sábado, 25 de noviembre de 2017

Un feixe de réptiles

Unhas cantas fotografías e/ou citas de réptiles na comarca de Ancares que tiña pendente de publicar:

- Lagarto das silvas Lacerta schreiberi. 1 macho en época de celo mostra o seu característico azulado na cabeza preto de Rao (Navia de Suarna) o 21 de abril de 2017.

 Lagarto das silvas Lacerta schreiberi por Rao (Navia de Suarna).

- Lagarta galega Podarcis bocagei. 1 femia aínda activa o 11 de novembro de 2015 toma o sol na beira do camiño de Deva a Brego (Cervantes).

Lagarta galega Podarcis bocagei no camiño de Deva a Brego (Cervantes).

- Cobra de colar Natrix natrix (agora disque Natrix astreptophora). 1 exemplar de máis de 1 metro de lonxitude atropelado na estrada por Souto (Navia de Suarna) o 21 de setembro de 2017.

- Cobra lagarteira común Coronella austriaca. 1 pequeno exemplar cruza unha pista na serra de Trabado (Navia de Suarna) o 25 de outubro de 2016.
 
Cobra lagarteira común Coronella austriaca na serra de Trabado (Navia de Suarna).

- Cobra lagarteira meridional Coronella girondica. 1 exemplar adulto atropelado na estrada o 29 de setembro de 2017 preto de San Román (Cervantes).

 Cobra lagarteira meridional Coronella girondica preto de San Román (Cervantes.

- Víbora de seoane Vipera seoanei. Varias citas desta especie na comarca de Ancares: unha atropelada na estrada entre Pradela e Poso (Cervantes) o 27 de abril de 2016, outra tamén atropelado nunha pista preto de Coro (Navia de Suarna) o 8 de maio de 2017, unha terceira víbora de seoane tamén atropelada nunha pista por Vilar (Cervantes) o 5 de setembro de 2016 e por último outra, como non, atropelada tamén o 4 de xuño de 2017 entre Vilar e As Pontes de Xantes (Cervantes) coa peculariedade esta última de ser melánica (víbora negra).

Víbora de seoane Vipera seoanei entre Pradela e Poso (Cervantes).

Víbora de seoane Vipera seoanei  preto de Coro (Navia de Suarna. 

Víbora de seoane melánica Vipera seoanei entre Vilar e As Pontes de Xantes (Cervantes).

domingo, 20 de agosto de 2017

Bufo pequeno e outras citas ornitolóxicas

Para non ter isto tan parado, mea culpa, vou adicar enta entrada á ornitoloxía amosando unhas cantas citas e fotografías que fun compilando neste último tempo.
- Bufo pequeno Asio otus. Un exemplar o 16/07/2016 preto de Doiras (Cervantes) que xa de noite se atopaba ferido na gabia da estrada, probablemente dun golpe cun coche e que foi trasladado ó CRFS de O Veral. Outro exemplar foi observado por Pío e outros o 09/09/2016 na golada de Patamanán (Cervantes) tamén de noite pousado no cortalumes/pista que leva ó Penarrubia.

Bufo pequeno Asio otus ferido preto de Doiras (Cervantes).

- Moucho de orellas Otus scops 1 ex oído á noitiña hacia Freixís no trascurso dunha estación de censo á arcea o 29/06/2017 preto de Vilarpandín (Navia de Suarna).
- Aguia calzada Hieraaetus pennatus. Un exemplar morfo claro o 01/06/2016 sobrevoa o val do Navia e o monte de Cogoma preto de Cabana (Cervantes).

Aguia calzada Hieraaetus pennatus preto de Cabana (Cervantes).

- Gatafornela Circus cyaneus. Un macho adulto o 25/09/2016 voando preto do Penarrubia (Cervantes).
- Tartaraña cincenta Circus pygargus. Un macho adulto o 06/06/2017 por Barbeitos (A Fonsagrada) voando preto do mesón Catroventos.

Tartaraña cincenta Circus pygargus por Barbeitos (A Fonsagrada).

- Voitre Gyps fulvus. Numerosas observacións, sobre todo nos cumios de Ancares, tamén noutras zonas da comarca.

Voitre Gyps fulvus na comarca de Ancares.

- Voitre negro Aegypius monachus. 2 ex sobrevoan Arexo e A Fornaza (A Fonsagrada) xunto con dous Gyps fulvus o 06/07/2017.

Voitre negro Aegypius monachus por Arexo e A Fornaza (A Fonsagrada).

