Mostrando entradas con la etiqueta Cervus elaphus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cervus elaphus. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de enero de 2017

Mamíferos: poñémonos ó día

Agora que entramos no 2017, podemos dicir que o 2016 foi un ano sen moita actividade neste blog. Isto é un feito, pero non por iso deixamos de recompilar cousiñas, propias ou de compañeiros, que iremos amosando ó seu debido tempo e que nesta primeira entrega imos adicar ós mamíferos

Case por obriga debemos comezar polo oso pardo cantábrico Ursus arctos . Estamos abraiados pola presenza cada vez menos esporádica desta especie en Ancares. E que o ano 2016 probablemente fora o mellor ano que se recorde, desde a súa case extinción nos Ancares galegos, de rexistros de oso pardo. Iso si, de momento a cría segue sen poderse confirmar en Galicia. Amósovos un par de fotografías:
Primeiro un fotograma dun vídeo dun exemplar probablemente macho adulto que foi gravado mediante fototrampeo no val do Rao o 21 de xuño de 2016 (Navia de Suarna). Xa que o propietario do cortín fixo público nas redes sociais este feito cun fotograma do mesmo vídeo do que estamos falando, penso que non pasa nada se eu tamén o fago. Este oso tivo un curioso comportamento xa que achegouse ó pastor eléctrico recentemente colocado, tras ataques previos ás colmeas, para sen sequera tocalo darse a volta e volver por onde viñera.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos no val do Rao (Navia de Suarna).

Segundo outro fotograma doutro vídeo que nos cede Pío Antonio de la Peña que xunto con outros compañeiros realizou o 10 de setembro de 2016 xa no límite de Galicia na serra de Ancares (Cervantes). Neste caso un oso probablemente xuvenil escapaba á carreira ladeira abaixo.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos na serra de Ancares (Cervantes) no límite de Galicia.

Outra especie da que tamén é case obrigatorio falar é o lobo ibérico Canis lupus signatus. Son varias as observacións que recollemos desta especie, e a verdade é que case preferimos non dar localizacións moi precisas. Amosar iso si un par de fotografías tamén cedidas por Pío Antonio de la Peña de xuño de 2016 na serra de Ancares.

Lobos ibéricos Canis lupus signatus na serra de Ancares.

O introducido rebezo Rupicapra pyrenaica parva forma xa parte da paisaxe da serra de Ancares e é actualmente uns dos máis importantes activos da actividade cinexética na Reserva de Caza de Ancares. Non vou a aburrir con citas pero si amosar algunhas fotografías como a curiosa interacción observada entre unha femia de rebezo e a súa cría cun voitre común Gyps fulvus no Penarrubia ( non pararon de molestar ata que o voitre saíu voando).

Rebezos Rupicapra pyrenaica parva e voitre común Gyps fulvus no Penarrubia (Cervantes)

Compre tamén amosarvos un par de fotos de Pío Antonio de la Peña. Unha duns rebezos e outra dun grupo da tamén introducida cabra montés Capra pyrenaica victoriae pola zona do Penalonga (Cervantes).
Rebezos Rupicapra pyrenaica parva na zona do Penalonga (Cervantes).
Cabras montesas Capra pyrenaica victoriae na zona do Penalonga (Cervantes).

O cervo Cervus elaphus, non é unha especie que sexa actualmente moi abondosa nos Ancares Lucenses, aínda así os poucos exemplares que existen na actualidade teñen que convivir por estes lares co feito de ser especie cinexética. Tivemos a incrible oportunidade de contemplar a berrea cos cervos de Ancares o 17 e 18 de novembro de 2015 na Serra do Barreiro (Navia de Suarna) e conseguimos algunhas fotografías documentais como estas dúas que vos amoso a continuación.
Macho de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de Suarna).
Femia de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de Suarna).

O gato montés Felis silvestris, outra especie escasa pero existente nos Ancares. Fotografei este exemplar o 29 de agosto de 2015 a última hora da tarde nun pastizal con sebes por O Grandarón, preto de Quindous (Cervantes).
Gato montés Felis silvestris,preto de Quindous (Cervantes).

O porcoteixo Meles meles. Ademais de varios exemplares atropelados sorprendín, ou mellor dito sorprendeume el a min, un exemplar vivo e en actividade na gabia da estrada de Meda a Asar (Navia de Suarna) o 16 de xuño 2015 ás 17:00 horas, cousa ben estraña para esta especie de hábitos nocturnos.

A xeneta Genetta genetta. Tamén seguimos atopando exemplares atropelados. Outro exemplar, este vivo, cae de noite o 16 de maio de 2016 nunha cámara de fototrampeo nun cortín preto de Coro (Navia de Suarna).

A lebre de piornal Lepus castroviejoi. Esta especie tan de Ancares é habitual atopala nalgunhas zonas da serra, sobre todo se circulas de noite por algunhas pistas forestais, como a observada o 21 de setembro de 2016 subindo ó Penarrubia (Cervantes) ou o exemplar observado á noitiña preto das alzadas de Pan do Zarco (Navia de Suarna) o 1 de xullo de 2016.
Lebre de piornal Lepus castroviejoi preto de Pan do Zarco (Navia de Suarna).

