Mostrando entradas con la etiqueta Meles meles. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Meles meles. Mostrar todas las entradas

viernes, 17 de mayo de 2013

Que si, que xa chegou (a primavera)

Que si, que xa chegou a primavera, xa fai un tempo, tanto como o tempo que fai que non actualizo esta bitácora. Tanto tempo que pasamos das queixas polas baixas temperaturas que non deixaban ver os primeiros gromos verdes para pronto pasar a un pequeno período de tempo de altas temperaturas e sol, para acabar volvendo ás chuvieiras, tronadas e neves nos altos cumios da comarca. Todo isto propiciou a entrada da primavera xa fai unha tempada e observáramos as primeiras mostras das máis típicas orquídeas que amosan a súa floración na comarca: Orchis morio e Orchis mascula. As primeiras son as máis madrugadoras e as segundas a continuación, as dúas especies se poden observar actualmente en bastantes zonas incluso en bo número.

Orchis mascula (esqueda) e Orchis morio (dereita) en floración na comarca da Fonsagrada.
 
Poboación de Orchis mascula nunha pradería preto do Cádavo (Baleira).

Outras observacións temperás foron os Narcissus bulbocodium, un afroixón do que aínda non tivéramos ocasión de falar neste blog, que observamos en alomenos dous lugares. Pensamos que faltaría esta especie pero a verdade e que está presente tamén na comarca.
 
 Narcissus bulbocodium pola comarca da Fonsagrada.

E para rematar coa flora temos unha especie que particularmente nos gusta moito ver en floración como é Polygonatum odoratum, que tamén puntual á súa cita primaveral fotografámola nunha pequena poboación na ruta polo río Eo.
 
Polygonatum odoratum polo río Eo (Baleira).

No canto da paxarada non son moitas as citas recollidas nin destacadas, pero non por iso imos deixar de ocuparnos delas. Un adulto de gaivota patiamarela Larus michahellis chamou a atención polo centro da Fonsagrada a primeiros de abril, sitio pouco habitual para esta especie pero que tan común é noutros lares. Mostramos pois unha imaxe de archivo dunha parella destas gaivotas alá por terras viveirenses en plena faena primaveral.
Gaivotas patiamarelas Larus michahellis nunha imaxe de archivo no tellado dun edificio por Covas (Viveiro).
 
Outras citas ornitolóxicas son doadas de facer en moitas das zonas de campeo habitual, polo seu carácter de residentes e/ou de paso prenupcial. Así acontece co ferreiriño azul Parus caeruleus, ca papuxa das amoras Sylvia atricapilla ou co picafollas europeo Phylloscopus collybita. Este último porque escoitamos o seu canto, se non calquera acerta coa especie.
 
Papuxa das amoras Sylvia atricapilla.
 
Ferreiriño azul Parus caeruleus.
 
Picafollas europeo Phylloscopus collybita.
Outro síntoma primaveral é a presenza de rastros e sinais que a fauna deixa, por iso gustamos de parar nas zonas propicias para que as pegadas dos animais queden marcads, e son os teixugos Meles meles uns dos máis activos.
Pegadas no barro dun teixugo Meles meles preto da ponte de Cabreira (Baleira).
 
E esta imaxe, que non é a primeira vez que a observamos, sempre nos fai dubidar sobre quen foi a víctima (pombo, pega, …) e quen o que almorzou ben ese día (azor,...). Unha pena non poder disfrutar dese momento en vivo e en directo para así polo menos identificar aos suxeitos.
Restos da plumaxe dunha ave preto de A Cortevella (Baleira).
 
E para rematar desta volta imos falar das bolboretas, que xa tiñan ganas de comezar a aparecer. Xa fai tempo que as primeiras branca e limoeiras se deixaron ver, así como as dúas das seguintes imaxes: Pararge aegeria e Polygonia c-album.
Pararge aegeria preto de Vilar de Vela (A Fonsagrada) polo río Rodil.
 
Polygonia c-album por de San Paio (Baleira) preto do río Eo.
 
Sen mais, ata outra volta e feliz día das letras galegas.

lunes, 12 de marzo de 2012

Mamíferos e atropelos


As estradas son unha fonte inagotable, moitas veces imprevisible e sempre indeseable de información sobre a diversidade biolóxica faunística desta comarca, e no caso que nos ocupa de mamíferos. A mortalidade por atropelo ou colisións con vehículos ou outras causas dos animais que tentan cruzar as vías permite a constatación da presencia de especies que non son doadas de ver. Moitas veces polos seus hábitos nocturnos, outras por ser moi esquivas e/ou tamén por non ser moi comúns, o caso é que aínda que preferiríamos nos facer este tipo de observacións o realidade é que se producen e por iso vexamos unhas cantas feitas recentemente.
O 15/02/2012 atopamos unha londra Lutra lutra atropelada na estrada moi preto do Cádavo (Baleira). É esta unha especie da que xa tiñamos constancia da súa presencia en medios acuáticos da comarca, pero ahí estaba no asfalto lonxe dun río ou regato onde seguro estaría mellor.
Londra Lutra lutra atropelada preto do Cádavo (Baleira).

