Agora que entramos no 2017, podemos dicir que o 2016 foi un ano sen
moita actividade neste blog. Isto é un feito, pero non por iso
deixamos de recompilar cousiñas, propias ou de compañeiros, que
iremos amosando ó seu debido tempo e que nesta primeira entrega imos
adicar ós mamíferos
Case por obriga debemos comezar polo oso pardo cantábrico Ursus
arctos . Estamos abraiados pola presenza cada vez menos
esporádica desta especie en Ancares. E que o ano 2016 probablemente
fora o mellor ano que se recorde, desde a súa case extinción nos
Ancares galegos, de rexistros de oso pardo. Iso si, de momento a cría
segue sen poderse confirmar en Galicia. Amósovos un par de
fotografías:
Primeiro un fotograma dun vídeo dun exemplar probablemente macho
adulto que foi gravado mediante fototrampeo no val do Rao o 21 de
xuño de 2016 (Navia de Suarna). Xa que o propietario do cortín fixo
público nas redes sociais este feito cun fotograma do mesmo vídeo
do que estamos falando, penso que non pasa nada se eu tamén o fago.
Este oso tivo un curioso comportamento xa que achegouse ó pastor
eléctrico recentemente colocado, tras ataques previos ás colmeas,
para sen sequera tocalo darse a volta e volver por onde viñera.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos no
val do Rao (Navia de Suarna).
Segundo outro fotograma doutro vídeo que nos cede Pío Antonio de la
Peña que xunto con outros compañeiros realizou o 10 de setembro de
2016 xa no límite de Galicia na
serra de Ancares (Cervantes). Neste caso un oso probablemente
xuvenil escapaba á carreira ladeira abaixo.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos na
serra de Ancares (Cervantes) no límite de Galicia.
Outra especie da que tamén é case obrigatorio falar é o lobo
ibérico Canis lupus signatus. Son varias as observacións que
recollemos desta especie, e a verdade é que case preferimos non dar
localizacións moi precisas. Amosar iso si un par de fotografías
tamén cedidas por Pío Antonio de la Peña de xuño de 2016 na serra
de Ancares.
Lobos ibéricos Canis lupus signatus na
serra de Ancares.
O introducido rebezo Rupicapra pyrenaica parva forma xa
parte da paisaxe da serra de Ancares e é actualmente uns dos máis
importantes activos da actividade cinexética na Reserva de Caza de
Ancares. Non vou a aburrir con citas pero si amosar algunhas
fotografías como a curiosa interacción observada entre unha femia
de rebezo e a súa cría cun voitre común Gyps fulvus no
Penarrubia ( non pararon de molestar ata que o voitre saíu voando).
Rebezos Rupicapra pyrenaica parva e voitre común Gyps
fulvus no Penarrubia (Cervantes)
Compre tamén amosarvos un par de fotos de Pío Antonio de la Peña.
Unha duns rebezos e outra dun grupo da tamén introducida cabra
montés Capra pyrenaica victoriae pola zona do Penalonga
(Cervantes).
Rebezos Rupicapra pyrenaica parva na zona do Penalonga (Cervantes).
Cabras
montesas Capra pyrenaica victoriae na zona do Penalonga (Cervantes).
O cervo Cervus elaphus, non é unha especie que sexa
actualmente moi abondosa nos Ancares Lucenses, aínda así os poucos
exemplares que existen na actualidade teñen que convivir por estes
lares co feito de ser especie cinexética. Tivemos a incrible
oportunidade de contemplar a berrea cos cervos de Ancares o 17 e 18
de novembro de 2015 na Serra do Barreiro (Navia de Suarna) e
conseguimos algunhas fotografías documentais como estas dúas que
vos amoso a continuación.
Macho de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de
Suarna).
Femia de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de
Suarna).
O gato montés Felis silvestris, outra especie escasa pero
existente nos Ancares. Fotografei este exemplar o 29 de agosto de
2015 a última hora da tarde nun pastizal con sebes por O Grandarón,
preto de Quindous (Cervantes).
Gato montés Felis silvestris,preto de Quindous (Cervantes).
O porcoteixo Meles meles. Ademais de varios exemplares
atropelados sorprendín, ou mellor dito sorprendeume el a min, un
exemplar vivo e en actividade na gabia da estrada de Meda a Asar
(Navia de Suarna) o 16 de xuño 2015 ás 17:00 horas, cousa ben
estraña para esta especie de hábitos nocturnos.
A xeneta Genetta genetta. Tamén seguimos atopando exemplares
atropelados. Outro exemplar, este vivo, cae de noite o 16 de maio de
2016 nunha cámara de fototrampeo nun cortín preto de Coro (Navia de
Suarna).
A lebre de piornal Lepus castroviejoi. Esta especie tan de
Ancares é habitual atopala nalgunhas zonas da serra, sobre todo se
circulas de noite por algunhas pistas forestais, como a observada o
21 de setembro de 2016 subindo ó Penarrubia (Cervantes) ou o
exemplar observado á noitiña preto das alzadas de Pan do Zarco
(Navia de Suarna) o 1 de xullo de 2016.
Lebre de piornal Lepus castroviejoi preto de Pan do Zarco
(Navia de Suarna).
O leirón careto Eliomys quercinus. Temos un par de citas de
esta esquiva especie, por un lado o sacamos do caixón o exemplar
observado e fotografado de día o 7 de marzo de 2011 no val do Rao
(Navia de Suarna) que polo seu raro comportamento pensamos que
podería estar afectado por algunha doenza. A outra cita é mais
recente, do 28 de setembro do 2016, un exemplar cae nunha cámara de
fototrampeo preto de Eixibrón (Becerrrea).
Leirón careto Eliomys quercinus no val do Rao (Navia de
Suarna).
Imos rematar cun morcego, o que parece ser un orelludo gris Plecotes
austriacus, que o 26 de agosto de 2015 entraba e fotografamos nun
edificio en Becerreá. Digo que parece porque é este un campo novo
para min, así que espero non trabucarme.
Probable orelludo gris Plecotes austriacus por
Becerreá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario