...

Son varias as especies de aves que podemos ver nas comarcas da Fonsagrada e dos Ancares que teñen pouco de autóctonas. Son esas aves que, por que non dicilo, sobran no medio. Aquí vai unha escolma dalgunhas que fomos atopando:

- O pato mandarín Aix galericulata. Observamos esta parella o 31 Mar 2023 na charca de Reboira (A Fonsagrada), este especie, aínda que poden proceder de poboacións asilvestradas e aparecer no inverno, o normal que sexan escapes de colección particulares.

 

-O periquito común Melopsittacus undulatus. O que faltaba por ver, ter que subir ao pico Penarrubia o 30 Set 2023 e atopar estes dous exemplares totalmente fora de lugar e por suposto apunta a un escape de exemplares domésticos.

 

- Este híbrido de ganso bravo con cisnal Anser anser x cygnoides foi observado o 13 Nov 2023 no encoro de Salime (Negueira de Muñíz). A súa orixe apunta a un escape dun exemplar doméstico.



- Tamén no encoro de Salime e na bacía do río Navia e Lamas podemos observar algún pato mudo Cairina moschata.



- O faisán de colar Phasianus colchicus. Este macho foi observado o 19 Feb 2024 preto do Porto da Baqueriza (Baleira). Con claro orixe en soltas cinexéticas, o caso é que se veñen vendo cada vez en maior número nestes últimos anos. Tamén se observa algún macho e algunha femia polo Val do Neira (Baleira – Baralla).


 

- A perdiz rubia Alectoris rufa. Se ven seguen a producirse solta cinexéticas anualmente antes do comezo da caza menor con variedades de perdiz rubia que non son as autóctonas, aínda queda esperanza e podemos ver imaxes como as da última foto. 

viernes, 29 de agosto de 2014

Notas ornitolóxicas nos Ancares I

Imos retomar a actividade ocupándonos das aves, que xa tocaba. Por iso imos dividir esta entrada en dous e deste xeito amosar nesta primeira un feixe de citas ornitolóxicas do 2014 de interese na comarca de Ancares e deixando para unha segunda volta ás aves rapaces.
As citas recollidas comezan coa observación dunha parexa de cruzabicos Loxia curvirostra o 19 de marzo preto de O Vilar (As Nogais).

Cruzabico Loxia curvirostra preto de O Vilar (As Nogais).

As perdices Alectoris rufa son outras aves que son fáciles de observar en diferentes puntos da comarca de Ancares, xa cos perdigóns crecidiños a esta altura do ano, o que resulta difícil de saber con seguridade é cales teñen a súa orixe en soltas e cales non.

Perdiz Alectoris rufa por Cervantes.

O merlo rieiro Cinclus cinclus é outra especie que se observa con facilidade todo o ano nos cursos dos ríos ancarenses, como este fotografado desde a ponte da área recreativa do río Navia preto de Navia de Suarna.

Merlo rieiro Cinclus cinclus no río Navia preto de Navia de Suarna.

As choias Pyrrhocorax pyrrhocorax son fácilmente escoitadas e observadas na contorna de canteiras por Becerreá. Sempre observadas en pequenos grupos, fotografámos esta na canteira de Vilaesteva, preto do Alto da Forcadura. O mesmo pasa cas cegoñas brancas Ciconia ciconia que xa son habituais na primaveira e verán polas cotas baixas da comarca de Ancares.

Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax preto de Vilaesteva.

Cegoñas brancas Ciconia ciconia no niño nunha igrexa por Baralla.

Unha cita interesante foi a observación dun pombo pequeno Columba oenas o 30 de maio na torre do castelo de Torés. A primeira observación persoal desta especie na comarca.

Pombo pequeno Columba oenas na torre de Torés (As Nogais).

As avenoiterias cincentas Caprimulgus europaeus observámolas en diferentes lugares como a que vista á noitiña nas pistas que suben ao Penarrubia (Cervantes) o 8 de agosto. Tamén os cucos Cuculus canorus se deixaron ver como o observado pola Serra do Vilar o 2 de agosto. Tamén preto do Penarrubia (Cervantes) o 6 e o 8 de agosto e preto de Vilachá (Baralla) o 26 de agosto. Tamén neste último lugar e data se deixou ver unha parella de ouriolos Oriolus oriolus, especie observada tamén preto de O Couso (Cervantes) o 11 de agosto.

