domingo, 15 de febrero de 2015

Flora na corda

Estamos en pleno inverno, e toda a serra de Ancares está cuberta dunha boa capa de neve que vai tardar en irse. Pero como cada cousa debe suceder no seu tempo, estas nevaradas son benvidas e darán paso á primavera do 2015 que xa estamos esperando.
Parte da serra de Ancares cuberta pola neve nestas datas.

Así que mentras disfrutamos destas vistas e antes da chegada do tempo das flores imos comentar varias observacións florísticas da primavera e verán de 2014 nesa zona da serra de Ancares coñecida como "a corda", ou sexa, polo cordal de cumios da serra de Ancares:

-Fritillaria nervosa subsp. nervosa. Varios exemplares en floración entre o Porto deAncares e o Pico Cuiña o 3 de xuño. Tamén na Golada da Vara subindo ao Fieiró de Deva o 16 de xuño.
Fritillaria nervosa subsp. nervosa preto do Porto de Ancares.

Pulsatilla alpina. 4 exemplares en floración na ladeira Norte do Pico Cuiña o 3 de xuño.
Pulsatilla alpina preto do Pico Cuiña.

Narcissus bulbocodium. Tamén varios exemplares na mesma data e zona.
Narcissus bulbocodium na serra de Ancares.

Nesa mesma zona tamén atopamos algúns exemplares de arzola Eryngium duriaeu a mediados de agosto así como os Juniperus communis subsp. alpina que tamén se poden observar noutros tesos da serra.

Eryngium duriaeu na serra de Ancares.

Juniperus communis subsp. alpina na serra de Ancares.

Tamén na zona de Porto de Ancares ao Pico Cuiña observamos varios exemplares en floración de Scilla verna e de Thymelaea coridifolia subsp. dendrobryum a primeiros e xuño.
Scilla verna na serra de Ancares.

Outra especie característica desta serra nas zonas altas é a Xanzá Gentiana lutea var. aurantica, que observamos en varias zonas da serra como subindo ao Tres Bispos. O mesmo ocorre co dente de can Erythronium dens-canis.
Gentiana lutea var. aurantica subindo ao Tres Bispos.

Erythronium dens-canis na serra de Ancares.

O 16 de xuño baixamos desde Campoformoso ata o Fieiró de Deva pola Golada da Vara e atopamos exemplares en floración de Jasione laevis. No teso de Fieiró de Deva varios exemplares de Armeria duriaei.
Armeria duriaei no Fieiró de Deva (Cervantes).

Xa no extremo sur da serra de Ancares observamos o 12 de xuño varios exemplares de Halimium umbellatum subsp. umbellatum e de Simethis planifolia pola Pena Branca, subido ao Penarrubia, preto de Porcís (Cervantes).
Halimium umbellatum subsp. umbellatum na serra de Ancares.

Simethis planifolia na serra de Ancares.

E por último xa na zona do Penarrubia o 19 de xullo observamos exemplares de Campanula herminii en floración así como dous interesantes exemplares en flor de Jurinea humilis.
Campanula herminii no Penarrubia.

Jurinea humilis no Penarrubia.
Publicar un comentario