lunes, 14 de abril de 2014

Un pouco de todo, moito de nada

Levaba este blog uns cantos meses sen dar síntomas de actividade, concretamente desde que o oso de Baleira se deixara fotografar no verán do 2013. Pero tranquilos, que non é a miña intención deixar de amosar neste espazo os valores ecolóxicos que poidan ser de interese ou que simplemente poñan en valor o patrimonio natural que temos a oportunidade de disfrutar neste recuncho.

Case non me decatei, pero o tempo pasou e demasiado rápido para o meu gusto. E que xa van alá un lote de meses nos que outras actividades persoais, que nada teñen que ver con este blog, conseguiron ocuparme a cabeciña e ir deixando para máis adiante as crónicas naturalistas acostumadas.

Pero como dicía, tranquilos que non teño intención ningunha de rematar con esta actividade blogueira, todo o contrario. O que si vou facer é unha “pequena” variación: unha ampliación da zona de influencia. Así que que nun futuro próximo, ídevos facendo á idea, falaremos de cotío tamén da comarca de Ancares, ou sexa, dos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Case nada.

Polo que mentres recopilamos cousiñas moi interesantes para amosalas nun futuro cercano, arredemo que as hai, imos falar dalgunhas outras cousiñas que nos quedaban no tinteiro da comarca de Fonsagrada.

Empezamos polo oso Ursus arctos de Baleira, que seguía a finais do 2013 atacando colmeas nos seu lugares xa habituais e en febreiro do 2014 seguía nas mesmas. Parece que este animal apenas tivo, ou non tivo meñor dito, un perído de hibernación. Vexamos que ocorre con él agora que comeza a época primaveral na que esta especie acostuma a facer os seus desprazamentos habituais.

Pegada de oso pardo en Baleira o 20/11/2013.

Outras observacións tamén interesantes na comarca foron:
- Un armiño ou doniña branca Mustela erminea preto de Os Boucelos, Arroxo (A Fonsagrada) a principios de febreiro do 2014 ca súa muda invernal case que todo branco.
- Unha garduña Martes foina tamén a principios de febreiro do 2014 que cruza a pista de día entre Padornelo e Centigosa (Baleira).
- Un picazo real Lanius meridionalis o 8/12/2013.preto da estrada no val de Neira (Baleira - Baralla).

Picanzo real Lanius meridionalis polo val do Neira.

- Unha arcea Scolopax rusticola o 20/12/2013 atropelada preto de Coea (Navia de Suarna).
- Un sapo común Bufo bufo adulto en actividade diurna á beira do río de Lamas preto de Cereixido (A Fonsagrada) o 24/4/2013.
- Dúas píntegas comúns Salamandra salamandra adultas por Pedrafitelas (A Fonsagrada) o 19/11/2013 nun pequeno depósito auga particular.

Píntega común Salamandra salamandra por Pedrafitelas (A Fonsagrada)

- Un sapiño comadrón Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada) o 13/7/2013.

Sapiño comadrón Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.

- Unha cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada na estrada preto de Silvadrosa (Baleira) o 3/7/2013.


Cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada preto de Silvadrosa (Baleira).

- Unha cobra de colar Natrix natrix xuvenil atropelada chegando á capela Vilar de Cuiña (Negueira de Muñiz) o 9/8/2013 e outra xuvenil na estrada chegando a Pastoriza (A Fonsagrada) o 17/8/2013.

Na flora non moitas novedades, a non ser por un pequena e nova poboación de Serapias lingua nun pasteiro preto da ponte do río Lamas entre Sanguñedo e San pedro do Río (A Fonsagrada) a principios do maio pasado.

Serapias lingua preto do río Lamas (A Fonsagrada).

E xa para rematar esta escolma e posta ao día, que xa era hora, falar dun curioso lique que atopamos medrando nuns troncos en pé de castiñeiros Castanea sativa preto de Cereixido (A Fonsagrada): Lobaria pulmonaria.

Lobaria pulmonaria sobre castiñeiros preto de Cereixido (A Fonsagrada).

Sen outra, deixámolo aquí en emprazámosvos para outras novas que non se farán tanto de rogar. Ancares nos espera.
Publicar un comentario