lunes, 31 de mayo de 2010

Observacións ornitolóxicas de maio

Sen dedicarlle moito tempo aos paxaros, anotamos para a comarca estas novas observacións neste mes:
1 falcón peregrino Falco peregrinus no monte Redondín en Quintá (Baleira).
23 choias Pyrrhocorax pyrrhocorax en Arexo (A Fonsagrada).
20 rulas Streptopelia turtur mínimo e 8-10 parexas mínimo de picanzos vermellos Lanius collurio repartidos pola comarca.
Femia de picanzo vermello Lanius collurio por Castañoso (A Fonsagrada).
Macho de picanzo vermello Lanius collurio por Castañoso (A Fonsagrada).
12 pimpíns Fringilla coelebs e 4 úbalos Carduelis spinus en san Cibrán ( A Fonsagrada).

Úbalo Carduelis spinus en San Cibrán (A Fonsagrada).
1 ouriolo Oriolus oriolus en Paradanova. (A Fonsagrada).
1 picanzo real Lanius meridionalis en San Pedro do Río (A Fonsagrada).
1 azulenta Prunella modularis e unha papuxa das amoras Sylvia atricapilla por A Lastra (Baleira).

Papuxa das amoras Sylvia atricapilla por A Lastra (Baleira).


Azulenta Prunella modularis por A Lastra (Baleira).

jueves, 27 de mayo de 2010

Cullereiro holandés na Fonsagrada

O pasado 18/5/2010, tras unha chamada de Emilio ( o garda do TECOR A Fonsagrada, gracias Emilio), atopouse un exemplar de cullereiro Platalea leucorodia morto no monte Chao Grande, parroquia de Fonfría (A Fonsagrada), a uns 950 metros de altitude.
Está claro que é unha especie fora de lugar nesta zona e que tampouco existen cerca lagoas ou hábitats propicios para o cullereiro, pero o caso é que alí estaba, morto por causas descoñecidas e como puido rematar neste lugar é todo un misterio.
Polo menos estaba anelado, como podedes ver na foto, e por iso sabemos, pola lectura do anel metálico, que foi anelado na estación de Vogeltrekstation en Arnhem (Holanda). Agora toca esperar para coñecer a súa historia.

Cullereiro Platalea leucorodia atopado morto na Fonsagrada.

martes, 18 de mayo de 2010

Anfibios da comarca

Xa levaba un tempo tentando poñer unha entrada adicada aos anfibios da comarca, pero non tiña aínda material suficiente como para amosar algo de xeito. Agora que xa puiden observar algunhas das especies presentes vou tentar amosalas. Non son todas as especies descritas na comarca, pero si son todas as que polo momento puiden constatar a súa presenza.
En primeiro lugar a ra común Pelophylax perezi, especie fácil de atopar e da que amosamos unha foto dun exemplar localizado no río Navia á altura da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).


Ra común Pelophylax perezi na Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).
O sapo común Bufo bufo é outra especie común na comarca e se atopa facilmente en acumulacións de auga como depósitos contra incendios e arquetas. O mesmo lle sucede ao pintafontes común Lissotriton boscai e á píntega común Salamandra salamandra.

Sapo común Bufo bufo por Queixoiro (A Fonsagrada).


Pintafontes común Lissotriton boscai por Queixoiro (A Fonsagrada).
Esta outra ra pensei nun principio que era ra vermella Rana temporaria (supoñemos que da subespecie parvipalmata) que observei no encoro de Salime por onde se xuntan o río Ibias e o río Navia (Negueira de Muñiz). Ao final resultou ser outra ra común Pelophylax perezi, grazas pola corrección.

Ra común Pelophylax perezi en Negueira de Muñiz.
A última especie observada polo momento é a ra de San Antón Hyla arborea, da que atopamos unha interesante poboación de mais de 50 individuos nun lugar da Fonsagrada.


Ra de San Antón Hyla arborea na Fonsagrada.
Como dixemos anteriormente non son todas as especies citadas na comarca, pero si as que levo observado polo momento, esperemos que novas observación poidan incrementar a miña particular lista de anfibios da comarca e dese xeito mostralas neste blog.

jueves, 13 de mayo de 2010

Sesión con dáuricas

A pasada semán tiven a sorte de poder observar 3 novas parexas de andoriñas dáuricas Hirundo daurica , concretamente polo miradoiro de Arexo (A Fonsagrada). Deste xeito xa son un mínimo de 5 as parexas criando na zona. A anécdota curiosa foi que ao chegar ao miradoiro aparquei sen darme conta enriba dunha poza que sin sabelo estaba moi solicitado nese momento. Ao baixar do coche vin como empezaban as andoriñas a rodear o coche sen darme conta do porqué ata que me enterei do que estaba pasando. Movín o coche uns metros e a continuación vin como as andoriñas dáuricas poideron aliviadas seguir utilizando esa poza para seguir carrexando as boliñas de lama que necesitaban para construir os seus curiosos niños. Gracias a isto poiden sacarlles unhas fotos ben cerca, agradecidas elas, como modelos de pasarela. Estas fotos son parte do resultado.


