lunes, 31 de octubre de 2011

Apatura iris

Parece que rematou a seca e que por fin comeza a chover con intensidade. Xa que logo non está o conto para andar polo campo e á espera dos cogumelos, que aínda non os probamos esta tempada, imos aproveitar para amosar algúnhas citas e fotografías desas que quedan ahí esperando e que parece que nunca chega o momento de amosalas.
Unha desas citas é a da Apatura iris, un dos ninfálidos de maior tamaño. Esta especie non é moi abondosa por este lares e como soe voar cerca das copas das árbores tampouco e doada vela. Pero cando algo se pudre parece que o seu cheiro a atrae e así foi como a observamos o 19/7/2010 preto de Robledo de Donís (Cervantes) a uns 900 metros de altitude, chuchando nunha prea dun xato baixo un bosque de frondosas e próxima a un regato, é dicir, por onde lle gusta andar.

Aquí vos deixo unha fotografía desde precioso lepidóptero.
.
Apatura iris preto de Robledo de Donís (Cervantes).

viernes, 14 de octubre de 2011

A Saramaganta rabilonga e máis hérpetos

Aínda non tivemos ocasión de falar neste blog da saramaganta rabilonga Chioglossa lusitanica. Este endemismo do noroeste da Península Ibérica tamén de pode atopar na comarca da Fonsagrada, xa que logo por aquí atopa os hábitats naturais aos que vive asociada: pequenos regatos e fontes de augas limpas e ben osixenadas, así como vexetación preferiblemente caducifolia en zonas frescas e húmidas. Así foi, nun destes regatos, onde atopamos un par de exemplares baixo unas pedras preto da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) o 28/07/11.

Saramaganta rabilonga Chioglossa lusitanica pola Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Tamén tivemos ocasión este verán de observar que o sapoconcho de orellas vermellas Trachemys scripta elegans xa ten unha poboación establecida no encoro de Salime. Se observaron varios exemplares adultos preto da Área Recreativa da Virxe da Veiga. Outra especie invasora máis.

Tamén citamos:
  • Un esgonzo común Chalcides striatus por Santalla (Ribeira de Piquín) o 02/08/11 preto dunha fonte seca no estío.
  • Un lagarto das silvas Lacerta schreiberi preto da Ferrería de Cuiña no camiño á Fornaza (A Fonsagrada) o 30/08/11.
  • Unha serpe riscada Rhinechis scalaris atropelada na estrada preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz) o 02/08/11.
  • Unha cobra lagarteira meridional Coronella girondica tamén atropelada na estrada preto da Cortevella (Baleira) o 08/08/11.
Lagarto das silvas Lacerta schreiberi preto da ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Serpe riscada Rhinechis scalaris atropelada preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

Cobra lagarteira meridional Coronella girondica atropelada preto da Cortevella (Baleira).