domingo, 5 de diciembre de 2010

Citas ornitolóxicas pola fraga da Marronda e outras

O inverno xa se sente. As neves e as baixas temperaturas fixeron a súa aparición e con elas novos veciños que enriquecen a fauna ornitolóxica da comarca. As observacións feitas estos días son o fiel reflexo da época do ano na que nos atopamos.
O 25 de Novembro visitamos a fraga da Marronda (Baleira). Un lugar recomendable para calquer amante da natureza e coñecido, entre outras cousas, porque nela podemos atopar poboacións de faias Fagus sylvatica que constitúen o límite suroccidental da distribución da faia en Europa. Nesta visita observamos:
-Gabeador Certhia brachydactyla. 1 parexa.
-Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus. Xa se observan exemplares en bandos numerosos pola comarca como os 13 exemplares vistos xuntos na Marronda
-Perdiz Alectoris rufa. 1 exemplar nunha pradería preto da Marronda.
-Ferreiriño cristado Parus cristatus. 1 parexa.
-Tordo rubio Turdus iliacus. Xa se deixan ver os primeiros exemplares deste inverno tamén pola Marronda. Tamén incremento de efectivos de tordos comúns Turdus philomelos e bandos numerosos de xílgaros Carduelis carduelis.


Gabeador Certhia brachydactyla na Marronda (Baleira).


Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus na Marronda (Baleira).


Ferreiriño cristado Parus cristatus na Marronda (Baleira).


Tordos rubios Turdus iliacus na Marronda (Baleira).


Tordo común Turdus philomelos na Marronda (Baleira).

No lugar de A Braña (Baleira) na mesma data, preto dunha das entradas á fraga da Marronda, tamén atopamos:
-Pardal montés Passer montanus. 3 exemplares nun bando mixto con Passer domesticus.
-Pica alpina Anthus spinoletta. 1 exemplar.
-Lavandeira real Motacilla cinerea. 1 exemplar.


Pardais monteses Passer montanus por A Braña (Baleira).


Pica alpina Anthus spinoletta por A Braña (Baleira).


Lavandeira real Motacilla cinerea por A Braña (Baleira).

Tamén destacamos a observación dunha escribenta común Emberiza cirlus por Cancio (Negueira de Muñiz) o 11/10/2010. E por último suliñar unha cita que recollemos do Noticiario Ornitoxeográfico Galego aportada por Jukka Rokkanen: observación de un peto negro Dryocopus martius que cruza voando a estrada por Fonfría (A Fonsagrada) o 22/10/2010. Quen o pillara.


Escribenta común Emberiza cirlus por Cancio (Negueira de Muñiz).

miércoles, 17 de noviembre de 2010

Garzota grande por Baralla

O pasado 15-11-2010 o compañeiro Pío (gracias Pío polo achádego) atopou morta unha garzota grande Ardea alba preto da estrada O Cádavo - Baralla, á altura do lugar de A Pena, Penarrubia (Baralla), xa moi preto do límite co concello de Baleira.


Garzota grande Ardea alba atopada morta en Baralla. Fotografía de Pío Antonio de la Peña.

Este exemplar probablemente se encontraba realizando a súa migración parcial desde áreas máis ao norte con invernos máis fríos e se desplazaba cara ao sur cando, por circunstancias que descoñecemos, atopou o seu fin neste lugar. É unha pena que non se encontrara anelada, pois así saberiamos algo máis da súa vida.

Detalle da cabeza da garzota grande Ardea alba atopada en Baralla. Fotografía de Pío Antonio de la Peña.

Esta ardeida soe establecerse en aguas pouco profundas o hábitats máis secos, alimentándose principalmente de peixes, ras, pequenos mamíferos, y incluso aves pequenas y reptiles. Non é unha especie moi común por Galicia e menos por estas terras, pero que parece que nos últimos anos vai aparecendo en maior número e cando o fai soe ser doada de ver.

