domingo, 1 de junio de 2014

Dactylorhiza cantabrica en Ancares

O 21 de maio de 2014 atopei esta fermosa orquídea por Cervantes, é dicir, nos Ancares lucenses, a uns 1250 msnm. Por suposto non perdín a ocasión de sacarlle unhas fotografías que uso para ilustrar esta entrada.
 Unha vez analizada a orquídea non tiven dúbida co xénero da pranta: Dactylorhiza. Pero ahí empezaba o problema da correcta identificación da especie, porque anda que non ten tela o temiña.

Aínda que todo apuntaba a Dactylorhiza sambucina, un estudo xenético publicado no ano 2006 por H. E. Pedersen considera as poboacións galegas como pertencentes a unha nova especie, Dactylorhiza cantabrica, baseándose no seu maior número cromosómico, o seu illamente xenético e certas diferenzas morfolóxicas. De feito este estudio tamén propón una nova clave taxonómica para a correcta identificación desta nova especie e destaca que as poboacións galegas están case exclusivamente no Courel, por iso esta nova especie se considera como un endemismo desa serra.
 

E a verdade e que despois de darlle voltas ao asunto cheguei a unha conclusión: sen un estudio xenético é imposible afirmar ao 100% cal é a especie. Así sen querer entra en guerras taxonómicas, basándonos no observado (a coloración exclusivamente amarela das flores, que a folla máis longa describe un ángulo de máis de 55° co talo, a lonxitude e feitura do esporón e do talo, o número de follas non envaiñadoras por baixo e polo labelo con manchas vermellas que sobrepasan o terzo proximal) e a pesar de ter en conta que estamos en Ancares e non no Courel imos tomar a decisión de identificar esta especie como Dactylorhiza cantabrica H.A. Pedersen (= Dactylorhiza sambucina auct. hisp. p.p.), pero sen unha total seguridade.

 
Así que aquí deixo para os máis avezados taxonomistas o debate e para os Ancares a cita e estas fotografías para que disfrutemos da presenza desta orquídea.
 

2 comentarios:

Unknown dijo...

Espectacular, coma todas as orquídeas. Só lamento que a obsesión enfermiza pola segregación específica teña chegado tamén a este terreo das orquídeas.
Nunca o entenderei como é posíbel que para lograr unha identificación dun micrótido, unha rá verde, un picafollas ou dunha flor haxa que romperse a cabeza desa maneira. Entendendo que a xenética teña a súa importancia en temas de conservación, pero que se chegue a ese ponto de que físicamente (a nivel supra-microscópico)nos resulta imposíbel saber ante qué especie estamos é de tolos...
Unha aperta, Germán.

Germán Torres dijo...

Home, eu non teño claro que resulte imposible saber que especie é, supoño que hai maneira. O único que sei é que eu non son quen de afirmalo con rotundidade. Un saúdo. Grazas polo comentario.