viernes, 27 de agosto de 2010

Balance ornitolóxico da operación saída de Agosto

O verán é o tempo no que en regras xerais moitas aves rematan de chocar os seus ovos e comeza a época de ceba dos polos e polo tanto é unha época de moitos movementos dos proxenitores na procura de alimento e tamén dos primeiros voos dos máis novos. Momento polo tanto na que as aves toman máis riscos e están máis expostas a ser observadas en plena acción.


Lagarteiro común Falco tinnunculus comendo unha ave por Baleira.

Este aumento de actividade non sempre ten un final feliz e as baixas de efectivos son o pan noso de cada día, unhas veces por causas naturais, como por exemplo servindo de alimento a especies que se atopan máis enriba na escala trófica, e outras veces por causas antrópicas directas ou indirectas.
E é que as actividades humanas teñen moito que ver nesta diminución de efectivos nesta época de ano, consecuencia directa da modificación de hábitats coa construción de infraestruturas non adaptadas á vida silvestre, como poden ser as estradas e as instalacións eléctricas, por citar algunhas.
A verdade é que esta reflexión ten un motivo, xa que levo un mes realizando as novas observacións ornitolóxicas menos desexadas por calquer amante dá natureza: observacións de aves mortas por diferentes circunstancias.
Por exemplo a avelaiona Strix aluco atopada morta na estrada por probable colisión cun coche ou camión na entrada do Cádavo (Baleira) na madrugada do 2 de agosto.

Avelaiona Strix aluco morta no Cádavo (Baleira).

Outro exemplo máis recente é a avenoiteira cincenta Caprimulgus europaeus atopada morta atropelada na estrada preto de Ferreira de Arriba (A Fonsagrada) o 24 de agosto.


Avenoiteira cincenta Caprimulgus europaeus atropelada por Ferreira de Arriba (A Fonsagrada).

Un exemplo diferente é o corvo pequeno Corvus corone, atopado morto electrocutado preto de Buisán (A Fonsagrada) o pasado 16 de agosto.


Corvo pequeno Corvus corone morto electrocutado preto de Buisán (A Fonsagrada).

Pero para finalizar e non quedar con este mal sabor de boca, unha mensaxe de futuro esperanzador cunha foto dun ferreiriño real Parus major en plena ceba dos seus polos que o chamaban dende unha fenda na parede dunha casa de pedra por Redrollán, Lamas de Moreira (A Fonsagrada) o pasado 7 de agosto.


Ferreiriño real Parus major por Redrollán, Lamas de Moreira (A Fonsagrada).

2 comentarios:

Rubén Portas dijo...

Parece que os blogueiros este mes nos puxemos de acordo para subir entradas necrolóxicas..;)
Un saúdo!

Germán Torres dijo...

Supoño que algo terá que ver a época do ano na que estamos.
Un saúdo.