Fotografía de archivo de dúas garzotas grandes Ardea alba nas lagoas de Riocaldo (Begonte).

martes, 9 de noviembre de 2010

Flora ao día

Ao igual que na entrada anterior sobre herpetos, a flora da comarca segue ofrecendo novas citas que, sen manter ningún criterio, recollemos e agora aproveitamos para acordarnos delas. As especies de flora que recompilamos e das que aínda non falara son as seguintes:

O abelao Hypericum androsaemun atopámolo como sotobosque en lugares sombrizos ou en ribeiras de ríos e regatos da comarca. Uns poucos exemplares se atopaban cos seus chamativos froitos carnosos, todavía vermellos, alá polo 18/8/2010 nun souto de castiñeiros no río Pontigón, próximo a Liñares de Vilafurada (A Fonsagrada), dentro do LIC Carballido.


Abelao Hypericum androsaemun polo río Pontigón (A Fonsagrada).
O rabo de cabalo Equisetum arvense, non abondoso na comarca, pero que aparece en lugares húmidos concretos en bo número como a poboación atopada na Área Recreativa do Trabeiro (Baleira) o 29/5/2010.
Rabo de cabalo Equisetum arvense por Trabeiro (Baleira).
O mexacán Solanum dulcamara é unha solanácea que aparece tamén polas Terras do Burón preto de regatos, como a poboación atopada preto da Ponte da Pedreira (Baralla), preto do límite con Baleira o 23/9/2010 xa en froito.


Mexacán Solanum dulcamara pola Ponte da Pedreira (Baralla-Baleira).

Os tollemerendas Merendera pyrenaica apareceron a finais de setembro tapizando a maioría dos prados e claros da comarca, moitas veces acompañados ou sustituidos polos Crocus serotinus que tamén numerosos aparecen na mesma época do ano en lugares semellantes.


Tollemerendas Merendera pyrenaica or Louxas (Navia de Suarna-A Fonsagrada).


Crocus serotinus por Queixoiro (A Fonsagrada).

martes, 2 de noviembre de 2010

Últimas citas de herpetos do verán

Aínda que algo tarde, vou a darlle saída a un lote de citas de anfibios e réptiles que teño deste verán 2010. Non son nada espectaculares, pero algunhas especies todavía non as nomeara neste blog, polo que así queda constancia da súa existencia na comarca. Deste xeito me poño ao día cos herpetos:

Ra patilonga Rana iberica, dúas citas desta especie. A primeira o día 18/8/2010 no río Pontigón, dentro do LIC Carballido (A Fonsagrada). A segunda 3 adultos no río Esteleiro, tamén na Fonsagrada, o 27/8/2010.

Ra patilonga Rana iberica polo río Pontigón (A Fonsagrada).


Ra patilonga Rana iberica polo río Esteleiro (A Fonsagrada).

Ra verde Pelophylax perezi . Observación de 1 adulto o 13/8/2010 nun regato próximo a Santalla (Negueira de Muñiz).


Ra verde Pelophylax perezi preto de Santalla (Negueira de Muñiz).

Lagarta dos penedos Podarcis hispanica. 2 exemplares o 2/6/2010 nun talude soleado de rochas con pedras preto da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) e outros dous exemplares tomando o sol no asfalto da estrada preto de Santalla (Negueira de Muñiz).


Lagarta dos penedos Podarcis hispanica preto da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Unha femia de escáncer común Anguis fragilis o 27/8/2010 cruzando un camiño que baixa por un denso bosque de cerquiños Quercus pyrenaica ata o río Esteleiro, preto de A Chousa (A Fonsagrada).


Femia de escáncer común Anguis fragilis preto do río Esteleiro (A Fonsagrada).

Serpe riscada Rhinechis scalaris. 1 xuvenil morto no cruce á Virxe da Veiga (Negueira de Muñiz).


Serpe riscada xuvenil Rhinechis scalaris no cruce á Virxe da Veiga (Negueira de Muñiz). Fotografías de Alejandro Ocampo.

lunes, 11 de octubre de 2010

Últimas citas ornitolóxicas de interese

Xa se nota a cambio de estacións pola comarca da Fonsagrada. Rematou o verán e as especies estivais que nos visitaron comezan a desaparecer. Pero estes cambios traen a esta esquina galega ás especies invernais e outras que no paso postnupcial se deixan ver por estas terras.
Por iso é epoca de facer novas e interesantes observacións ornitolóxicas como as que imos a repasar a continuación.

