jueves, 22 de julio de 2010

Actualización florística

Xa facía un tempo que non falaba das plantas que decoran a comarca da Fonsagrada. Enredado con anfibios, réptiles, aves e demáis deixamos que a primavera entrara, pasara e xa estamos en pleno verán con novas incorporacións persoais suliñables á flora fonsagradina.

Imos a comezar pola coñecida como soldaconsolda Polygonatum odoratum que atopamos en floración a mediados de xuño na gabia da estrada da Fonsagrada a Carballido. Atopamos 6 exemplares desta chamativa especie nun lugar sombrizo e húmedo baixo uns carballos Quercus robur.


Soldaconsolda Polygonatum odoratum preto de Carballido (A Fonsagrada).

Outra especie que nos chamou a atención foi Linaria elegans, que atopamos en floración a finais de xuño por Reboira (A Fonsagrada). Este endemismo do cuadrante NW da Penísula Ibérica resultou ao final ser moi común en numerosos lugares secos a certa altura por toda a comarca.


Linaria elegans por Reboira (A Fonsagrada).
Polo val do Navia, entre Río de Porcos e a ponte de Boadil, dúas especies nos chamaron a atención a primeiros de xuño: a herba das anadas Arum italicum e Allium sphaerocephalum. A primeira no terraplén dunha pista atopamos un único grupo de 4 exemplares. A segunda, máis común, atopámola preto da primeira e nalgún outro lugar, aínda que deste Allium teño dúbidas ca súa identificación, polo que se admiten suxestións ao respecto.


Arum italicum preto de Río de Porcos (Negueira de Muñiz).


Allium sphaerocephalum preto de Río de Porcos (Negueira de Muñiz).

Epilobium angustifolium é outra planta cuxa floración nos chamou poderosamente a atención. Esta gran herbácea perenne atopámola por primeira vez na gabia da estrada que conduce a Negueira de Muñiz a primeiros de xuño, preto da rotonda (ou redonda como din por estas terras). Non abondosa localizamola en dous lugares próximos máis, sempre en claros e en grupos numerosos.


Epilobium angustifolium por Negueira de Muñiz.

E xa para rematar, pola banda de Baleira, na contorna da fraga da Marronda, observamos a primeiros de xullo Centaurium scilloides en varias localizacións. Tamén neste lugar a primeira observación persoal de Gladiolus illyricus nas mesmas datas. Outra observación deste gladiolo uns días despois polo val do río Lamas (A Fonsagrada), sempre un reducido número de non máis de 8 exemplares. Unha planta de flores chamativas que non debe ser moi común na comarca.


Centaurium scilloides pola fraga da Marronda (Baleira).


Gladiolus illyricus polo fraga da Marronda (Baleira).

jueves, 15 de julio de 2010

Papuxa do mato

A papuxa do mato Sylvia undata é outra das representantes da familia sylviidae presentes na comarca da Fonsagrada. Esta pequena papuxa é normal atopala nas uceiras, sobre todo as de Erica arborea, tan ben representadas nos montes fonsagradinos. As fotografías corresponden a dúas parexas que se atopaban cebando nos seus polos nunha destas uceiras alá polas Penas de Ferreira (A Fonsagrada) o 11/07/2010. Non tan esquiva e desconfiada como outros membros dos sílvidos, se deixaron fotografiar relativamente ben nunha mañanciña soleada nas súas viaxes con ceba aos polos. Este foi o resultado.
Macho de papuxa do mato Sylvia undata nas Penas de Ferreira (A Fonsagrada).
Femia de papuxa do mato Sylvia undata nas Penas de Ferreira (A Fonsagrada).
Macho de papuxa do mato Sylvia undata escondéndose nas Penas de Ferreira (A Fonsagrada).
Macho de papuxa do mato Sylvia undata no alto dun penedo nas Penas de Ferreira (A Fonsagrada).

jueves, 8 de julio de 2010

Aguia calzada

Xa tiña ganas de pillar a esta aguia. A aguia calzada Hieraaetus pennatus é outra ave rapaz da que sabiamos que existían varias citas na comarca da Fonsagrada, por iso tarde ou cedo tiña que aparecer. Observamos un exemplar desta aguia en fase intermedia polo Monte Treitas, entre Sanguñedo e A Pereirúa (A Fonsagrada) o 2 de xullo de 2010 o suficientemente cerca para tirarlle unhas cantas fotografías decentes que paso a amosárvolas.











Aguia calzada Hieraaetus pennatus polo monte Treitas (A Fonsagrada).

domingo, 4 de julio de 2010

Citas ornitolóxicas de xuño 2010

Neste pasado mes de xuño volvemos a deixar un pouco de lado aos paxaros. Aínda así temos un puñadiño de citas destacables que contar.
O 2/6/2010, por Ernes (Negueira de Muñiz) un miñato abelleiro Pernis apivorus. Polo Coto de Lamas (A Fonsagrada) 1 cotovía pequena Lullula arborea.


Cotovía pequena Lullula arborea polo Coto de Lamas (A Fonsagrada).

O 14/6/2010 un macho de gatafornela Circus cyaneus pola Cruz da Nena, A Marronda (Baleira) e outro o 17/6/2010 polo Alto do Acevo (A Fonsagrada).

O 22/6/2010 no basureiro de Fonsagrada máis de 180 corvos grandes Corvus corax e 3 millafres negros Milvus migrans. Tamén un peto real Dendrocopos major por San Pedro de Neiro - Mazaeda (A Fonsagrada).


Millafre negro Milvus migrans polo basureiro de A Fonsagrada.

Peto real Dendrocopos major por San Pedro de Neiro - Mazaeda (A Fonsagrada).
O 25/6/2010 en San Breixo, Lamas de Moreira (A Fonsagrada) 2 adultos e 2 xuvenís de ferreiriño azul Parus caeruleus e 2 adultos de ferreiriño real Parus major.


Ferreiriño azul Parus caeruleus por San Breixo (A Fonsagrada).
O 30/6/2010 en Santa María de Pacios (A Fonsagrada) 10 andoriñas Hirundo rustica, 8 andoriñas de cu branco Delichon urbica e 1 gatafornela Circus cyaneus.


Andoriñas de cu branco Delichon urbica por Santa Maria de Pacios (A Fonsagrada).


Gatafornela Circus cyaneus por Santa María de Pacios (A Fonsagrada).