Xa polo 28/4/2010 observamos no bosque da Marronda (Baleira) as flores da Anemone nemorosa e as de outra especie que nos dou bastante lata: Cardamine raphanifolia. Desta última sabemos que está citada na Marronda a subsp. gallaecica, é dicir, a subespecie que está considerada "vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Tras moitas voltas seguimos sen atrevernos e afirmar se esa era a subespecie que atopamos, sobre todo pola cor das flores, polo que a presentamos así, sen subespecie ningunha. Se admiten opinións e se abre o debate.
Outra especie que nos sorprendeu pola súa abundancia foi a orquídea Serapias lingua, que atopamos en gran número nun pasteiro por Barcela de Abaixo (A Fonsagrada) o 21/5/2010.