O leirón careto Eliomys quercinus. Temos un par de citas de esta esquiva especie, por un lado o sacamos do caixón o exemplar observado e fotografado de día o 7 de marzo de 2011 no val do Rao (Navia de Suarna) que polo seu raro comportamento pensamos que podería estar afectado por algunha doenza. A outra cita é mais recente, do 28 de setembro do 2016, un exemplar cae nunha cámara de fototrampeo preto de Eixibrón (Becerrrea).
Leirón careto Eliomys quercinus no val do Rao (Navia de Suarna).

Imos rematar cun morcego, o que parece ser un orelludo gris Plecotes austriacus, que o 26 de agosto de 2015 entraba e fotografamos nun edificio en Becerreá. Digo que parece porque é este un campo novo para min, así que espero non trabucarme.
Probable orelludo gris Plecotes austriacus por Becerreá.

sábado, 30 de mayo de 2015

Un ano co lobo e outros mamíferos

Con motivo do censado a nivel estatal das poboacións de lobo, que en 2014 tivo lugar nas provincias de Lugo e Ourense, tiven ocasión de coñecer a situación actual do lobo ibérico Canis lupus signatus na comarca de Ancares, así como as costumes desta especie na súa loita diaria pola supervivencia.
Durante estas xornadas puiden observar como este animal, que mantén un número de efectivos relativamente aceptables na comarca de Ancares, pode pasar tan desapercibido no sei día a día para os humanos e tamén o complicado que resulta a súa observación directa. Máis doado resultou comprobar a súa presenza polo diferentes indicios que deixa.
Aínda así, e con algo de sorte, tivemos ocasión de observalo nalgunha ocasión e tamén de fotografalo. Do mesmo xeito que a técnica de fototrampeo nos permitiu filmalo nalgunhas ocasións máis.

Lobo ibérico no inverno fotografado neste pasado inverno de 2015.

Lobo ibérico na primavera – verán filmado mediante fototrampeo na comarca de Ancares no 2014.

Lobiño ibérico fotografado mediante fototrampeo na comarca de Ancares no 2014.

E ¿qué come o lobo?. Un estudio realizado na zona conclúe que corzo Capreolus capreolus e xabarín Sus scrofa son maioritariamente as presas potenciais do lobo ibérico nos Ancares. Coñecido é tamén nos últimos anos o descenso no número de corzos na Reserva de Caza de Ancares ao mesmo tempo que aumentaba o número de lobos ibéricos, aínda que esta última relación directa ben puidera ter outros factores a ter en conta como a existencia de novas doenzas nos corzos.

Macho de corzo Capreolus capreolus na comarca de Ancares.

Outras especies que poden ser presas potenciais do lobo ibérico nos Ancares son o rebezo e o cervo.
O rebezo Rupicapra pyrenaica parva posúe unha asentada poboación nos cumios dos Ancares e non é difícil de pensar que en ocasións poden ser presa fácil do lobo, especialmente as crías que a partir do mes de Abril poden ser presas fáciles.

Rebezo Rupicapra pyrenaica parva nos cumios de Ancares.

O Cervo Cervus elaphus é unha especie non moi abondosa pero si existente na comarca de Ancares. Actualmente empezan a aumentar as súas observación polo que cremos que pode estar aumentado o seu número e, porque non, pode ser outra potencial presa para o lobo ibérico nos Ancares.

Outro mamíferos que tamén observamos neste tempo na comarca de Ancares son os seguintes:
-O gato montés Felis silvestris, especie que non debe estar presente en gran número na comarca, polo baixo número de citas que teño recompiladas. Aínda así se constata a súa existencia con este montaxe fotográfico de un exemplar observado no concello de Cervantes a finais de 2014.

Gato montés Felis sylvestris na comarca de Ancares a finais de 2014.

-O raposo Vulpes vulpes. Presente en toda a comarca. Numerosas citas.

Raposo Vulpes vulpes por Cervantes.

-A marta Martes martes . Tamén presente en toda a comarca e con numerosas citas. Ademais esta especie é unha asidua visitante das cámaras de fototrampeo, como o simpático vídeo que vos deixo a continuación.


Vídeo de marta Martes martes por Pedrafita de Cebreiro a finais de marzo de 2015.

-O armiño ou doniña branca Mustela erminea. Observación de un exemplar preto de Doiras (Cervantes) o 22 de xullo de 2014.

-O furón bravo Mustela putorius. Observación de un exemplar atropelado preto de Quindous (Cervantes) o 17 de outubro de 2014.

-A lontra Lutra lutra, presente nas masas de auga da comarca mellor conservadas, temos a sorte de poder amosar este vídeo de dous exemplares novos xogando no río Navia preto de Torallo (Becerreá) o 30 de outubro de 2014.

Vídeo de lontras Lutra lutra no río Navia.

Fotografías e vídeos: Germán Torres, Pío A. de la Peña, Daniel Pérez.