jueves, 3 de mayo de 2012

Escolma ornitolóxica


Xa levaba un tempo sen acordarme dos paxaros. E iso que a saída do inverno e a chegada da primavera sempre son datas moi interesantes para realizar observacións ornitolóxicas diferentes.
Pero tiña acumuladas esta serie de fotografías e aproveito agora para amosalas e para que podades seguir observando o que se pode ver por estas terras.
Comezo polo Papamoscas negro Ficedula hypoleuca, unha especie que nos visita na época estival e que observei polo Ventorrillo (A Fonsagrada) o setembro pasado, aínda semella non apareceu este ano pero chegará.

Papamoscas negro Ficedula hypoleuca. Fotografía de Alejandro Ocampo.

O pedreiro cincento Oenanthe oenanthe é outra especie estival que non falla á súa cita e nos visita para reproducirse e manterse localizada en algunhas zonas altas na comarca. Por iso é fácil observala en lugares como os pastizais de Reboira ( A Fonsagrada).

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Reboira (A Fonsagrada).

En outubro un paseo pola fraga da Marronda (Baleira) para observar a varias especies residentes deste fermoso lugar: estreliñas riscadas Regulus ignicapilla, ferreiriños negros Parus ater, ferreiriños rabilongos Aegithalus caudatus e ferreiriños cristados Parus cristatus.

Estreliña riscada Regulus ignicapilla pola fraga da Marronda (Baleira).

Ferreiriño negro Parus ater pola fraga da Marronda (Baleira).

Ferreiriño rabilongo Aegithalus caudatus pola fraga da Marronda (Baleira).

Ferreiriño cristado Parus cristatus pola fraga da Marronda (Baleira).


Tamén os xílgaros Carduelis carduelis se deixaron ver nestas datas por esta fraga en lugares máis abertos.

Xílgaro Carduelis carduelis. Fotografía de Alejandro Ocampo.

As avefrías Vanellus vanellus, sempre indicadoras de frío, observadas preto de Carballido (A Fonsagrada) alá polo final de febreiro, non foron as únicas que se viron na comarca este pasado inverno. Sen ser moi abondosas por aquí, a veces nos sorprenden nos invernos fonsagradinos con numerosos bandos polos pastizais da comarca.

Avefrías Vanellus vanellus preto de Carballido (A Fonsagrada).

E para rematar unha cita de miñato abelleiro Pernis apivorus preto da ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) a principios do setembro pasado, outra dun macho adulto de tartaraña cincenta Circus pygargus polo Ventorrillo (A Fonsagrada) á metade de abril deste ano, as primeiras aguias cobreiras Circaetus gallicus observadas polo val do río Lamas e por Miñide (A Fonsagrada) na segunda quincena de abril e unha fermosa fotografía dunha Aguia calzada Hieraaetus pennatus feita o pasado agosto preto de Lugo, esta última especie todavía non apareceu este ano pero algúnha se deixará ver tamén.

 Aguia calzada Hieraaetus pennatus.

Publicar un comentario