domingo, 10 de marzo de 2024

ESCOLMA ORNITOLÓXICA

Ahí van unhas fotiños de aves por orde cronolóxica:

- Cardeal europeo Pyrrhula pyrrhula. Residente na zona como este observado o 21 Xan 2023 no Val de Neira de Rei (Baralla).

 

- Escribidor amarelo Emberiza citrinella o 4 Abr 2023 preto de O Ventorrillo (A Fonsagrada)


- O roqueiro azul Monticola solitarius. O 20 Mai 2023 nas Penas de Rubiais (Navia de Suarna).


- A aguia calzada Hieraaetus pennatus. Vista o 17 Xuñ 2023 polo miradoiro de Arexo (A Fonsagrada)


- O roqueiro rubio Monticola saxatilis. Observados varios exemplares o 18 Xuñ 2023 no pico Penarrubia (Cervantes).


- A pomba seixa Columba oenas non é moi habitual tan ao norte. Sen embargo unha parella leva uns anos visitando na época estival o entorno da torre de Torés (As Nogais). Aquí puidemos ver unha delas o 28 Xuñ 2023 ao lado dun pombo torcaz Columba palumbus.


- Un peneireiro cincento Elanus caeruleus observado o 11 Xul 2023 preto de San Salvador (Triacastela).


- O chasco do norte Saxicola rubetra. Fieis en puntuais nos pasos, como este o 5 Set 2023 polo Val de Neira de Rei (Baleira/Baralla)


- Avefría choromica Vanellus vanellus. Un exemplar solitario e probablemente perdido ou desorientado apareceu o 18 Out 2023 tras unha treboada por Folgueiras de Aigas (Navia de Suarna).


- A aguia real Aquila chrysaetos. Observada o 22 Out 2023 polo miradoiro de Arexo (A Fonsagrada).


- O cruzabico boreal Loxia curvirostra. Especie presente sobre todo en masas de Pinus sylvestris da comarca de A Fonsagrada e dos Ancares. Estes curiosamente foron observados no chan en Becerreá o 12 Feb 2024. 

 

-A pica alpina Anthus spinoletta. Presente en boa partes das comarcas de A Fonsagrada e Ancares, como esta fotografada o 17 Feb 2024 no Val de Neira de Rei (Baralla).

domingo, 30 de julio de 2023

2023 ornitolóxico, de momento ...

Este presente ano está traendo algunha que outra sorpresiña, pero ningunha comparada a unha que lle tiña moita ganas. A charrela Perdix perdix é unha desas observacións que levaba tempo esperando por Ancares e a verdade que cando por fin aconteceu veu da mellor maneira, pois se deixou fotografar a pracer un bo rato.

 Charrela Perdix perdix o 20 de marzo na subida ó pico Penarrubia (Cervantes).

O peto verde ou ibérico Picus sharpei e o peto real Dendrocopos major son os dous petos máis facilmente observables nesta zona e presentes todo o ano. A pesar de que non sempre se deixan fotografar a gusto, algunha vez tamén se pode sacar algo.

 Peto verde Picus sharpei o 20 de xaneiro polo val de Neira de Rei (Baralla).

 


Peto real Dendrocopos major o 27 de xaneiro polo val de Neira de Rei (Baralla).

Dúas aves de rapiña que logramos fotografar foron o esquivo gabián Accipiter nisus e o cada vez máis presente en época estival millafre negro Milvus migrans. Tamén logramos observar outa vez o voitre branco Neophron percnopterus, esta vez por Camporredondo (Baralla).


Gabián Accipiter nisus o 17 de marzo polo val de Neira de Rei (Baralla).


Millafre negro Milvus migrans o 22 de marzo polo val de Neira de Rei (Baralla).


Voitre branco Neophron percnopterus o 3 de marzo por Camporredondo (Baralla).

O pizanzo real norteño Lanius meridionalis. Este bonito paxaro, sen ser abondoso, é visitante estival por estes lares. Pero tamén hai algúns poucos individuos que quedan e se establecen na zona e pasan con nós o inverno.

 

Picanzo real norteño Lanius meridionalis o 4 de febreiro polo val de Neira de Rei (Baralla).

Curiosamente estes picanzos invernantes ó chegar a primaveira desaparecen...

domingo, 25 de junio de 2023

Outras citas ornitolóxicas do 2022

Ahí van unhas cantas interesantes citas ornitolóxicas e fotografías que tiña pendente do ano pasado.

 - Pardal montés Passer montanus o 27 de abril por A Braña (Baleira).


- Estreliña do norte Regulus regulus o 19 de maio preto de O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro).


- Voitre branco Neophron percnopterus o 4 de agosto preto de Pedrafita do Cebreiro.



- Rousinol Luscinia megarhynchos o 10 de agosto por A Freita (Cervantes).