O 28/02/2012 un furón bravo Mustela putorius aparece atropelado preto de Río de Bangos (A Fonsagrada). Esta é unha especie non moi común e non é doado vela por ser eminentemente nocturna. Esta é a primeira cita persoal desta especie na comarca e xa vedes de que forma.
Furón bravo Mustela putorius preto de Río de Bangos (A Fonsagrada).

O 04/03/2012 unha xeneta Genetta genetta polo Coto de Lamas de Moreira (A Fonsagrada) e un porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada) tamén atropelados.
Xenetta Genetta genetta polo Coto de Lamas (A Fonsagrada).
Porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada).

Bueno, e agora un par de fotografías de mamíferos vivos, para quitar o mal sabor de boca. Primeiro unha marta Martes martes observada polo Rego da Pasada (A Fonsagrada) e por último un aínda atontado rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada) que parece non entender esta tempo de verán en pleno inverno. Ata outra.
Marta Martes martes polo Rego da Pasada (A Fonsagrada).

Rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada).

martes, 17 de mayo de 2011

Na procura dun oso polo Alto da Vacariza

Menudos días estos. A observación dun oso por parte dun veciño do Cádavo o pasado martes 10/5/2011 á medianoite na estrada de Lugo á Fonsagrada, á altura do Alto da Vacariza é o tema de conversación preferido dos alporizados veciños de Castroverde e Baleira. Non por imposíbel, si por pouco habitual, o caso é que nestes últimos anos parece que o aumento por parte da poboación occidental do oso pardo cantábrico Ursus arctos fan que estes avistamentos se produzan en territorio galego cada vez máis.

No caso que nos ocupa a prensa escrita dou boa conta deste feito como podedes ver nos seguintes enlaces:
http://elprogreso.galiciae.com/nova/88526.html
http://elprogreso.galiciae.com/nova/89022.html

De momento non se teñen noticias de máis observacións que poidan confirmar esta anecdótica presenza e a procura de sinais por parte do Servizo de Conservación da Natureza e da Fundación Oso Pardo se limitan a varios grupos de pelos en silveiros próximos a unha prea de porco teixo Meles meles preto do lugar da observación, sen que de momento se confirmara que os pelos sexan de oso pardo.

En fin, sen máis, unha fotografía da recollida de mostras dos probábeis pelos deste oso esperando máis noticias que confirmen este achado.

Recollida dos posibles pelos de oso no Alto da Vacariza.

miércoles, 9 de junio de 2010

Grandes mamíferos da comarca I

Os grandes mamíferos pobladores desta comarca son un grupo variado e singular. Deixando a un lado as esporádicas visitas do oso pardo cantábrico Ursus arctos, o rei dos montes fonsagradinos é o lobo ibérico Canis lupus signatus. Este conflictivo carnívoro goza na comarca de unha poboación residente e con alomenos dous núcleos reproductores, polo que é doado atopar os rastros da súa presencia na zona, e tanto excrementos como pegadas se poden atopar polos seus lugares de tránsito. Temos presente que é moi difícil diferenciar entre pegadas de lobo e de mastíns, pero os excrementos non teñen duda. Outra cousa é facer observacións directas dos mesmos, xa que os seus hábitos os fan moi esquivos. Fotografiar os lobos da Fonsagrada é unha asinatura pendente ca que antes ou despois terei que poñerme.


Pegadas de lobo Canis lupus signatus ou mastín polos montes da Fonsagrada.


Excrementos de lobo Canis lupus signatus polos montes da Fonsagrada.
O raposo Vulpes vulpes é outro mamífero ben presente na comarca, fácil é toparse con él incluso a plena luz do día.


Raposo Vulpes vulpes por Peizais (A Fonsagrada).
A familia dos mustélidos está ben representada na comarca. Observacións de garduña ou fuíña Martes foina e sobre todo de marta Martes martes son habituais, sobre todo atropeladas en gran número. O teixugo ou porco teixo Meles meles tamén é fácil de detectar polas súas características letrinas, de habitos mais ben nocturnos tamén tivemos a desgracia de velo atropelado.


Marta Martes martes atropelada nunha estrada da Fonsagrada.


Marta Martes martes fotografiada no 2008 en Negueira de Muñiz por José Fernández. Gracias Fran pola foto.


Teixugo Meles meles atropelado nunha estrada da Fonsagrada.
Bueno, sen querer me está saíndo unha entrada para a DGT, pero como vedes o dos atropelos é unha non desexable fonte de información. Sinceramente prefería non facer estas observacións. Outro día continuará...