viernes, 17 de mayo de 2013

Que si, que xa chegou (a primavera)

Que si, que xa chegou a primavera, xa fai un tempo, tanto como o tempo que fai que non actualizo esta bitácora. Tanto tempo que pasamos das queixas polas baixas temperaturas que non deixaban ver os primeiros gromos verdes para pronto pasar a un pequeno período de tempo de altas temperaturas e sol, para acabar volvendo ás chuvieiras, tronadas e neves nos altos cumios da comarca. Todo isto propiciou a entrada da primavera xa fai unha tempada e observáramos as primeiras mostras das máis típicas orquídeas que amosan a súa floración na comarca: Orchis morio e Orchis mascula. As primeiras son as máis madrugadoras e as segundas a continuación, as dúas especies se poden observar actualmente en bastantes zonas incluso en bo número.

Orchis mascula (esqueda) e Orchis morio (dereita) en floración na comarca da Fonsagrada.
 
Poboación de Orchis mascula nunha pradería preto do Cádavo (Baleira).

Outras observacións temperás foron os Narcissus bulbocodium, un afroixón do que aínda non tivéramos ocasión de falar neste blog, que observamos en alomenos dous lugares. Pensamos que faltaría esta especie pero a verdade e que está presente tamén na comarca.
 
 Narcissus bulbocodium pola comarca da Fonsagrada.

E para rematar coa flora temos unha especie que particularmente nos gusta moito ver en floración como é Polygonatum odoratum, que tamén puntual á súa cita primaveral fotografámola nunha pequena poboación na ruta polo río Eo.
 
Polygonatum odoratum polo río Eo (Baleira).

No canto da paxarada non son moitas as citas recollidas nin destacadas, pero non por iso imos deixar de ocuparnos delas. Un adulto de gaivota patiamarela Larus michahellis chamou a atención polo centro da Fonsagrada a primeiros de abril, sitio pouco habitual para esta especie pero que tan común é noutros lares. Mostramos pois unha imaxe de archivo dunha parella destas gaivotas alá por terras viveirenses en plena faena primaveral.
Gaivotas patiamarelas Larus michahellis nunha imaxe de archivo no tellado dun edificio por Covas (Viveiro).
 
Outras citas ornitolóxicas son doadas de facer en moitas das zonas de campeo habitual, polo seu carácter de residentes e/ou de paso prenupcial. Así acontece co ferreiriño azul Parus caeruleus, ca papuxa das amoras Sylvia atricapilla ou co picafollas europeo Phylloscopus collybita. Este último porque escoitamos o seu canto, se non calquera acerta coa especie.
 
Papuxa das amoras Sylvia atricapilla.
 
Ferreiriño azul Parus caeruleus.
 
Picafollas europeo Phylloscopus collybita.
Outro síntoma primaveral é a presenza de rastros e sinais que a fauna deixa, por iso gustamos de parar nas zonas propicias para que as pegadas dos animais queden marcads, e son os teixugos Meles meles uns dos máis activos.
Pegadas no barro dun teixugo Meles meles preto da ponte de Cabreira (Baleira).
 
E esta imaxe, que non é a primeira vez que a observamos, sempre nos fai dubidar sobre quen foi a víctima (pombo, pega, …) e quen o que almorzou ben ese día (azor,...). Unha pena non poder disfrutar dese momento en vivo e en directo para así polo menos identificar aos suxeitos.
Restos da plumaxe dunha ave preto de A Cortevella (Baleira).
 
E para rematar desta volta imos falar das bolboretas, que xa tiñan ganas de comezar a aparecer. Xa fai tempo que as primeiras branca e limoeiras se deixaron ver, así como as dúas das seguintes imaxes: Pararge aegeria e Polygonia c-album.
Pararge aegeria preto de Vilar de Vela (A Fonsagrada) polo río Rodil.
 
Polygonia c-album por de San Paio (Baleira) preto do río Eo.
 
Sen mais, ata outra volta e feliz día das letras galegas.
Publicar un comentario