Mostrando entradas con la etiqueta Accipiter nisus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Accipiter nisus. Mostrar todas las entradas

domingo, 30 de julio de 2023

2023 ornitolóxico, de momento ...

Este presente ano está traendo algunha que outra sorpresiña, pero ningunha comparada a unha que lle tiña moita ganas. A charrela Perdix perdix é unha desas observacións que levaba tempo esperando por Ancares e a verdade que cando por fin aconteceu veu da mellor maneira, pois se deixou fotografar a pracer un bo rato.

 Charrela Perdix perdix o 20 de marzo na subida ó pico Penarrubia (Cervantes).

O peto verde ou ibérico Picus sharpei e o peto real Dendrocopos major son os dous petos máis facilmente observables nesta zona e presentes todo o ano. A pesar de que non sempre se deixan fotografar a gusto, algunha vez tamén se pode sacar algo.

 Peto verde Picus sharpei o 20 de xaneiro polo val de Neira de Rei (Baralla).

 


Peto real Dendrocopos major o 27 de xaneiro polo val de Neira de Rei (Baralla).

Dúas aves de rapiña que logramos fotografar foron o esquivo gabián Accipiter nisus e o cada vez máis presente en época estival millafre negro Milvus migrans. Tamén logramos observar outa vez o voitre branco Neophron percnopterus, esta vez por Camporredondo (Baralla).


Gabián Accipiter nisus o 17 de marzo polo val de Neira de Rei (Baralla).


Millafre negro Milvus migrans o 22 de marzo polo val de Neira de Rei (Baralla).


Voitre branco Neophron percnopterus o 3 de marzo por Camporredondo (Baralla).

O pizanzo real norteño Lanius meridionalis. Este bonito paxaro, sen ser abondoso, é visitante estival por estes lares. Pero tamén hai algúns poucos individuos que quedan e se establecen na zona e pasan con nós o inverno.

 

Picanzo real norteño Lanius meridionalis o 4 de febreiro polo val de Neira de Rei (Baralla).

Curiosamente estes picanzos invernantes ó chegar a primaveira desaparecen...

domingo, 12 de octubre de 2014

Notas ornitolóxicas nos Ancares II: As aves rapaces

Seguindo a pegada deixada na anterior entrada imos comentar nesta ocasión unha listaxe de observacións de aves rapaces diurnas obtidas estes meses pasados do 2014 na comarca de Ancares.

- Comezamos ca raiña dos cumes, a aguia real Aquila chrysaetus, tivemos ocasión de observar un exemplar o 19 de xullo sobrevoando o Penarrubia (Cervantes) pola parte galega e desapareceu voando hacia o sureste.
- A aguia cobreira Circaetus gallicus: observamos 1 exemplar o 19 de xullo chegando a Degrada (Cervantes) e outros dous o 2 de agosto pola Serra de Vilar (Cervantes).

Aguia cobreira Circaetus gallicus chegando a Degrada (Cervantes).

- Aguia calzada Hieraaetus pennatus: 1 exemplar morfo claro o 17 de agosto preto de A Lagúa (As Nogais).

Aguia calzada Hieraaetus pennatus preto de A Lagúa (As Nogais).

- A tartaraña cincenta Circus pygargus: 1 parella (o macho melánico) e 3 xuvenís o 19 de xullo preto de Catroventos (Cervantes). Tamén 1 macho adulto o 6 de agosto nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).

Macho melánico de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes).

Xuvenil de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes)

- Miñato abelleiro Pernis apivorus: 9/6/2014, 1 exemplar adulto sae voando o 9 de xuño preto de Bustelo - Serra de Palmeán (Cervantes).
- Gabián Accipiter nisus: 1 exemplar atropelado preto de Eixibrón (Becerreá) o 17 de marzo.

Gabián Accipiter nisus atropelado preto de Eixibrón (Becerreá).

- Azor Accipiter gentilis: 1 exemplar o 6 de agosto a última hora da tarde nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).
- Lagarteiro Falco tinnunculus, varias observacións como o fotografado o 30 de marzo de 2 exemplares polo Val do Rao (Navia de Suarna).

Lagarteiro Falco tinnunculus polo Val do Rao (Navia de Suarna).

- Lagarteiro das torres Falco naumanni: mínimo 3 exemplares o 26 de xullo cazando saltóns preto de Vilachá (Baralla). Tamén mínimo 5 exemplares por Catroventos (Cervantes) na mesma data. O 6 de agosto observamos alomenos 6 exemplares nos pastizais preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

Lagarteiro das torres Falco naumanni preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

- Falcón pequeno Falco subteo: Alomenos 3 exemplares o 19-xullo pola corda entre o Tres Bispos e os Calangos de Brego (Cervantes).