- Millafre real Milvus milvus. Un exemplar probablemente xuvenil nunha prea de xabarín o 12/12/2016 na zona das Penas do Val de Vilar, preto de O Padornelo (Pedrafita do Cebreiro).

Millafre real Milvus milvus preto de O Padornelo (Pedrafita do Cebreiro).

- Gabián Accipiter nisus. Un exemplar pousado nun poste o 28/12/2016, xa visto en días anteriores polo mesma zona, preto de Eixibrón cruce a Armesto (Becerreá).
- Miñato abelleiro Pernis apivorus. Un exemplar voando por riba das Brañas de Pan do Zarco (Navia de Suarna) o 22/05/2017. Outro exemplar o 31/05/2017 tamén voando no val de Penedo de Vallo (Navia de Suarna).
- Lagarteiro das torres Falco naumanni. Esta especie estivo uns anos visitándonos uns anos, pero desde o 16/08/2015 que observamos uns 20 exemplares por Catro Ventos (Cervantes) e o 24/08/2015 que observamos tamén uns 12 exemplares no Alto de San Roque (Pedrafita do Cebreiro) non os volvemos a ver. Todavía hai tempo a que este ano pasen algúns días por estes lares.

Lagarteiro das torres Falco naumanni por Catro Ventos (Cervantes).

- Garza boieira Bubulcus ibis . Observación de 12 exemplares o 22/10/2016 pousados nun carballo en paso postnupcial no río Navia preto de As Pontes de Gatín (Becerreá).

Garza boieira Bubulcus ibis preto de As Pontes de Gatín (Becerreá).

- Laverca Alauda arvensis Alomenos 4 ex. O 27/04/2016 por A Laxe – Alence (As Nogais). Máis citas na comarca.

Laverca Alauda arvensis por As Nogais.

- Picanzo vermello Lanius collurio. Alomenos 3 parellas o 19/05/2016 por Brañas da Serra (Pedrafita do Cebreiro). Máis citas na comarca.

Picanzo vermello Lanius collurio por Brañas da Serra (Pedrafita do Cebreiro).

- Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. 1 ex subido a 1 pedra case na última cancela o 25/09/2016 no Penarrubia (Cervantes). Tamén o 25/04/2017 por O Pando – Pradela (Cervantes) polo menos 1 ex.

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por O Pando – Pradela (Cervantes).

- Arcea Scolopax rusticola. 2 exemplares na estrada á noitiña preto de Freixo (A Fonsagrada) o 01/12/2016. Outro exemplar preto de Coro o 29/7/2016 en fototrampeo , posible reproducción.

- Pica alpina Anthus spinoletta. Varios exemplares o 23/05/2017 polo Penarrubia (Cervantes).

Pica alpina Anthus spinoletta polo Penarrubia (Cervantes).

- Merlo rubio Monticola saxatilis. 1 macho no cumio do Penarrubia (Cervantes) o 23/05/2017.

Merlo rubio Monticola saxatilis no Penarrubia (Cervantes).

martes, 3 de enero de 2017

Mamíferos: poñémonos ó día

Agora que entramos no 2017, podemos dicir que o 2016 foi un ano sen moita actividade neste blog. Isto é un feito, pero non por iso deixamos de recompilar cousiñas, propias ou de compañeiros, que iremos amosando ó seu debido tempo e que nesta primeira entrega imos adicar ós mamíferos

Case por obriga debemos comezar polo oso pardo cantábrico Ursus arctos . Estamos abraiados pola presenza cada vez menos esporádica desta especie en Ancares. E que o ano 2016 probablemente fora o mellor ano que se recorde, desde a súa case extinción nos Ancares galegos, de rexistros de oso pardo. Iso si, de momento a cría segue sen poderse confirmar en Galicia. Amósovos un par de fotografías:
Primeiro un fotograma dun vídeo dun exemplar probablemente macho adulto que foi gravado mediante fototrampeo no val do Rao o 21 de xuño de 2016 (Navia de Suarna). Xa que o propietario do cortín fixo público nas redes sociais este feito cun fotograma do mesmo vídeo do que estamos falando, penso que non pasa nada se eu tamén o fago. Este oso tivo un curioso comportamento xa que achegouse ó pastor eléctrico recentemente colocado, tras ataques previos ás colmeas, para sen sequera tocalo darse a volta e volver por onde viñera.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos no val do Rao (Navia de Suarna).