- Lagarteiro das torres Falco naumanni o 30 de agosto por Vilaverde (Navia de Suarna).

- Tartaraña das xunqueiras Circus aeruginosus o 16 de agosto polo val de Neira de Rei (Baralla).

 - Millafre real Milvus milvus o 10 de outubro preto de O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro).

- Avefría Vanellus vanellus o 18 de decembro polos pastizais de O Ventorrillo (A Fonsagrada).


- Píldora dourada Pluvialis apricaria o 18 de decembro polos pastizais de O Ventorrillo (A Fonsagrada).

jueves, 19 de enero de 2023

Mamíferos no tinteiro

Comeza o 2023 e, a pesar da pouca actividade que ten este blog, quería facer unha entradiña para movelo un pouco e que non pensedes que está totalmente esquecido. Se ven é certo que pola miña parte deixarei este blog activo todo o que a plataforma o permita, temos que ter en conta que con tanta rede social e plataformas de ciencia cidadá actuais xa non damos atendido a todo de forma correcta. Téñolle moita estima a este sitio, se ven me permitiu aprender e seguir aprendendo, a miña idea é deixalo activo como lugar de consulta para quen queira e o aprecie. Así que nada, unhas cantas fotos para animar un pouco este sitio.
Primeiro un gato montés Felis silvestris que atopei a primeira hora dunha mañá de xullo nun pasteiro preto de Liñares de Bidul (A Fonsagrada). Curiosamente tiña o rabo partido e estaba lambendo a ferida. Vai ti a saber en que leas se metera esa noite.

 

Gato montés Felis silvestris por A Fonsagrada.

 

A lebre de piorneira Lepus castroviejoi. Este endemismo da cordilleira cantábrica pódese observar pola montaña lucense. Concretamente este exemplar deixouse fotografar en febreiro pola campa de Ortigoso (Cervantes).

 

                                    Lebre de piorneira Lepus castroviejoi pola campa de Ortigoso (Cervantes).

 Os rebezos Rupicapra pyrenaica parva xa forman parte do paisaxe dos Ancares. É curioso velos buscando estar encima da neve como se observa nesta fotografía no Penalonga.


                                                     Rebezos Rupicapra pyrenaica parva no Penalonga (Cervantes).

Tamén de ven de vez en cando algún esquío Sciurus vulgaris, como este fotografado por Vilar (Navia de Suarna) no mes de abril


                                                                Esquío Sciurus vulgaris por Vilar (Navia de Suarna).

As lontras Lutra lutra, se ven normalmente nos canles fluviais, pero cando saen de alí pasan cousas como este exemplar atropelado na estrada de Pastoriza a Paradavella (A Fonsagrada) a finais de marzo.


                                                                Lontra lutra lutra atropelada na Fonsagrada.

sábado, 23 de abril de 2022

Noticiario ornitolóxico

Xa tocaba. Demasiado tempo levo con este blog parado. Non teño escusa. Polo tanto que mellor forma de retomar a actividade que contar as novidades ornitolóxicas que penso son as máis interesantes que teño deste tempo nas comarcas da Fonsagrada e dos Ancares. 

E imos comezar polo peto negro, que despois de escoitalo un par de veces, por fin o puiden ver e fotografar por Negueira de Muñíz o 1 de abril de 2022. 

Peto negro Dryocopus martius por Negueira de Muñíz. 

Outra observación interesante foi a dun picanzo cabecirrubio Lanius senator o 16 de abril de 2022 por Reboira (A Fonsagrada).

Picanzo cabecirrubio Lanius senator por Reboira (A Fonsagrada). 

Por Fonfría (Pedrafita do Cebreiro) o 29/08/2017 observamos 1 pedreiro cincento Oenanthe oenanthe, 2 chascos norteños Saxicola rubetra e 2 papamoscas negros Fycedula hypoleuca. Tamén 3 millafres reais Milvus milvus o 17/01/2022.

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Fonfría (Pedrafita do Cebreiro). 

Millafre real Milvus milvus por Fonfría (Pedrafita do Cebreiro). 

Entre Lodos e As Cancelas (A Fonsagrada) o 28/03/2021 atopeime pousado a este probable macho de Azor Accipiter gentilis.

Azor Accipiter gentilis entre Lodos e As Cancelas (A Fonsagrada). 

Por Torés (As Nogais) o 11/04/2021 no entorno da igrexa e a torre de Torés atopei 4 choias Pyrrhocorax pyrrhocorax, 1 parella de pombos pequenos Columba oenas e unhas 20 grallas pequenas Corvus monedula.

Choias Pyrrhocorax pyrrhocorax por Por Torés (As Nogais). 

Por Aigas (Navia de Suarna) o 03/05/2021 este ferreiriño cristado Lophophanes cristatus.