- Falcón peregrino Falco peregrinus : Unha parella chocando os ovos no ñiño o 30 maio por Becerreá.

martes, 1 de marzo de 2011

Un gabián na escola e outras citas ornitolóxicas

Pasou febreiro, pero es nevaradas e o frío seguen ameazando con blanquear os montes e outras partes altas destas terras. Será polo frío ou por que xa comezan os movementos primaverais, o caso é que o 23 de febreiro unha femia de gabián Accipiter nisus quixo pasar a noite na pista polideportiva semicuberta do colexio de A Fonsagrada. O que non esperaba pola mañá é o balbordo habitual de nenos correndo e xogando e así calquera se atreve a sair. Por sorte para o gabián, pola noitiña xa fuxíu e un servidor quedouse sen observalo. Menos mal que Alejandro fixo estas fotos para dar testimonio desta breve incursión escolar.


Femia de gabián Accipiter nisus no teito da pista polideportiva (A Fonsagrada). Fotografías de Alejandro Ocampo.

Febreiro deixounos tamén algún bando de becacinas Gallinago gallinago en pastizais enchoupados por Miñide (A Fonsagrada) e un gran número de tordos reais Turdus pilaris, presentes en bandos numerosos por pastizais de toda a comarca.


Becacina Gallinago gallinago.


Tordo real Turdus pilaris.

Tamén temos recén chegados como a primeira observación da tempada, o 22 de febreiro, de mínimo 6 lavercas Alauda arvensis por Candaído (A Fonsagrada) ou a chegada da parexa de cegoñas brancas Ciconia ciconia ao seu niño no veciño concello de Castroverde o 13 de febreiro.


Cegoña branca Ciconia ciconia por Castroverde.

lunes, 11 de octubre de 2010

Últimas citas ornitolóxicas de interese

Xa se nota a cambio de estacións pola comarca da Fonsagrada. Rematou o verán e as especies estivais que nos visitaron comezan a desaparecer. Pero estes cambios traen a esta esquina galega ás especies invernais e outras que no paso postnupcial se deixan ver por estas terras.
Por iso é epoca de facer novas e interesantes observacións ornitolóxicas como as que imos a repasar a continuación.

Comezamos pola observación dunha femia de rabirrubio de testa branca Phoenicurus phoenicurus moi preto A Fonsagrada o 24/9/2010. A segunda observación desta especie da que teño coñecemento na comarca.


Femia de rabirrubio de testa branca Phoenicurus phoenicurus na Fonsagrada. Fotografía de Alejandro Ocampo.

Tamén son habituais estos días as citas de pedreiros cincentos Oenanthe oenanthe e xa comezan a deixarse ver os picafollas europeos Phylloscopus collybita.


Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Vilarmeán de Lamas de Campos (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.


Picafollas europeo Phylloscopus collybita na Fonsagrada. Fotografía de Alejandro Ocampo.

O 7/10/2010 un chasco norteño Saxicola rubetra polo basureiro de A Fonsagrada.


Chasco norteño Saxicola rubetra na Fonsagrada.

O 8/10/2010 un millafre real Milvus milvus voaba polos pastizais de Vieiro (A Fonsagrada). Primeira cita persoal desta especie na comarca.

Millafre real Milvus milvus por Vieiro (A Fonsagrada).

Ese mesmo día un picanzo real Lanius meridionalis polo Mesón Vello, preto de San Cibrán (A Fonsagrada).


Picanzo real Lanius meridionalis polo Mesón Vello (A Fonsagrada).

Por Reboira (A Fonsagrada), tamén o 8/10/2010, observamos un gabián Accipiter nisus, 4 pedreiros cincentos Oenanthe oenanthe, numerosos bandos de picas dos prados Anthus pratensis de máis de 80 exemplares e 2 biluricos alinegros Tringa ochropus nunha das poucas pozas que existen na comarca.


Gabián Accipiter nisus por Reboira (A Fonsagrada).


Bilurico alinegro Tringa ochropus na poza de Reboira (A Fonsagrada).

jueves, 15 de abril de 2010

Gabián

Na comarca da Fonsagrada existen todavía extensas masas de bosques autóctonos, como os que se atopan na Marronda e en Carballido. Gracias a esta sorte podemos atopar nestes hábitats especies forestais como o gabián Accipiter nisus que onte tivemos a sorte de fotografiar entre Vilaframil e Castañeira, parroquia de O Trobo (A Fonsagrada), no LIC Carballido. Atopamos dous machos voando e pousados nas perchas de árbores e só un pudo ser fotografiado correctamente. Botei en falta o equipo de digiscoping que non levaba conmigo, pero o resultado cun 300mm e un 1.4x penso que que é pasable como para publicar estas dúas fotos e constatar a presenza na comarca desta fermosa rapaz.




Macho de gabián Accipiter nisus na Fonsagrada.