Mostrando entradas con la etiqueta Falco subbuteo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Falco subbuteo. Mostrar todas las entradas

domingo, 12 de octubre de 2014

Notas ornitolóxicas nos Ancares II: As aves rapaces

Seguindo a pegada deixada na anterior entrada imos comentar nesta ocasión unha listaxe de observacións de aves rapaces diurnas obtidas estes meses pasados do 2014 na comarca de Ancares.

- Comezamos ca raiña dos cumes, a aguia real Aquila chrysaetus, tivemos ocasión de observar un exemplar o 19 de xullo sobrevoando o Penarrubia (Cervantes) pola parte galega e desapareceu voando hacia o sureste.
- A aguia cobreira Circaetus gallicus: observamos 1 exemplar o 19 de xullo chegando a Degrada (Cervantes) e outros dous o 2 de agosto pola Serra de Vilar (Cervantes).

Aguia cobreira Circaetus gallicus chegando a Degrada (Cervantes).

- Aguia calzada Hieraaetus pennatus: 1 exemplar morfo claro o 17 de agosto preto de A Lagúa (As Nogais).

Aguia calzada Hieraaetus pennatus preto de A Lagúa (As Nogais).

- A tartaraña cincenta Circus pygargus: 1 parella (o macho melánico) e 3 xuvenís o 19 de xullo preto de Catroventos (Cervantes). Tamén 1 macho adulto o 6 de agosto nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).

Macho melánico de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes).

Xuvenil de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes)

- Miñato abelleiro Pernis apivorus: 9/6/2014, 1 exemplar adulto sae voando o 9 de xuño preto de Bustelo - Serra de Palmeán (Cervantes).
- Gabián Accipiter nisus: 1 exemplar atropelado preto de Eixibrón (Becerreá) o 17 de marzo.

Gabián Accipiter nisus atropelado preto de Eixibrón (Becerreá).

- Azor Accipiter gentilis: 1 exemplar o 6 de agosto a última hora da tarde nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).
- Lagarteiro Falco tinnunculus, varias observacións como o fotografado o 30 de marzo de 2 exemplares polo Val do Rao (Navia de Suarna).

Lagarteiro Falco tinnunculus polo Val do Rao (Navia de Suarna).

- Lagarteiro das torres Falco naumanni: mínimo 3 exemplares o 26 de xullo cazando saltóns preto de Vilachá (Baralla). Tamén mínimo 5 exemplares por Catroventos (Cervantes) na mesma data. O 6 de agosto observamos alomenos 6 exemplares nos pastizais preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

Lagarteiro das torres Falco naumanni preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

- Falcón pequeno Falco subteo: Alomenos 3 exemplares o 19-xullo pola corda entre o Tres Bispos e os Calangos de Brego (Cervantes).

- Falcón peregrino Falco peregrinus : Unha parella chocando os ovos no ñiño o 30 maio por Becerreá.

viernes, 2 de septiembre de 2011

Papuxa carrasqueira, comezo do paso e outras citas ornitolóxicas do verán

Con este tempo revolto, finaliza agosto por esta terras e aproveitamos para amosar a listaxe de citas ornitolóxicas de interese recollidas nestes meses do estío. Podedes observar polas especies observadas nestas últimas datas que o paso migratorio postnupcial comeza a sentirse.
Tamén observamos por primeira vez na comarca unha especie á que xa lle tiña ganas: a Papuxa carrasqueira Sylvia cantillans. Grazas ó fino oído do compañeiro Amadeo Pombo logramos dar con esta papuxa da que existían citas na zona pero que se estaba resistindo.

-Ouriolo Oriolus oriolus: 2 ex. o 15 de xullo polo encoro do Navia entre Río de Porcos e outro o 17 de xullo polo alto da Vacariza (A Fonsagrada).

-Tartaraña cincenta Circus pygargus. Diversas observacións pola comarca: 1 macho adulto o 21 de xullo entre O Cádavo e Trabeiro (Baleira), outro o 13 de xullo entre A Espiña e Cabreira (Baleira), 1 femia adulta o 22 de xullo polo Coto da Nena, A Marronda (Baleira) e outra femia o 22 de xullo baixando pola Tumbiadoira (A Fonsagrada).

Tartaraña cincenta Circus pygargus polo Coto da Nena, A Marronda (Baleira).

Tartaraña cincenta Circus pygargus pola Tumbiadoira (A Fonsagrada).

-Gaivota chorona Chroicocephalus ridibundus. Primeira observación persoal desta especie o 2 de xullo de 2 ex. no encoro do Navia preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

Gaivota chorona Chroicocephalus ridibundus preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

-Bilurico alinegro Tringa ochropus. 1 ex. o 13 de xullo na charca de Reboira (A Fonsagrada).

-Papuxa común Sylvia communis. 3 ex. o 19 de xullo nunha sebe preto de Reboira (A Fonsagrada).

-Paspallás Coturnix coturnix. Varios exemplares con polos o 28 de xullo nun pasteiro preto de Valdería (Baleira).

-Falcón pequeno Falco subbuteo. 1 ex. sobrevoa O Cádavo (Baleira) á tardiña o 13 de agosto.

-Falcón peregrino Falco peregrinus: 1 ex. o 16 de agosto preto de O Sollío (Baleira) e outro o 22 de agosto por Torviso (A Fonsagrada).

Falcón peregrino Falco peregrinus nunha foto de archivo por San Sadurniño (A Coruña).

-Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. 1 ex. o 22 de agosto preto da charca Reboira (A Fonsagrada).

-Chasco norteño Saxicola rubetra. 2 ex. inm. o 22 de agosto preto de Reboira (A Fonsagrada).

Chasco norteño Saxicola rubetra por Reboira (A Fonsagrada).

-Lagarteiro das torres Falco naumanni. 8 ex. cazando saltóns á tardiña o 27 de agosto nun pastizal por Lamas de Campos (A Fonsagrada). Máis observacións hoxe 1 de setembro en diversos pastizais polo val do Cádavo (Baleira).

-Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus: 12 ex. o 28 de agosto polo encoro do Navia, preto de A Fornaza (A Fonsagrada) e 6 ex. o 27 de agosto por O Sollío (Baleira) acompañados de 2 ex. de Picafollas musical Phylloscopus trochilus, os primeiros que observamos no paso, 2 ex. de Ferreiriño cristado Parus cristatus e 2 ex. de Ferreiriño negro Parus ater.

-Papamoscas negro Ficedula hypoleuca. 1 ex. oído o 28 de agosto preto de Paradavella (A Fonsagrada).

-Papuxa carrasqueira Sylvia cantillans. 3-4 ex. o 28 de agosto polo Navia, entre a Ferrería de Cuiña e Fornaza (A Fonsagrada), tamén na mesma zona 6 ex. de Ferreiriño azul Parus caeruleus, 2 ex. de Gabeador Certhia brachydactyla e 2 ex. de Papuxa das amoras Sylvia atricapilla. Tamén na mesma zona o 30 de agosto 6 ex. de Estreliña riscada Regulus ignicapilla.

Papuxa carrasqueira Sylvia cantillans polo val do Navia, preto de Fornaza (A Fonsagrada)

-Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax. 28 ex. desde o miradoiro de Arexo, A Fornaza (A Fonsagrada).

Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax por Arexo, A Fornaza (A Fonsagrada).