Andoriñas dáuricas Hirundo daurica no miradoiro de Arexo (A Fonsagrada).

domingo, 9 de mayo de 2010

Florida primavera

Nesta época do ano recorrer a comarca da Fonsagrada é unha explosión de cor que difícilmente pode deixar a nadie indiferente. Moitas prantas escollen estos primeiros compases primaverais para amosar as súas mellores galas en forma de espectaculares floracións.
Neste discorrer pola zona é doado encontrar a dúas especies de flora abondosas como son a herba dos pitos Aquilegia vulgaris subsp. vulgaris e os paxariños Linaria triornithophora, as dúas comúns sobre todo no val do Navia.

Detalle da floración da herba dos pitos Aquilegia vulgaris subsp. vulgaris polo val do Navia (Negueira de Muñiz).

Herba dos pitos Aquilegia vulgaris subsp. vulgaris polo val do Navia (Negueira de Muñiz).



Paxariños Linaria triornithophora polo val do Navia (Negueira de Muñiz).

Non son tan abondosas as orquídeas Orchis mascula, a pesar diso xa atopamos dúas boas poboacións. Un grupo de 8 individuos nunha pradería con mato preto de Martín (Baleira) na ZEPVN A Marronda e outro grupo de 23 individuos tamén nunha pradería con mato preto de Cereixido (A Fonsagrada).

Detalle da floración de unha orquídea Orchis mascula da poboación preto de Cereixido (A Fonsagrada).

Orquídea Orchis mascula da poboación preto de Cereixido (A Fonsagrada).


Xa para rematar polos montes de A Trapa (A Fonsagrada) observamos como as eirugas da procesionaria Thaumetopoea pytiocampa descendían á terra , desde os seus niños nos piñeiros, en ringleiras (por iso o seu nome común de "procesionarias"). Ao final se enterran no solo, onde pasan á fase de crisálida, e no verán poderemos ver ás bolboretas que saldrán das crisálidas, que ao aparearse comezaran de novo a ciclo.

Eirugas de procesionaria Thaumetopoea pytiocampa enterrándose no solo polos montes de A Trapa (A Fonsagrada).

lunes, 3 de mayo de 2010

Actualización ornitolóxica

Nas últimas dúas semanas son varias as observacións realizadas que paso a comentar para poñerme ao día.

- 1 tartaraña cincenta Circus pygargus . A primeira que observo esta tempada pola Serra do Muradal (A Fonsagrada) o 19/4/2010.
- 10 pedreiros cincentos Oenanthe oenanthe e 4 tordos charlos Turdus viscivorus o 19/4/2010 por Reboira (A Fonsagrada).
Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Reboira (A Fonsagrada).


Tordo charlo Turdus viscivorus por Reboira (A Fonsagrada).
Por Arexo e Val do Navia o 20/4/2010:
- 16 choias Pyrrhocorax pyrrhocorax.
- 4 lagarteiros Falco tinnunculus.
- 2 aguias cobreiras Circaetus gallicus. Outras dúas aguias cobreiras polo río Lamas.
- 1 picapeixe Alcedo atthis.
- 1 merlo azul Monticola solitarius.
- 6 corvos mariños grandes Phalacrocorax carbo.
- 5 lavancos Anas platyrhynchos.
- 2 picas das árbores Anthus trivialis.

Aguia cobreira Circaetus gallicus por Arexo (A Fonsagrada).


Merlo azul Monticola solitarius por Arexo (A Fonsagrada).

Picas das árbores Anthus trivialis por Arexo (A Fonsagrada).

Por Cortevella e río Eo (Baleira) o 1/5/2010:
- 1 merlo rieiro Cinclus cinclus.
- 6 verderolos Carduelis chloris.
- 2 xiríns Serinus serinus.
- 17 cirrios Apus apus.
- 1 papuxa común Sylvia communis (a primeira da tempada).

Xirín Serinus serinus por Baleira.

Papuxa común Sylvia communis por Baleira.