Comezamos pola observación dunha femia de rabirrubio de testa branca Phoenicurus phoenicurus moi preto A Fonsagrada o 24/9/2010. A segunda observación desta especie da que teño coñecemento na comarca.


Femia de rabirrubio de testa branca Phoenicurus phoenicurus na Fonsagrada. Fotografía de Alejandro Ocampo.

Tamén son habituais estos días as citas de pedreiros cincentos Oenanthe oenanthe e xa comezan a deixarse ver os picafollas europeos Phylloscopus collybita.


Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Vilarmeán de Lamas de Campos (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.


Picafollas europeo Phylloscopus collybita na Fonsagrada. Fotografía de Alejandro Ocampo.

O 7/10/2010 un chasco norteño Saxicola rubetra polo basureiro de A Fonsagrada.


Chasco norteño Saxicola rubetra na Fonsagrada.

O 8/10/2010 un millafre real Milvus milvus voaba polos pastizais de Vieiro (A Fonsagrada). Primeira cita persoal desta especie na comarca.

Millafre real Milvus milvus por Vieiro (A Fonsagrada).

Ese mesmo día un picanzo real Lanius meridionalis polo Mesón Vello, preto de San Cibrán (A Fonsagrada).


Picanzo real Lanius meridionalis polo Mesón Vello (A Fonsagrada).

Por Reboira (A Fonsagrada), tamén o 8/10/2010, observamos un gabián Accipiter nisus, 4 pedreiros cincentos Oenanthe oenanthe, numerosos bandos de picas dos prados Anthus pratensis de máis de 80 exemplares e 2 biluricos alinegros Tringa ochropus nunha das poucas pozas que existen na comarca.


Gabián Accipiter nisus por Reboira (A Fonsagrada).


Bilurico alinegro Tringa ochropus na poza de Reboira (A Fonsagrada).

lunes, 27 de septiembre de 2010

De voitres e parques eólicos

O voitre Gyps fulvus é outra especie que se pode observar na comarca da Fonsagrada. Son comúns as observacións que nos seus movementos primaverais e no verán fan por terras galegas esta especie nos últimos anos e tamén na comarca da Fonsagrada. As citas que coñecemos falan de observacións nesta comarca sobre todo entre Abril e Maio e non coñecemos ningúnha cría confirmada desta especie por estas terras.
Pero o caso do que quería falar é outro. Gracias á información e ás fotografías que me pasou un compañeiro (graciñas meu) me informa dun caso de morte dun voitre por colisión cunha aspa dun muiño dun parque eólico preto de O Sixto (Ourol). Lugar moi preto dun dormideiro de voitres habitual nos últimos anos pola zona.


Voitre Gyps fulvus morto preto de O Sixto (Ourol)

E mira que non quería seguir sacando máis fiambres no blog, pero estas fotografías me chamaron poderosamente a atención polo documento visual que son do impacto ambiental dos moitos aeroxeradores que existen nesta terra ca fauna ornitolóxica desta forma tan directa.
Este caso ocorríu alá polo 26 de xullo de 2010, pero me conta que non é o primeiro que ve, xa que o ano pasado xa atopara outro voitre morto noutro parque eólico por Abadín, ademais de miñatos Buteo buteo,...


Voitre Gyps fulvus morto preto de O Sixto (Ourol)

En fin, que vos deixo estas imaxes porque non creo que necesiten máis e porque como se acostuma a dicir: unha imaxe vale máis que mil palabras.



Voitre Gyps fulvus morto preto de O Sixto (Ourol)

jueves, 9 de septiembre de 2010

Novas observacións ornitolóxicas de Agosto

Ademais das citas comentadas na entrada anterior, por baixas de efectivos, o mes de Agosto tamén aportou outras observacións que paso a comentar.