Ferreiriño cristado Lophophanes cristatus por Aigas (Navia de Suarna). 

Pola serra de Ancares, no Penarrubia (Cervantes) o 23/01/2022 observo 8 lavercas Alauda arvensis, 12 tordos reais Turdus pilaris e 6 picas alpinas Anthus spinoletta.

Laverca Alauda arvensis polo Penarrubia (Cervantes). 

Tordo real Turdus pìlaris polo Penarrubia (Cervantes). 

Preto da torre de Doncos (As Nogais) o 27/03/2022 esta estreliña riscada Regulus ignicapilla.

Estreliña riscada Regulus ignicapilla por Doncos (As Nogais). 

Por Entralgo (Negueira de Muñíz) o 1/04/2022 este picafollas europeo Phylloscopus collybita. 

Picafollas europeo Phylloscopus collybita por Entralgo (Negueira de Muñíz). 

E por último, que non derradeiro, por Catroventos (Cervantes) o 14/03/2022 un polo xoven algo melánico de tartaraña cincenta Circus pygargus.

Tartaraña cincenta Circus pygargus por Catroventos (Cervantes).

domingo, 5 de mayo de 2019

Máis plantas.

Imos retomar a flora, a das comarcas de Ancares e Fonsagrada, para acordarnos de todas estas citas recollidas e sen publicar. Tendo en conta que xa estamos nunha nova estación primaveral, na que esperamos moitas máis citas, imos poñernos ó día.

Comezamos pola miña primeira cita na zona de Gentiana pneumonanthe, unha pequena poboación duns 10 exemplares en plena floración o 22 de setembro de 2018 nunha ladeira do Pico Surcio (Navia de Suarna).
Gentiana pneumonanthe polo Pico Surcio (Navia de Suarna).

Outra primeira cita persoal foi a das coñecidas como poutegas ou mel de raposo Cytinus hypocistis. Un pequeno feixe en floración o 30 de abril de 2017 preto de Vilouxín (Negueira de Muñiz) parasitando plantas de Halimium sp.
Cytinus hypocistis por Vilouxín (Negueira de Muñiz).

- Rhamnus cathartica. Un pequeno bosquete desta pequena árbore o 21 de outubro de 2018 preto do coñecido como camiño real nunha ladeira de calías do monte Xirondo (As Nogais).
Rhamnus cathartica no monte Xirondo (As Nogais).

- Xiphion latifolium. Máis de 200 exemplares en plena floración o 15 de xullo de 2017 preto da Boca do Campo (Cervantes).
Xiphion latifolium preto da Boca do Campo (Cervantes).

- Drosera rotundifolia. Dúas novas observacións desta especie. Unha numerosa poboación pola serra de Barreiro (Navia de Suarna) o 25/07/2016 e outra máis reducida de menos de 50 exemplares o 22/06/2017 por O Chao de Corros (Cervantes).

Drosera rotundifolia pola serra de Barreiro (Navia de Suarna).

- Meconopsis cambrica. Máis de 100 exemplares en flor o 29/05/2017 baixo un faial preto de Brañas (Pedrafita do Cebreiro).
Meconopsis cambrica por Brañas (Pedrafita do Cebreiro).

- Árnica Arnica montana. Máis de 50 exemplares en flor nunha zona brañenta o 22/06/2017 por A Golada (Pedrafita do Cebreiro).
Arnica montana por A Golada (Pedrafita do Cebreiro).

- Cytisus commutatus. Varios exemplares en flor o 16/05/2016 preto de Asar (Navia de Suarna), xa preto do límite con Asturias.
Cytisus commutatus preto de Asar (Navia de Suarna).

- Arabis alpina. Varios exemplares en floración sobre calías o 13/05/2015 por Vilardíaz (A Fonsagrada).
Arabis alpina por Vilardíaz (A Fonsagrada).

- Linaria elegans. Máis de 100 exemplares en flor o 27/04/2016 por A Laxe – Alence (As Nogais).
Linaria elegans por A Laxe – Alence (As Nogais).

- Tuberaria globulariifolia.Varios exemplares en flor no talude da estrada a Rao deste endemismo do Noroeste da Península Ibérica o 10/06/2016 preto de Faquís (Navia de Suarna).
 Tuberaria globulariifolia preto de Faquís (Navia de Suarna).

- Narthecium ossifragum. Abondosa poboación en zona brañenta o 25/07/2016 pola Serra de Barreiro – Asar (Navia de Suarna).
Narthecium ossifragum pola Serra de Barreiro – Asar (Navia de Suarna).

- Centauria aristata. Varios exemplares o 22/09/2018 preto de Aigas (Navia de Suarna).
Centauria aristata preto de Aigas (Navia de Suarna).