domingo, 21 de agosto de 2011

Lagarteiros das torres

Estas datas do mes de agosto estan traendo á comarca moita calor, e algunhas treboadas tamén. Parece que estas altas temperaturas estivais son as que animan aos lagarteiros das torres Falco naumanni a visitarnos e a poder disfrutar do seu caracter social vendo como se xuntan para cazar saltóns sen parar, saltando sobre eles no chan unha e outra vez.

Lagarteiro das torres Falco naumanni pola Cima de Valquente (Baleira).

Así se deixaron observar un mínimo de 12 exemplares á tardiña nun pasteiro pola Cima de Valquente, preto de Teilalle, Pousada (Baleira) o 18 de agosto e tamén ao día seguinte, un mínimo de 15 repetían escena á tardiña noutro pasteiro entre O Vilar de Adrios e Fontela (Baleira).

Lagarteiro das torres Falco naumanni pola Cima de Valquente (Baleira).

Non estou acostumado a observar esta especie por estar terras, e vaite ti a saber cantos teño confundido con lagarteiros comúns Falco tinnunculus, o que teño claro que cando volva a ver un grupo numeroso de lagarteiros saltando e cazando saltóns no chan repetidamente terei claro que se trata de lagarteiros das torres Falco naumanni.

  Lagarteiro das torres Falco naumanni pola Cima de Valquente (Baleira).

En fin, que aquí vos deixo estas fotos, agradecendo a Amadeo Pombo a correcta identificación da especie.


Lagarteiros das torres Falco naumanni pola Cima de Valquente (Baleira).

domingo, 7 de agosto de 2011

Máis réptiles

Nesta primavera e verán no que nos atopamos son varias as citas casuais de réptiles feitas. Ademais dos lagartos e lagartas habituais na comarca que seguen observándose e dos que xa falei en anteriores entradas, recollemos nestes meses as seguintes observacións:

-Un cobregón Malpolon monspessulanus cruzando unha pista de terra entre a Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) e Coea (Navia de Suarna).

Cobregón Malpolon monspessulanus nunha foto de archivo pola Enciña da Lastra (Rubiá).

-Unha víbora de seoane Vipera seoanei atropelada na estrada preto de Paradavella (A Fonsagrada), outra cruzando a estrada preto de Ouviaño (Negueira de Muñiz) e unha terceira tamén atropelada na estrada no cruce a Rozabragada (A Fonsagrada).

Víbora de seoane Vipera seoanei atropelada preto de Paradavella (A Fonsagrada).

Víbora de seoane Vipera seoanei nunha foto de archivo pola Terra Chá.

-Unha cobra de colar Natrix natrix preto de Esgrade (Baleira) na beira do río Eo e outra atropelada na estrada entre Os Baos (Ribeira de Piquín) e Murias (A Fonsagrada).

Cobra de colar Natrix natrix nunha foto de archivo pola Terra Chá.

-Na beira do río Eo, preto de Murias (Baleira), un macho de escáncer común Anguis fragilis.

Macho de escáncer común Anguis fragilis preto de Murias (Baleira).