martes, 19 de julio de 2011

Unhas droseras e un par de odonatos

Levaba un tempo tentando atopar na comarca da Fonsagrada algunha das plantas carnívoras (bueno, deixémolo en insectívoras) existentes en Galicia, é dicir, pinguículas e droseras, cun resultado nulo ata o momento. Sabendo que existen hábitats propicios para a súa presencia, e algunha cita tamén, non foi ata a semana pasada cando nun talude dunha pista pola que rezumaba auga e sobre brións do xénero Sphagnum cando atopei a primeira: Drosera rotundifolia. Esta poboación situada no concello da Negueira de Muñiz, preto do límite co concello da Fonsagrada parece estar en bo estado, e iso que o talude na que se asenta pertence a unha pista asfaltada, aínda así debe ter polo menos 200 individuos que están en plena floración. Un agradable achádego que espero non sexa o último.


Drosera rotundifolia no concello de Negueira de Muñiz.

Tamén estos días se multiplican as citas de Onychogomphus uncatus. Atopeime con este odonato por primeira vez no río Lamas na Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) o 02/07/11 , pero estos días pasados o vexo no medio das pistas en bo número.

Macho de Onychogomphus uncatus na Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Outro odonato que tiña fotografado é Orthetrum cancellatum. Atopeime cunha esta parexa preto de Cancio (Negueira de Muñiz) o 28/05/11 e aproveito agora para amosala.
Macho de Orthetrum cancellatum preto de Cancio (Negueira de Muñiz).

Femia de Orthetrum cancellatum preto de Cancio (Negueira de Muñiz).

miércoles, 6 de julio de 2011

Novas sobre flora da primavera e principio deste verán 2011

Non nos esquecemos da flora vascular da comarca, ou mellor dito, é a propia floración destas especies a que reclama a nosa atención.
Por exemplo cando un vai recorrendo un tramo do río Eo, pola ruta da Marronda, entre Cabreira e a área recreativa da Cortevella (Baleira) o 05/06/11 e atopa uns exemplares de lirios bravos Lilium martagon en floración. Tendo en conta que é a primeira vez que vexo estas flores na comarca, case que é obrigatorio sacarlle unhas fotos.

Lirio bravo Lilium martagon preto da Cortevella (Baleira).

Tamén cando un baixa á seimeira de Vilagocende (A Fonsagrada) o 14/05/11 e xa chegando observa a floración de varios exemplares de Antirrhinum meonanthum, outra chamada de atención.

Antirrhinum meonanthum preto da seimeira de Vilagocende (A Fonsagrada).

As euforbiáceas (Euphorbiacea) son unha familia de arbustos ou herbáceas con varias especies presentes na comarca, quizá unha das máis comúns sexa Euphorbia amygdaloides. Florece entre abril e agosto en moitos lugares sombrizos e húmidos da comarca. Pero é cando empeza a formar os seus froitos (cocas) o momento no que máis presta a súa observación, dando lugar a fotografías como esta preto de Naraxa (A Fonsagrada) o 01/05/11.

Euphorbia amygdaloides preto de Naraxa (A Fonsagrada).

Outra floración chamativa, a de Melittis melissophyllum subsp. melissophyllum. Esta especie chamoume a atención a primeira vez que a observei por Murias (Baleira) o 19/04/11, na beira do río Eo. Ao final atopeina en bo número en varios lugares sombrizos da comarca.

Melittis melissophyllum subsp. melissophyllum preto de Murias (Baleira).

E para rematar esta entrada recordar a floración de Romulea bulbocodium. Polos altos do Chao de Monteseiro (A Fonsagrada) o 07/04/11 se encontraba en floración e en gran número abarcando toda o coto do monte.

Romulea bulbocodium polo Chao de Monteseiro (A Fonsagrada).

viernes, 1 de julio de 2011

Pois non, non era un adeus

Parece que os plantígrados están de moda na comarca. Na noite do domingo 26/6/2011 volveu a aparecer o oso pardo cantábrico Ursus arctos por esta comarca e ata un veciño do lugar puido fotografalo co móvil desde o coche. Tal e como vedes a fotografía é o testemuño da observación e así deron boa conta os medios, como podes ver no seguinte enlace.
http://elprogreso.galiciae.com/nova/98317.html

Fotografía do oso pardo cantábrico Ursus arctos na Fonsagrada. Fonte: El Progreso.
Parece que polo menos catro osos entraron en terras galegas nesta primavera-verán, polo tanto creo que cun pouco de sorte deixarán de ser noticia este tipo de observacións. Pola miña parte que así sexa.