martes, 22 de enero de 2013

Unha osa con crías aséntase na Fonsagrada

Pois xa vedes, esta é a boa nova que hoxe puiden ler en El Correo Gallego. Teño que dicir que algo xa sabía, pero que faltando confirmación oficial ou algunha voz autorizada que fixera eco desta nova non quería comentalo neste blog.
O caso é que, agora que o FAPAS o fai público, xa podemos dicir que varias persoas da zona tiveron a sorte de observar a esa osa con dúas crías antes do período invernal polas montañas da comarca da Fonsagrada. E o digo así de xenérico, na comarca da Fonsagrada, pois non me parece ético máis precisión xeográfica.
Disfrutemos pois desta importante nova esperando que coa entrada da primavera se confirme.

Vos deixo un par de enlaces: 

lunes, 7 de enero de 2013

... e un lagarteiro cincento

Ao sur do Cádavo (Baleira), hacia Neira de Rei (Baralla), xurde unha zona de val ocupada por pastizais e sebes e algunha pequenas superficies forestais de frondosas autóctonas. Estos días de inverno neste val os días comezan fríos, con xeadas e cerrados de néboa, pero ao pouco aparece o sol e pronto comeza unha actividade faunística para disfrutar e para facer observacións interesantes.
A primeira observación destacada é a dun lagarteiro cincento Elanus caeruleus nesta zona, preto de Pousada (Baleira). Este exemplar adulto foi observado por primeira vez o día 05/01/2013 e continuaba pola zona ao día seguinte. Esta observación é outra máis das que se están dando este ano en Galicia, sobre todo en zonas onde non é normal atopala. Pode que este sea un síntoma de que esta especie este en expansión. O caso é que esta fermosa rapaz é especialmente fotoxénica, polo que non deixei escapar a oportunidade.


 Lagarteiro cincento Elanus caeruleus preto de Pousada (Baleira).

Tamén nos sorprende ver outra especie que está claramente en expansión como é a cegoña branca Ciconia ciconia. Nesta zona coñecemos varios niños que veñen sendo ocupados de xeito regular nos últimos anos, pero vela nestas datas é o que nos chama a atención, aínda que cada vez menos.

Cegoña branca Ciconia ciconia preto de Pousada (Baleira).

Un picanzo real Lanius meridionalis, un esmerillón Falco columbarius e un grupo de máis de 20 choias Pyrrhocorax pyrrhocorax acabaron de amenizar ornitoloxicamente o día por este val.

Picanzo real Lanius meridionalis preto de Pousada (Baleira).

Outros habitantes desta zona son os desconfiados corzos Capreolus capreolus que a primeira hora aproveitan para alimentarse e que se esconden ao menor movemento. Tamén unha lebre Lepus granatensis corría estrañamente de día pola zona.

Corzos Capreolus capreolus preto de Pousada (Baleira).

Lebre Lepus granatensis preto de Pousada (Baleira).

martes, 11 de diciembre de 2012

Chegou o inverno

Non quería deixar que rematara o ano sen unha nova entrada que me permitira falar desta época do ano.
Como xa se nota chegou o inverno e na comarca da Fonsagrada xa caeu a primeira nevarada que seguro que no será a última. As ladeiras e os vales dos montes xa levan desde o outono tinxidos desas cores tan típicas previas á caída das follas das árbores caducifolias (aínda que as especies marcescentes se resisten a este feito) das que todavía se conservan boas superficies por aquí.
Un bo exemplo disto é a fraga da Marronda, na que a presenza das faias Fagus sylvatica sumada á das árbores autóctonas comúns tamén presentes, achegan a este espazo e nesta época do ano unhas cores difícil de observar noutros lugares de Galicia.

O val da fraga da Marronda en novembro.

Unha ladeira da fraga da Marronda en novembro.

Un paseo polo interior da Marronda permite ver máis de cerca esta cromática estacional da flora reflexoe do avance da estación do ano na que nos atopamos. E no fondo do val unha seimeira (si, unha seimeira, o nome que reciben as fervenzas por estas terras) que como corresponde á época vai con máis auga e polo tanto luce moito mellor.

Interior da fraga da Marronda baixo o faial.

Seimeira da Marronda.

Non deixa de ser o inverno unha época do ano na que acostuman chegar visitas ornitolóxicas que xa co pasa dos anos se convirten en habituais. Así é como observamos novos individuos recen chegados de pimpíns do norte Fringilla montifringilla, picanzos reais Lanius meridionalis, esmerillóns Falco columbarius e gatafornelas Circus cyaneus que fan os paseos invernais realmente entretidos.

Macho adulto de gatafornela Circus cyaneus.

Picanzo real Lanius meridionalis.

En definitiva, se as condición climatolóxicas o permiten e o frío non vos da medo, esta época do ano é do máis interesante para visitar e disfrutar desta comarca e aproveitar para tomar un bo cocido de paso que disfrutades da natureza en todo o seu esplendor na súa dinámica estacional.

jueves, 18 de octubre de 2012

Vai de herpetos

Ben vale esta ocasión para lembrarse de dúas especies de anfibios dos que todavía non falamos neste blog. Por un lado o sapiño comadrón Alytes obstetricans e por outro o esquivo sapo corriqueiro Epidalea (Bufo) calamita.
O sapiño comadrón Alytes obstetricans é unha especie que todavía non tiven ocasión de observar na comarca, se ven as últimas citas que teño son do 2009, o estado actual desta especié é para min un misterio. Quedámonos entón con esta fotografía daquelas datas preto de Naraxa (A Fonsagrada).

Sapiño comadrón Alytes obstetricans preto de Naraxa (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.

