jueves, 22 de julio de 2010

Actualización florística

Xa facía un tempo que non falaba das plantas que decoran a comarca da Fonsagrada. Enredado con anfibios, réptiles, aves e demáis deixamos que a primavera entrara, pasara e xa estamos en pleno verán con novas incorporacións persoais suliñables á flora fonsagradina.

Imos a comezar pola coñecida como soldaconsolda Polygonatum odoratum que atopamos en floración a mediados de xuño na gabia da estrada da Fonsagrada a Carballido. Atopamos 6 exemplares desta chamativa especie nun lugar sombrizo e húmedo baixo uns carballos Quercus robur.


Soldaconsolda Polygonatum odoratum preto de Carballido (A Fonsagrada).

Outra especie que nos chamou a atención foi Linaria elegans, que atopamos en floración a finais de xuño por Reboira (A Fonsagrada). Este endemismo do cuadrante NW da Penísula Ibérica resultou ao final ser moi común en numerosos lugares secos a certa altura por toda a comarca.


Linaria elegans por Reboira (A Fonsagrada).
Polo val do Navia, entre Río de Porcos e a ponte de Boadil, dúas especies nos chamaron a atención a primeiros de xuño: a herba das anadas Arum italicum e Allium sphaerocephalum. A primeira no terraplén dunha pista atopamos un único grupo de 4 exemplares. A segunda, máis común, atopámola preto da primeira e nalgún outro lugar, aínda que deste Allium teño dúbidas ca súa identificación, polo que se admiten suxestións ao respecto.


Arum italicum preto de Río de Porcos (Negueira de Muñiz).


Allium sphaerocephalum preto de Río de Porcos (Negueira de Muñiz).

Epilobium angustifolium é outra planta cuxa floración nos chamou poderosamente a atención. Esta gran herbácea perenne atopámola por primeira vez na gabia da estrada que conduce a Negueira de Muñiz a primeiros de xuño, preto da rotonda (ou redonda como din por estas terras). Non abondosa localizamola en dous lugares próximos máis, sempre en claros e en grupos numerosos.


Epilobium angustifolium por Negueira de Muñiz.

E xa para rematar, pola banda de Baleira, na contorna da fraga da Marronda, observamos a primeiros de xullo Centaurium scilloides en varias localizacións. Tamén neste lugar a primeira observación persoal de Gladiolus illyricus nas mesmas datas. Outra observación deste gladiolo uns días despois polo val do río Lamas (A Fonsagrada), sempre un reducido número de non máis de 8 exemplares. Unha planta de flores chamativas que non debe ser moi común na comarca.


Centaurium scilloides pola fraga da Marronda (Baleira).


Gladiolus illyricus polo fraga da Marronda (Baleira).

No hay comentarios: