sábado, 19 de marzo de 2011

A primavera xa está aquí

Ás mesmas portas temos a primavera. E aínda que levo uns días sen ir pola comarca da Fonsagrada, un pode ter a sorte que desde a mesma fiestra da súa casa pode observar como as hormonas xa comezan a actuar. E é que na cidade de Lugo existe alomenos unha parexa de falcóns peregrinos Falco peregrinus que xa o ano pasado criaron nun macetón dunha fiestra nun alto edificio da cidade.


Falcón peregrino Falco peregrinus nalgún lugar da cidade de Lugo.

Nos alegramos ver que polo que indican estas fotografías realizadas o pasado 6 de marzo, este ano parecen volver a querer criar no mesmo lugar, e trala cópula como premio uns botan un cigarro e neste caso o macho deixalle un pequeno paseriforme á femia. Parece que isto cansa así que que aproveite.

Falcón peregrino Falco peregrinus nalgún lugar da cidade de Lugo.

Se temos en conta o control que estas rapaces fan das poboacións de outras aves como poden ser os estorniños negros Sturnus unicolor, que tantos quebradeiros de cabezan dan ao concello de Lugo, ao mellor o aumento destas aves na cidade de Lugo podería ser o mellor e máis sinxelo método de control posible e sustituir outros máis costosos que se levan a cabo.

martes, 1 de marzo de 2011

Un gabián na escola e outras citas ornitolóxicas

Pasou febreiro, pero es nevaradas e o frío seguen ameazando con blanquear os montes e outras partes altas destas terras. Será polo frío ou por que xa comezan os movementos primaverais, o caso é que o 23 de febreiro unha femia de gabián Accipiter nisus quixo pasar a noite na pista polideportiva semicuberta do colexio de A Fonsagrada. O que non esperaba pola mañá é o balbordo habitual de nenos correndo e xogando e así calquera se atreve a sair. Por sorte para o gabián, pola noitiña xa fuxíu e un servidor quedouse sen observalo. Menos mal que Alejandro fixo estas fotos para dar testimonio desta breve incursión escolar.


Femia de gabián Accipiter nisus no teito da pista polideportiva (A Fonsagrada). Fotografías de Alejandro Ocampo.

Febreiro deixounos tamén algún bando de becacinas Gallinago gallinago en pastizais enchoupados por Miñide (A Fonsagrada) e un gran número de tordos reais Turdus pilaris, presentes en bandos numerosos por pastizais de toda a comarca.


Becacina Gallinago gallinago.


Tordo real Turdus pilaris.

Tamén temos recén chegados como a primeira observación da tempada, o 22 de febreiro, de mínimo 6 lavercas Alauda arvensis por Candaído (A Fonsagrada) ou a chegada da parexa de cegoñas brancas Ciconia ciconia ao seu niño no veciño concello de Castroverde o 13 de febreiro.


Cegoña branca Ciconia ciconia por Castroverde.