Forma vermella de Cuco Cuculus canorus pola Serra de Vilar (Cervantes).

E por último os picanzos vermellos Lanius collurio, obsevados en diferentes zonas como este amosado a continuación preto de Catro Ventos (Cervantes) o 16 de agosto.

Picanzo vermellos Lanius collurio preto de Catro Ventos (Cervantes).


Proximamente: as aves rapaces.

lunes, 3 de septiembre de 2012

De volta ornitolóxica

Sen ter novas destacables, no que á fauna ornitolóxica da comarca se refire, sempre aparecen motivos para actualizar o blog. Neste caso son especies das que xa temos falado pero que sempre merecen atención.
Os primeiros que merecen a nosa atención son os lagarteiros das torres Falco naumanni que volveron a visitar a comarca, por segundo ano concecutivo e nas mesmas datas, na segunda quincena de agosto. Se observaron grupos de ata 17 exemplares polos pastizais da Cima de Valquente, preto de Teilalle (Baleira). Esta vez si se observaron varios machos adultos desta especie.

Lagarteiro das torres Falco naumanni por Baleira.

Tamén se deixaron ver as perdices Alectoris rufa. Sedentaria e habitual na comarca, deberon ter unha boa época de cría pois imaxes como as da seguinte fotografía observáronse varias veces no verán.
 
Perdices Alectoris rufa pola Fonsagrada.

E as papuxas do mato Sylvia undata, máis habituais do que un servidor pensaba e que nesta zona atopa hábitats adecuados, sempre están ahí para tirarlle unhas fotos.

Papuxa do mato Sylvia undata polo Alto do Acevo (A Fonsagrada).

jueves, 9 de septiembre de 2010

Novas observacións ornitolóxicas de Agosto

Ademais das citas comentadas na entrada anterior, por baixas de efectivos, o mes de Agosto tamén aportou outras observacións que paso a comentar.

Foi interesante ver como a perdiz Alectoris rufa aparecía a principios de mes ata en catro ocasións acompañada de perdigóns en diferentes zonas da comarca: A Fornaza, basureiro selado de Baleira, Sanguñedo e outros. Parece que vai a ser un bo ano de cría da especie.
Unha gatafornela Circus cyaneus aparecía facendo pasadas por Montouto (A Fonsagrada) o 16/8/10.

Saímos por primeira vez da comarca para ir ao veciño concello de Baralla. Alí descubríu o compañeiro Pío (gracias Pío pola información) a primeira colonia de andoriña das barreiras Riparia riparia que observamos nesta zona. A visitamos o 25/8/10 e alí observamos unha poboación estimada de 5-6 parexas todavía en plena ceba dos seus polos. Encravada nun talude areoso nunha graveira ao lado do río Neira cerca da ponte de Santo Estevo (Baralla), esperemos que este habitat idóneo para esta especie non teña modificacións significativas no tempo e poder manter esta poboación ao longo dos anos.


Colonia de andoriña das Barreiras Riparia riparia en Santo Estevo (Baralla).


Andoriñas das barreiras Riparia riparia por Santo Estevo (Baralla).
O 27/8/10 visitamos o río Esteleiro, preto de San Pedro de Neiro (A Fonsagrada) e antes de chegar nunha pequena masa de cerquiños Quercus pyrenaica observamos 3 gabeadores azuis Sitta europaea e 1 gabeador Certhia brachydactyla.


Gabeador azul Sitta europaea preto do río Esteleiro (A Fonsagrada).


Gabeador Certhia brachydactyla preto do río Esteleiro (A Fonsagrada).
Ese mesmo día observamos un pilro común Calidris alpina no río Eo, preto de Fonteo (Baleira). Esta limícola tan habitual noutras zonas a observamos na comarca da Fonsagrada por primeira vez revoloteando entre as balsas de auga da piscifactoría do río Eo.

Pilro común Calidris alpina nunha foto de archivo por Baldaio, Carballo (A Coruña).