Segundo outro fotograma doutro vídeo que nos cede Pío Antonio de la Peña que xunto con outros compañeiros realizou o 10 de setembro de 2016 xa no límite de Galicia na serra de Ancares (Cervantes). Neste caso un oso probablemente xuvenil escapaba á carreira ladeira abaixo.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos na serra de Ancares (Cervantes) no límite de Galicia.

Outra especie da que tamén é case obrigatorio falar é o lobo ibérico Canis lupus signatus. Son varias as observacións que recollemos desta especie, e a verdade é que case preferimos non dar localizacións moi precisas. Amosar iso si un par de fotografías tamén cedidas por Pío Antonio de la Peña de xuño de 2016 na serra de Ancares.

Lobos ibéricos Canis lupus signatus na serra de Ancares.

O introducido rebezo Rupicapra pyrenaica parva forma xa parte da paisaxe da serra de Ancares e é actualmente uns dos máis importantes activos da actividade cinexética na Reserva de Caza de Ancares. Non vou a aburrir con citas pero si amosar algunhas fotografías como a curiosa interacción observada entre unha femia de rebezo e a súa cría cun voitre común Gyps fulvus no Penarrubia ( non pararon de molestar ata que o voitre saíu voando).

Rebezos Rupicapra pyrenaica parva e voitre común Gyps fulvus no Penarrubia (Cervantes)

Compre tamén amosarvos un par de fotos de Pío Antonio de la Peña. Unha duns rebezos e outra dun grupo da tamén introducida cabra montés Capra pyrenaica victoriae pola zona do Penalonga (Cervantes).
Rebezos Rupicapra pyrenaica parva na zona do Penalonga (Cervantes).
Cabras montesas Capra pyrenaica victoriae na zona do Penalonga (Cervantes).

O cervo Cervus elaphus, non é unha especie que sexa actualmente moi abondosa nos Ancares Lucenses, aínda así os poucos exemplares que existen na actualidade teñen que convivir por estes lares co feito de ser especie cinexética. Tivemos a incrible oportunidade de contemplar a berrea cos cervos de Ancares o 17 e 18 de novembro de 2015 na Serra do Barreiro (Navia de Suarna) e conseguimos algunhas fotografías documentais como estas dúas que vos amoso a continuación.
Macho de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de Suarna).
Femia de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de Suarna).

O gato montés Felis silvestris, outra especie escasa pero existente nos Ancares. Fotografei este exemplar o 29 de agosto de 2015 a última hora da tarde nun pastizal con sebes por O Grandarón, preto de Quindous (Cervantes).
Gato montés Felis silvestris,preto de Quindous (Cervantes).

O porcoteixo Meles meles. Ademais de varios exemplares atropelados sorprendín, ou mellor dito sorprendeume el a min, un exemplar vivo e en actividade na gabia da estrada de Meda a Asar (Navia de Suarna) o 16 de xuño 2015 ás 17:00 horas, cousa ben estraña para esta especie de hábitos nocturnos.

A xeneta Genetta genetta. Tamén seguimos atopando exemplares atropelados. Outro exemplar, este vivo, cae de noite o 16 de maio de 2016 nunha cámara de fototrampeo nun cortín preto de Coro (Navia de Suarna).

A lebre de piornal Lepus castroviejoi. Esta especie tan de Ancares é habitual atopala nalgunhas zonas da serra, sobre todo se circulas de noite por algunhas pistas forestais, como a observada o 21 de setembro de 2016 subindo ó Penarrubia (Cervantes) ou o exemplar observado á noitiña preto das alzadas de Pan do Zarco (Navia de Suarna) o 1 de xullo de 2016.
Lebre de piornal Lepus castroviejoi preto de Pan do Zarco (Navia de Suarna).

O leirón careto Eliomys quercinus. Temos un par de citas de esta esquiva especie, por un lado o sacamos do caixón o exemplar observado e fotografado de día o 7 de marzo de 2011 no val do Rao (Navia de Suarna) que polo seu raro comportamento pensamos que podería estar afectado por algunha doenza. A outra cita é mais recente, do 28 de setembro do 2016, un exemplar cae nunha cámara de fototrampeo preto de Eixibrón (Becerrrea).
Leirón careto Eliomys quercinus no val do Rao (Navia de Suarna).

Imos rematar cun morcego, o que parece ser un orelludo gris Plecotes austriacus, que o 26 de agosto de 2015 entraba e fotografamos nun edificio en Becerreá. Digo que parece porque é este un campo novo para min, así que espero non trabucarme.
Probable orelludo gris Plecotes austriacus por Becerreá.