Non nos esquecemos da flora vascular da comarca, ou mellor dito, é a propia floración destas especies a que reclama a nosa atención.
Por exemplo cando un vai recorrendo un tramo do río Eo, pola ruta da Marronda, entre Cabreira e a área recreativa da Cortevella (Baleira) o 05/06/11 e atopa uns exemplares de lirios bravos Lilium martagon en floración. Tendo en conta que é a primeira vez que vexo estas flores na comarca, case que é obrigatorio sacarlle unhas fotos.
Lirio bravo Lilium martagon preto da Cortevella (Baleira).
Tamén cando un baixa á seimeira de Vilagocende (A Fonsagrada) o 14/05/11 e xa chegando observa a floración de varios exemplares de Antirrhinum meonanthum, outra chamada de atención.
Antirrhinum meonanthum preto da seimeira de Vilagocende (A Fonsagrada).
As euforbiáceas (Euphorbiacea) son unha familia de arbustos ou herbáceas con varias especies presentes na comarca, quizá unha das máis comúns sexa Euphorbia amygdaloides. Florece entre abril e agosto en moitos lugares sombrizos e húmidos da comarca. Pero é cando empeza a formar os seus froitos (cocas) o momento no que máis presta a súa observación, dando lugar a fotografías como esta preto de Naraxa (A Fonsagrada) o 01/05/11.
Euphorbia amygdaloides preto de Naraxa (A Fonsagrada).
Outra floración chamativa, a de Melittis melissophyllum subsp. melissophyllum. Esta especie chamoume a atención a primeira vez que a observei por Murias (Baleira) o 19/04/11, na beira do río Eo. Ao final atopeina en bo número en varios lugares sombrizos da comarca.
Melittis melissophyllum subsp. melissophyllum preto de Murias (Baleira).
E para rematar esta entrada recordar a floración de Romulea bulbocodium. Polos altos do Chao de Monteseiro (A Fonsagrada) o 07/04/11 se encontraba en floración e en gran número abarcando toda o coto do monte.
Romulea bulbocodium polo Chao de Monteseiro (A Fonsagrada).
2 comentarios:
Estaba eu, que non che teño moita idea de botánica, mirando o teu bloge e me chamou a atención a Euphorbia. Tiña a imaxe da Euphorbia paralias, típico "habitante" (ou "habitanta") das zonas dunares e, na miña ignorancia, supuña que sería familia propia de areais e marismas. Logo da túa entrada entroume a curiosidade, consultei na guía e xa vin que a familia dá moito de si.
Qué raro se me fai! (porque se hai pranta representativa dos areais costeiros, a paralias é desde logo unha delas) Qué campo tan importante este da botánica e qué pouca atención lle dedicamos algúns...
Graciñas por ilustrarnos un pouco, Germán.
Unha aperta.
Ok Xabi. Difícil familia esta das esuforbiáceas.
Un saúdo.
Publicar un comentario