Esta orde ten tamén na comarca da Fonsagrada representantes que por medio das citas recopiladas ao longo do 2010 imos tentar coñecer e describir, e por suposto aumentar pouco a pouco.
Vaia por diante que é a primeira vez que clasifico estas especies, polo que se agradece calquer rectificación ou consello.
A primeira especie é Calopteryx virgo ssp. meridionalis. Observada preto de ríos e regatos, pensamos que é un dos odonatos máis comúns nestas terras. Varias parexas e algúns tándems no río Eo á altura de Cortevella (Baleira) o 21/6/10, preto da ponte de Cereixido no río Lamas (A Fonsagrada) o 29/6/2010 e outras observacións pola comarca nas mesmas datas.
Macho de Calopteryx virgo ssp. meridionalis polo río Eo, A Cortevella (Baleira).
Outra especie presente na comarca é Aeshna cyanea, tamén común na comarca, vista nun punto de auga con vexetación preto de Queixoiro o 9/10/10 e outras observacións tamén polas mesmas datas.
Macho maduro de Aeshna cyanea por Queixoiro (A Fonsagrada).
A terceira e última especie de odonato desta entrada é Libellula depressa, unha fermosa especie coñecida como libélula de ventre plano, a observamos nunha poza dun regato con vexetación nunha curva da estrada antes de chegar a Ernes (Negueira de Muñiz) o 2/6/2010.
Macho maduro de Libellula depressa preto de Ernes (Negueira de Muñiz).
Por suposto que existen máis especies, pero esperamos que esta compilación do 2010 nos acerque a estes interesantes seres vivos. Durante o 2011 tentaremos prestarlle máis atención e incorporar pouco a pouco máis cabaliños do demo e libélulas a este blog.