Foi interesante ver como a perdiz Alectoris rufa aparecía a principios de mes ata en catro ocasións acompañada de perdigóns en diferentes zonas da comarca: A Fornaza, basureiro selado de Baleira, Sanguñedo e outros. Parece que vai a ser un bo ano de cría da especie.
Unha gatafornela Circus cyaneus aparecía facendo pasadas por Montouto (A Fonsagrada) o 16/8/10.
Saímos por primeira vez da comarca para ir ao veciño concello de Baralla. Alí descubríu o compañeiro Pío (gracias Pío pola información) a primeira colonia de andoriña das barreiras Riparia riparia que observamos nesta zona. A visitamos o 25/8/10 e alí observamos unha poboación estimada de 5-6 parexas todavía en plena ceba dos seus polos. Encravada nun talude areoso nunha graveira ao lado do río Neira cerca da ponte de Santo Estevo (Baralla), esperemos que este habitat idóneo para esta especie non teña modificacións significativas no tempo e poder manter esta poboación ao longo dos anos.
O 27/8/10 visitamos o río Esteleiro, preto de San Pedro de Neiro (A Fonsagrada) e antes de chegar nunha pequena masa de cerquiños Quercus pyrenaica observamos 3 gabeadores azuis Sitta europaea e 1 gabeador Certhia brachydactyla.
Ese mesmo día observamos un pilro común Calidris alpina no río Eo, preto de Fonteo (Baleira). Esta limícola tan habitual noutras zonas a observamos na comarca da Fonsagrada por primeira vez revoloteando entre as balsas de auga da piscifactoría do río Eo.