Foi interesante ver como a perdiz Alectoris rufa aparecía a principios de mes ata en catro ocasións acompañada de perdigóns en diferentes zonas da comarca: A Fornaza, basureiro selado de Baleira, Sanguñedo e outros. Parece que vai a ser un bo ano de cría da especie.
Unha gatafornela Circus cyaneus aparecía facendo pasadas por Montouto (A Fonsagrada) o 16/8/10.

Saímos por primeira vez da comarca para ir ao veciño concello de Baralla. Alí descubríu o compañeiro Pío (gracias Pío pola información) a primeira colonia de andoriña das barreiras Riparia riparia que observamos nesta zona. A visitamos o 25/8/10 e alí observamos unha poboación estimada de 5-6 parexas todavía en plena ceba dos seus polos. Encravada nun talude areoso nunha graveira ao lado do río Neira cerca da ponte de Santo Estevo (Baralla), esperemos que este habitat idóneo para esta especie non teña modificacións significativas no tempo e poder manter esta poboación ao longo dos anos.


Colonia de andoriña das Barreiras Riparia riparia en Santo Estevo (Baralla).


Andoriñas das barreiras Riparia riparia por Santo Estevo (Baralla).
O 27/8/10 visitamos o río Esteleiro, preto de San Pedro de Neiro (A Fonsagrada) e antes de chegar nunha pequena masa de cerquiños Quercus pyrenaica observamos 3 gabeadores azuis Sitta europaea e 1 gabeador Certhia brachydactyla.


Gabeador azul Sitta europaea preto do río Esteleiro (A Fonsagrada).


Gabeador Certhia brachydactyla preto do río Esteleiro (A Fonsagrada).
Ese mesmo día observamos un pilro común Calidris alpina no río Eo, preto de Fonteo (Baleira). Esta limícola tan habitual noutras zonas a observamos na comarca da Fonsagrada por primeira vez revoloteando entre as balsas de auga da piscifactoría do río Eo.

Pilro común Calidris alpina nunha foto de archivo por Baldaio, Carballo (A Coruña).

viernes, 27 de agosto de 2010

Balance ornitolóxico da operación saída de Agosto

O verán é o tempo no que en regras xerais moitas aves rematan de chocar os seus ovos e comeza a época de ceba dos polos e polo tanto é unha época de moitos movementos dos proxenitores na procura de alimento e tamén dos primeiros voos dos máis novos. Momento polo tanto na que as aves toman máis riscos e están máis expostas a ser observadas en plena acción.


Lagarteiro común Falco tinnunculus comendo unha ave por Baleira.

Este aumento de actividade non sempre ten un final feliz e as baixas de efectivos son o pan noso de cada día, unhas veces por causas naturais, como por exemplo servindo de alimento a especies que se atopan máis enriba na escala trófica, e outras veces por causas antrópicas directas ou indirectas.
E é que as actividades humanas teñen moito que ver nesta diminución de efectivos nesta época de ano, consecuencia directa da modificación de hábitats coa construción de infraestruturas non adaptadas á vida silvestre, como poden ser as estradas e as instalacións eléctricas, por citar algunhas.
A verdade é que esta reflexión ten un motivo, xa que levo un mes realizando as novas observacións ornitolóxicas menos desexadas por calquer amante dá natureza: observacións de aves mortas por diferentes circunstancias.
Por exemplo a avelaiona Strix aluco atopada morta na estrada por probable colisión cun coche ou camión na entrada do Cádavo (Baleira) na madrugada do 2 de agosto.

Avelaiona Strix aluco morta no Cádavo (Baleira).

Outro exemplo máis recente é a avenoiteira cincenta Caprimulgus europaeus atopada morta atropelada na estrada preto de Ferreira de Arriba (A Fonsagrada) o 24 de agosto.


Avenoiteira cincenta Caprimulgus europaeus atropelada por Ferreira de Arriba (A Fonsagrada).

Un exemplo diferente é o corvo pequeno Corvus corone, atopado morto electrocutado preto de Buisán (A Fonsagrada) o pasado 16 de agosto.


