Mostrando entradas con la etiqueta Turdus pilaris. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Turdus pilaris. Mostrar todas las entradas

sábado, 23 de abril de 2022

Noticiario ornitolóxico

Xa tocaba. Demasiado tempo levo con este blog parado. Non teño escusa. Polo tanto que mellor forma de retomar a actividade que contar as novidades ornitolóxicas que penso son as máis interesantes que teño deste tempo nas comarcas da Fonsagrada e dos Ancares. 

E imos comezar polo peto negro, que despois de escoitalo un par de veces, por fin o puiden ver e fotografar por Negueira de Muñíz o 1 de abril de 2022. 

Peto negro Dryocopus martius por Negueira de Muñíz. 

Outra observación interesante foi a dun picanzo cabecirrubio Lanius senator o 16 de abril de 2022 por Reboira (A Fonsagrada).

Picanzo cabecirrubio Lanius senator por Reboira (A Fonsagrada). 

Por Fonfría (Pedrafita do Cebreiro) o 29/08/2017 observamos 1 pedreiro cincento Oenanthe oenanthe, 2 chascos norteños Saxicola rubetra e 2 papamoscas negros Fycedula hypoleuca. Tamén 3 millafres reais Milvus milvus o 17/01/2022.

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Fonfría (Pedrafita do Cebreiro). 

Millafre real Milvus milvus por Fonfría (Pedrafita do Cebreiro). 

Entre Lodos e As Cancelas (A Fonsagrada) o 28/03/2021 atopeime pousado a este probable macho de gabián Accipiter nisus.

Gabián Accipiter nisus entre Lodos e As Cancelas (A Fonsagrada). 

Por Torés (As Nogais) o 11/04/2021 no entorno da igrexa e a torre de Torés atopei 4 choias Pyrrhocorax pyrrhocorax, 1 parella de pombos pequenos Columba oenas e unhas 20 grallas pequenas Corvus monedula.

Choias Pyrrhocorax pyrrhocorax por Por Torés (As Nogais). 

Por Aigas (Navia de Suarna) o 03/05/2021 este ferreiriño cristado Lophophanes cristatus.

Ferreiriño cristado Lophophanes cristatus por Aigas (Navia de Suarna). 

Pola serra de Ancares, no Penarrubia (Cervantes) o 23/01/2022 observo 8 lavercas Alauda arvensis, 12 tordos reais Turdus pilaris e 6 picas alpinas Anthus spinoletta.

Laverca Alauda arvensis polo Penarrubia (Cervantes). 

Tordo real Turdus pìlaris polo Penarrubia (Cervantes). 

Preto da torre de Doncos (As Nogais) o 27/03/2022 esta estreliña riscada Regulus ignicapilla.

Estreliña riscada Regulus ignicapilla por Doncos (As Nogais). 

Por Entralgo (Negueira de Muñíz) o 1/04/2022 este picafollas europeo Phylloscopus collybita. 

Picafollas europeo Phylloscopus collybita por Entralgo (Negueira de Muñíz). 

E por último, que non derradeiro, por Catroventos (Cervantes) o 14/03/2022 un polo xoven algo melánico de tartaraña cincenta Circus pygargus.

Tartaraña cincenta Circus pygargus por Catroventos (Cervantes).

martes, 1 de marzo de 2011

Un gabián na escola e outras citas ornitolóxicas

Pasou febreiro, pero es nevaradas e o frío seguen ameazando con blanquear os montes e outras partes altas destas terras. Será polo frío ou por que xa comezan os movementos primaverais, o caso é que o 23 de febreiro unha femia de gabián Accipiter nisus quixo pasar a noite na pista polideportiva semicuberta do colexio de A Fonsagrada. O que non esperaba pola mañá é o balbordo habitual de nenos correndo e xogando e así calquera se atreve a sair. Por sorte para o gabián, pola noitiña xa fuxíu e un servidor quedouse sen observalo. Menos mal que Alejandro fixo estas fotos para dar testimonio desta breve incursión escolar.


Femia de gabián Accipiter nisus no teito da pista polideportiva (A Fonsagrada). Fotografías de Alejandro Ocampo.

Febreiro deixounos tamén algún bando de becacinas Gallinago gallinago en pastizais enchoupados por Miñide (A Fonsagrada) e un gran número de tordos reais Turdus pilaris, presentes en bandos numerosos por pastizais de toda a comarca.


Becacina Gallinago gallinago.


Tordo real Turdus pilaris.

Tamén temos recén chegados como a primeira observación da tempada, o 22 de febreiro, de mínimo 6 lavercas Alauda arvensis por Candaído (A Fonsagrada) ou a chegada da parexa de cegoñas brancas Ciconia ciconia ao seu niño no veciño concello de Castroverde o 13 de febreiro.


Cegoña branca Ciconia ciconia por Castroverde.

lunes, 24 de enero de 2011

As praderías de O Ventorrillo no inverno

Na fonsagradina parroquia de A Veiga de Logares, limitando co concejo asturiano de Santa Eulalia de Oscos, temos unha zona na que se poden realizar interesantes observacións ornitolóxicas na época invernal: as praderías de O Ventorrillo.

Este lugar, dominado por grandes superficies de praderías a uns 800 metros de altitude, é o lugar elexido por especies invernantes de maneira habitual tódolos anos, non sendo difícil atoparse con bandos de avefrías Vanellus vanellus, ou incluso de píldoras douradas Pluvialis apricaria.


Avefría Vanellus vanellus


Píldora dourada Pluvialis apricaria

Abondosos son os bandos de picas dos prados Anthus pratensis, xiríns Serinus serinus e pimpíns Fringilla coelebs, ademais de corvos grandes Corvus corax, que nesta zona son incluso máis comúns que os corvos pequenos Corvus corone corone.


Corvo grande Corvus corax


Xirín Serinus serinus

Na última visita realizada o 24-1-2011 tamén nos atopamos con numerosos bandos mixtos de tordos charlos Turdus viscivorus, tordos rubios Turdus iliacus e tordos reais Turdus pilaris (ata máis de 40 tordos reais nalgún bando).


Tordo real Turdus pilaris

Sen dúbida, un lugar de campeo recomendable para os que quieran visitar estas terras na procura de observacións ornitolóxicas e que nos pasos migratoriais nos pode traer algúnha sorpresa.