viernes, 11 de febrero de 2011

Coñecendo aos odonatos

Seguimos en pleno inverno, entre xiadas e nevaradas salpicadas con días soleados que xa fan asomar as primeiras floracións de prímulas e que fan engrosar os gromos das árbores máis temperás. Así que mentres esperamos a que pase a última nevarada (a coñecida como a do cuco), e á entrada da primavera, nos imos atrever a falar dun novo grupo de seres vivos como é o dos odonatos, é dicir, o dos coñecidos como cabaliños do demo e libélulas.
Esta orde ten tamén na comarca da Fonsagrada representantes que por medio das citas recopiladas ao longo do 2010 imos tentar coñecer e describir, e por suposto aumentar pouco a pouco.
Vaia por diante que é a primeira vez que clasifico estas especies, polo que se agradece calquer rectificación ou consello.

A primeira especie é Calopteryx virgo ssp. meridionalis. Observada preto de ríos e regatos, pensamos que é un dos odonatos máis comúns nestas terras. Varias parexas e algúns tándems no río Eo á altura de Cortevella (Baleira) o 21/6/10, preto da ponte de Cereixido no río Lamas (A Fonsagrada) o 29/6/2010 e outras observacións pola comarca nas mesmas datas.


Macho de Calopteryx virgo ssp. meridionalis polo río Eo, A Cortevella (Baleira).

Outra especie presente na comarca é Aeshna cyanea, tamén común na comarca, vista nun punto de auga con vexetación preto de Queixoiro o 9/10/10 e outras observacións tamén polas mesmas datas.


Macho maduro de Aeshna cyanea por Queixoiro (A Fonsagrada).

A terceira e última especie de odonato desta entrada é Libellula depressa, unha fermosa especie coñecida como libélula de ventre plano, a observamos nunha poza dun regato con vexetación nunha curva da estrada antes de chegar a Ernes (Negueira de Muñiz) o 2/6/2010.


Macho maduro de Libellula depressa preto de Ernes (Negueira de Muñiz).

Por suposto que existen máis especies, pero esperamos que esta compilación do 2010 nos acerque a estes interesantes seres vivos. Durante o 2011 tentaremos prestarlle máis atención e incorporar pouco a pouco máis cabaliños do demo e libélulas a este blog.

2 comentarios:

victoria eugenia dijo...

Magnificas fotografias de estos insectos. Felicitaciones.

Germán Torres dijo...

Moitas Gracias polo teu comentario, victoria eugenia