Corvo pequeno Corvus corone morto electrocutado preto de Buisán (A Fonsagrada).

Pero para finalizar e non quedar con este mal sabor de boca, unha mensaxe de futuro esperanzador cunha foto dun ferreiriño real Parus major en plena ceba dos seus polos que o chamaban dende unha fenda na parede dunha casa de pedra por Redrollán, Lamas de Moreira (A Fonsagrada) o pasado 7 de agosto.


Ferreiriño real Parus major por Redrollán, Lamas de Moreira (A Fonsagrada).

jueves, 5 de agosto de 2010

Dactylorhiza elata, outra orquídea na comarca

Outra orquídea, a Dactylorhiza elata que atopamos xa fai un tempo preto de Paradavella (A Fonsagrada), concretamente o 17/6/2010. Un único exemplar que poidemos observar en plena floración na gabia da estrada e que nun principio confundimos con Dactylorhiza maculata (máis común na comarca). Pero ao examinar a orquídea observamos a ausencia de manchas nas follas caulinas e sobre todo eses grosos esporóns que teñen as flores desta especie de orquídea. En fin, outra preciosa incorporación á nosa listaxe persoal de flora da comarca da Fonsagrada.

Detalle da inflorescencia de Dactylorhiza elata por Paradavella (A Fonsagrada)


Dactylorhiza elata por Paradavella (A Fonsagrada).

jueves, 22 de julio de 2010

Actualización florística

Xa facía un tempo que non falaba das plantas que decoran a comarca da Fonsagrada. Enredado con anfibios, réptiles, aves e demáis deixamos que a primavera entrara, pasara e xa estamos en pleno verán con novas incorporacións persoais suliñables á flora fonsagradina.

Imos a comezar pola coñecida como soldaconsolda Polygonatum odoratum que atopamos en floración a mediados de xuño na gabia da estrada da Fonsagrada a Carballido. Atopamos 6 exemplares desta chamativa especie nun lugar sombrizo e húmedo baixo uns carballos Quercus robur.


Soldaconsolda Polygonatum odoratum preto de Carballido (A Fonsagrada).

Outra especie que nos chamou a atención foi Linaria elegans, que atopamos en floración a finais de xuño por Reboira (A Fonsagrada). Este endemismo do cuadrante NW da Penísula Ibérica resultou ao final ser moi común en numerosos lugares secos a certa altura por toda a comarca.


Linaria elegans por Reboira (A Fonsagrada).
Polo val do Navia, entre Río de Porcos e a ponte de Boadil, dúas especies nos chamaron a atención a primeiros de xuño: a herba das anadas Arum italicum e Allium sphaerocephalum. A primeira no terraplén dunha pista atopamos un único grupo de 4 exemplares. A segunda, máis común, atopámola preto da primeira e nalgún outro lugar, aínda que deste Allium teño dúbidas ca súa identificación, polo que se admiten suxestións ao respecto.


Arum italicum preto de Río de Porcos (Negueira de Muñiz).


Allium sphaerocephalum preto de Río de Porcos (Negueira de Muñiz).

Epilobium angustifolium é outra planta cuxa floración nos chamou poderosamente a atención. Esta gran herbácea perenne atopámola por primeira vez na gabia da estrada que conduce a Negueira de Muñiz a primeiros de xuño, preto da rotonda (ou redonda como din por estas terras). Non abondosa localizamola en dous lugares próximos máis, sempre en claros e en grupos numerosos.


Epilobium angustifolium por Negueira de Muñiz.

E xa para rematar, pola banda de Baleira, na contorna da fraga da Marronda, observamos a primeiros de xullo Centaurium scilloides en varias localizacións. Tamén neste lugar a primeira observación persoal de Gladiolus illyricus nas mesmas datas. Outra observación deste gladiolo uns días despois polo val do río Lamas (A Fonsagrada), sempre un reducido número de non máis de 8 exemplares. Unha planta de flores chamativas que non debe ser moi común na comarca.


Centaurium scilloides pola fraga da Marronda (Baleira).


Gladiolus illyricus polo fraga da Marronda (Baleira).