Xa levaba un tempo
sen acordarme dos paxaros. E iso que a saída do inverno e a chegada
da primavera sempre son datas moi interesantes para realizar
observacións ornitolóxicas diferentes.
Pero tiña
acumuladas esta serie de fotografías e aproveito agora para
amosalas e para que podades seguir observando o que se pode ver por
estas terras.
Comezo polo Papamoscas negro Ficedula
hypoleuca, unha especie que nos visita na época estival e que
observei polo Ventorrillo (A Fonsagrada) o setembro pasado, aínda
semella non apareceu este ano pero chegará.
Papamoscas negro
Ficedula hypoleuca. Fotografía de Alejandro Ocampo.
O pedreiro
cincento Oenanthe oenanthe é outra especie estival que non falla á
súa cita e nos visita para reproducirse e manterse localizada en
algunhas zonas altas na comarca. Por iso é fácil observala en lugares como os pastizais de Reboira ( A Fonsagrada).
Pedreiro cincento
Oenanthe oenanthe por Reboira (A Fonsagrada).
En outubro un
paseo pola fraga da Marronda (Baleira) para observar a varias
especies residentes deste fermoso lugar: estreliñas riscadas
Regulus ignicapilla, ferreiriños negros Parus ater, ferreiriños
rabilongos Aegithalus caudatus e ferreiriños cristados Parus
cristatus.
Estreliña riscada
Regulus ignicapilla pola fraga da Marronda (Baleira).
Ferreiriño negro
Parus ater pola fraga da Marronda (Baleira).
Ferreiriño
rabilongo Aegithalus caudatus pola fraga da Marronda (Baleira).
Ferreiriño
cristado Parus cristatus pola fraga da Marronda (Baleira).
Tamén os xílgaros
Carduelis carduelis se deixaron ver nestas datas por esta fraga en
lugares máis abertos.
As avefrías
Vanellus vanellus, sempre indicadoras de frío, observadas preto de
Carballido (A Fonsagrada) alá polo final de febreiro, non foron
as únicas que se viron na comarca este pasado inverno. Sen ser moi
abondosas por aquí, a veces nos sorprenden nos invernos
fonsagradinos con numerosos bandos polos pastizais da comarca.
Avefrías Vanellus vanellus preto de
Carballido (A Fonsagrada).
E para rematar unha cita de miñato
abelleiro Pernis apivorus preto da ferrería de Cuiña (A
Fonsagrada) a principios do setembro pasado, outra dun macho adulto
de tartaraña cincenta Circus pygargus polo Ventorrillo (A
Fonsagrada) á metade de abril deste ano, as primeiras aguias
cobreiras Circaetus gallicus observadas polo val do río Lamas e por
Miñide (A Fonsagrada) na segunda quincena de abril e unha fermosa
fotografía dunha Aguia calzada Hieraaetus pennatus feita o
pasado agosto preto de Lugo, esta última especie todavía non apareceu este
ano pero algúnha se deixará ver tamén.
Aguia calzada Hieraaetus pennatus.