Outro caso ben distinto é o do sapo corriqueiro Epidalea (Bufo) calamita, este mesmo ano observei postas de esta especie, e outras citas máis pola comarca.

Posta de sapo corriqueiro Epidalea (Bufo) calamita preto do Muradal (A Fonsagrada).

Sapo corriqueiro Epidalea (Bufo) calamita pola Fonsagrada. Fotografía de Alejandro Ocampo.

Tamén seguimos observando as postas e adultos de ra vermella Rana temporaria nos lugares de costume o que nos permiten facerlle unhas boas fotografías a esta especie.

Ra vermella Rana temporaria preto de Queixoiro (A Fonsagrada).

E ademáis, xa para rematar, seguen observandose exemplares de serpes riscadas Rhinechis scalaris en lugares habituais como é a zona da Virxe da Veiga (Negueira de Muñíz). A pena é que sempre se observan atropeladas na estrada, como a serpe da seguinte fotografía, aínda que non se note moito. Esta claro que así non escapan da cámara.

Serpe riscada Rhinechis scalaris preto da Virxe da Veiga (Negueira de Muñíz).

viernes, 28 de septiembre de 2012

Puntuais novidades de flora

A pesar de que na maioría do territorio da comarca da Fonsagrada abundan as especies acidófilas, condicionado pola natureza química das rochas existentes, outras causas como as climatolóxicas, históricas, etc. condicionan a flora de certas áreas. Sen meternos a términos fitoxeográficos sempre se atopan zonas puntuais que condicionan a flora de certos lugares e que nos permite ir sumando especies novas neste blog.
Así é como atopamos na zona máis seca desta comarca como é o val do Navia (A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) especies como son Rubia peregrina entre rochas ou con endemismos do NW da Península Ibérica como é Leucanthemopsis flaveola subsp. flaveola. Tamén nesta zona atopamos unha indicadora de medios nitrófilos como é Bryonia dioica.

Rubia peregrina no val do Navia (A Fonsagrada).

Leucanthemopsis flaveola subsp. flaveola no val do Navia (A Fonsagrada).

Bryonia dioica no val do Navia (A Fonsagrada).

Noutras zonas de mato existentes no val do Eo preto da Cortevella (Baleira) tamén é común atopar a Simethis planifolia en floración a partir de maio.

Simethis planifolia no val do Eo preto da Cortevella (Baleira).

E nas puntuais zonas de brañas e zonas enchoupadas que atopamos, como preto de O Sesto (Baleira), plantas como Hypericum elodes ou Parnassia palustris son dúas das especies que aparecen.

Hypericum elodes preto de O Sesto (Baleira).
 

Parnassia palustris preto de O Sesto (Baleira).

lunes, 3 de septiembre de 2012

De volta ornitolóxica

Sen ter novas destacables, no que á fauna ornitolóxica da comarca se refire, sempre aparecen motivos para actualizar o blog. Neste caso son especies das que xa temos falado pero que sempre merecen atención.
Os primeiros que merecen a nosa atención son os lagarteiros das torres Falco naumanni que volveron a visitar a comarca, por segundo ano concecutivo e nas mesmas datas, na segunda quincena de agosto. Se observaron grupos de ata 17 exemplares polos pastizais da Cima de Valquente, preto de Teilalle (Baleira). Esta vez si se observaron varios machos adultos desta especie.

Lagarteiro das torres Falco naumanni por Baleira.

Tamén se deixaron ver as perdices Alectoris rufa. Sedentaria e habitual na comarca, deberon ter unha boa época de cría pois imaxes como as da seguinte fotografía observáronse varias veces no verán.
 
Perdices Alectoris rufa pola Fonsagrada.

E as papuxas do mato Sylvia undata, máis habituais do que un servidor pensaba e que nesta zona atopa hábitats adecuados, sempre están ahí para tirarlle unhas fotos.

Papuxa do mato Sylvia undata polo Alto do Acevo (A Fonsagrada).

lunes, 23 de julio de 2012

Novas bolboretas pola Fonsagrada

Por diversas razóns que non veñen a conto xa levaba un tempo sen dar sinais de actividade por este lugar, e xa iba sendo hora de facelo. Por iso que un sempre espera a ter algo novo que contar e non limitarse a falar de especies repetidas, estes calores de mediados de xullo déronme a oportunidade de facer unha observación que serve de excusa para redactar esta entrada.
A observación realizada é a dun fermoso macho da bolboreta Apatura ilia. Cos seus reflexos azuis-violáceos enseguida me chamou a atención a presenza deste especie de aparición limitada na beira do río de Lamas (A Fonsagrada).

 Apatura ilia no río de Lamas (A Fonsagrada).

Apatura ilia no río de Lamas (A Fonsagrada) con algúns reflexos azuis-violáceos.

E claro que unha cousa leva a outra, esta bolboreta fíxome recordar outras dúas observacións do verán pasado, dúas especies que se consideran bolboretas nocturnas pero que se poden observar de día.
Por un lado Macroglossum stellarum, unha bolboreta de hábitos diurnos que aínda que é unha esfinxe, é sinxela de recoñecer polo seu voo rápido e a súa costume de ir chuchando o néctar de flor en flor. Observamos varios exemplares por Naraxa e Arexo (A Fonsagrada) o 16 de xuño e o 27 de xullo do 2011.
Por outro lado Euplagia quadripunctaria. Outro vistoso lepidóptero que se pode ver de día. Observada en varios lugares da comarca como o 16 de xuño por Vilar de Cuiña (A Fonsagrada).

Macroglossum stellarum por Arexo (a Fonsagrada).

Euplagia quadripunctaria por Vilar de Cuiña (A Fonsagrada).

E de momento me quedo aquí, coas bolboretas, e ata outra pronta volta.