Mostrando entradas con la etiqueta Pyrrhula pyrrhula. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pyrrhula pyrrhula. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de marzo de 2010

Área recreativa da Cortevella - Baleira

Nun impresionante espazo natural que o río Eo forma cos seus meandros encóntrase a área recreativa da Cortevella. Sen dúbida un lugar recomendable para todos os amantes da natureza.

Vista parcial da área recreativa da Cortevella en Baleira.

Na miña primeira visita a este lugar atopo unha colonia de anduriñas dos penedos Ptyonoprogne rupestris nuns penedos na parte alta dun cantil rochoso.

Anduriñas dos penedos Ptyonoprogne rupestris nunha foto de archivo na mariña lucense.

Xa no río o primeiro merlo rieiro Cinclus cinclus que vemos na comarca.

Merlo rieiro Cinclus cinclus no río Eo na área recreativa da Cortevella (Baleira).

Pola beira do río, nunha zona que estivo temporalmente enchoupada pola crecida do río, atopamos un bo número de herbas das almorrás Ranunculus ficaria en flor que, como o seu nome común indica, ten propiedades medicinais que espero que ningún lector deste blog necesite.

Herba das almorrás Ranunculus ficaria na área recreativa da Cortevella (Baleira).

Xa para rematar e entrando na Fonsagrada, un macho de cardeal Pyrrhula pyrrhula que, igual que a femia de onte, enchía o peteiro de gromos de árbores froiteiras.
Macho de cardeal Pyrrhula pyrrhula na Fonsagrada.

martes, 9 de marzo de 2010

Miradoiro de Arexo - A Fonsagrada

Dende o miradoiro de Arexo pódense observar as mellores vistas de toda a comarca. Esta zona do cañón que forma o río Navia é ideal para observar con facilidade varias especies de aves rapaces, como o falcón peregrino, o miñato e o lagarteiro. Pero si hai unha ave que caracteriza este espazo esa é a choia Pyrrhocorax pyrrhocorax e na visita que hoxe fago observo un grupo familar de 5 exemplares.
Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax nunha foto de archivo na Costa Ártabra.

Tamén atopei no miradoiro, disfrutando das vistas, este macho adulto de escribenta riscada Emberiza cia que se deixou fotografiar a pracer.

Macho adulto de escribenta riscada Emberiza cia no miradoiro de Arexo (A Fonsagrada).

Xa de volta, unha parada no pico do Seixón para atopar uns exemplares de afroixóns Narcissus asturiensis en plena floración, especie considerada como "vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas".

Afroixóns Narcissus asturiensis na Fonsagrada.

Polo camiño tamén atopei a esta femia de cardeal Pyrrhula pyrrhula moi ocupada cos gromos das árbores froiteiras.

Femia de cardeal Pyrrhula pyrrhula na Fonsagrada.