O 21 de maio de 2014 atopei esta fermosa orquídea por Cervantes, é dicir, nos Ancares lucenses, a uns 1250 msnm. Por suposto non perdín a ocasión de sacarlle unhas fotografías que uso para ilustrar esta entrada.
Unha vez
analizada a orquídea non tiven dúbida co xénero da pranta:
Dactylorhiza. Pero ahí empezaba o problema da correcta
identificación da especie, porque anda que non ten tela o temiña.
Aínda que todo
apuntaba a Dactylorhiza sambucina, un estudo xenético
publicado no ano 2006 por H. E. Pedersen considera as poboacións
galegas como pertencentes a unha nova especie, Dactylorhiza
cantabrica, baseándose no seu maior número cromosómico, o seu
illamente xenético e certas diferenzas morfolóxicas. De feito este
estudio tamén propón una nova clave taxonómica para a correcta
identificación desta nova especie e destaca que as poboacións
galegas están case exclusivamente no Courel, por iso esta nova
especie se considera como un endemismo desa serra.
E a
verdade e que despois de darlle voltas ao asunto cheguei a unha
conclusión: sen un estudio xenético é imposible afirmar ao 100%
cal é a especie. Así sen querer entra en guerras
taxonómicas, basándonos no observado (a coloración exclusivamente
amarela das flores, que a folla máis longa describe un ángulo de
máis de 55° co talo, a lonxitude e feitura do esporón e do talo, o
número de follas non envaiñadoras por baixo e polo labelo con
manchas vermellas que sobrepasan o terzo proximal) e a pesar de ter
en conta que estamos en Ancares e non no Courel imos tomar a decisión
de identificar esta especie como
Dactylorhiza cantabrica
H.A. Pedersen (= Dactylorhiza
sambucina auct. hisp.
p.p.), pero sen unha total seguridade.
Así
que aquí deixo para os máis avezados taxonomistas o debate e para
os Ancares a cita e estas fotografías para que disfrutemos da
presenza desta orquídea.
2 comentarios:
Espectacular, coma todas as orquídeas. Só lamento que a obsesión enfermiza pola segregación específica teña chegado tamén a este terreo das orquídeas.
Nunca o entenderei como é posíbel que para lograr unha identificación dun micrótido, unha rá verde, un picafollas ou dunha flor haxa que romperse a cabeza desa maneira. Entendendo que a xenética teña a súa importancia en temas de conservación, pero que se chegue a ese ponto de que físicamente (a nivel supra-microscópico)nos resulta imposíbel saber ante qué especie estamos é de tolos...
Unha aperta, Germán.
Home, eu non teño claro que resulte imposible saber que especie é, supoño que hai maneira. O único que sei é que eu non son quen de afirmalo con rotundidade. Un saúdo. Grazas polo comentario.
Publicar un comentario