Levaba este blog
uns cantos meses sen dar síntomas de actividade, concretamente desde
que o oso de Baleira se deixara fotografar no verán do 2013. Pero
tranquilos, que non é a miña intención deixar de amosar neste
espazo os valores ecolóxicos que poidan ser de interese ou que
simplemente poñan en valor o patrimonio natural que temos a
oportunidade de disfrutar neste recuncho.
Case non me
decatei, pero o tempo pasou e demasiado rápido para o meu gusto. E
que xa van alá un lote de meses nos que outras actividades persoais,
que nada teñen que ver con este blog, conseguiron ocuparme a
cabeciña e ir deixando para máis adiante as crónicas naturalistas
acostumadas.
Pero como dicía,
tranquilos que non teño intención ningunha de rematar con esta
actividade blogueira, todo o contrario. O que si vou facer é unha
“pequena” variación: unha ampliación da zona de influencia. Así
que que nun futuro próximo, ídevos facendo á idea, falaremos de
cotío tamén da comarca de Ancares, ou sexa, dos concellos de
Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita
do Cebreiro. Case nada.
Polo que mentres
recopilamos cousiñas moi interesantes para amosalas nun futuro
cercano, arredemo que as hai, imos falar dalgunhas outras cousiñas
que nos quedaban no tinteiro da comarca de Fonsagrada.
Empezamos polo oso
Ursus arctos de Baleira, que seguía a finais do 2013 atacando
colmeas nos seu lugares xa habituais e en febreiro do 2014 seguía
nas mesmas. Parece que este animal apenas tivo, ou non tivo meñor
dito, un perído de hibernación. Vexamos que ocorre con él agora
que comeza a época primaveral na que esta especie acostuma a facer
os seus desprazamentos habituais.
Outras
observacións tamén interesantes na comarca foron:
- Un armiño ou
doniña branca Mustela erminea preto de Os Boucelos, Arroxo (A
Fonsagrada) a principios de febreiro do 2014 ca súa muda invernal
case que todo branco.
- Unha garduña
Martes foina tamén a principios de febreiro do 2014 que cruza
a pista de día entre Padornelo e Centigosa (Baleira).
- Un picazo real
Lanius meridionalis o 8/12/2013.preto da estrada no val de
Neira (Baleira - Baralla).
Picanzo real
Lanius meridionalis polo val do Neira.
- Unha arcea
Scolopax rusticola o 20/12/2013 atropelada preto de Coea
(Navia de Suarna).
- Un sapo común
Bufo bufo adulto en actividade diurna á beira do río de
Lamas preto de Cereixido (A Fonsagrada) o 24/4/2013.
- Dúas píntegas
comúns Salamandra salamandra adultas por Pedrafitelas (A
Fonsagrada) o 19/11/2013 nun pequeno depósito auga particular.
Píntega común
Salamandra salamandra por Pedrafitelas (A Fonsagrada)
- Un sapiño comadrón Alytes
obstetricans por Reboira (A Fonsagrada) o 13/7/2013.
Sapiño comadrón
Alytes obstetricans por Reboira (A Fonsagrada). Fotografía de
Alejandro Ocampo.
- Unha cobra
lagarteira meridional Coronella girondica atropelada na
estrada preto de Silvadrosa (Baleira) o 3/7/2013.
Cobra lagarteira
meridional Coronella girondica atropelada preto de Silvadrosa
(Baleira).
- Unha cobra de
colar Natrix natrix xuvenil atropelada chegando á capela
Vilar de Cuiña (Negueira de Muñiz) o 9/8/2013 e outra xuvenil na
estrada chegando a Pastoriza (A Fonsagrada) o 17/8/2013.
Na flora non
moitas novedades, a non ser por un pequena e nova poboación de
Serapias lingua nun pasteiro preto da ponte do río Lamas
entre Sanguñedo e San pedro do Río (A Fonsagrada) a principios do
maio pasado.
Serapias lingua
preto do río Lamas (A Fonsagrada).
E xa
para rematar esta escolma e posta ao día, que xa era hora, falar dun
curioso lique que atopamos medrando nuns troncos en pé de
castiñeiros Castanea
sativa preto de
Cereixido (A Fonsagrada): Lobaria
pulmonaria.
Lobaria
pulmonaria sobre castiñeiros preto de Cereixido (A Fonsagrada).
Sen outra,
deixámolo aquí en emprazámosvos para outras novas que non se farán
tanto de rogar. Ancares nos espera.
2 comentarios:
Xa botabamos de menos as citas de Aves e Natureza da Fonsagrada. Alégrome de que volvas con ánimos renovados, e coa intención de extender o teu campo de acción a toda esa montaña luguesa da que falas. A costa está moi trillada por moitos naturalistas e aficionados (entre os que me incluo) e a nosa montaña é a gran descoñecida, e que garda moitos segredos. Seguro que neste espazo continuarás descubríndonos moitos deles. Un saúdo desde a costa.
Moitas gracias, Enrique, polo teu comentario. Ahí seguiremos.
Publicar un comentario