Mostrando entradas con la etiqueta Genetta genetta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Genetta genetta. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de enero de 2017

Mamíferos: poñémonos ó día

Agora que entramos no 2017, podemos dicir que o 2016 foi un ano sen moita actividade neste blog. Isto é un feito, pero non por iso deixamos de recompilar cousiñas, propias ou de compañeiros, que iremos amosando ó seu debido tempo e que nesta primeira entrega imos adicar ós mamíferos

Case por obriga debemos comezar polo oso pardo cantábrico Ursus arctos . Estamos abraiados pola presenza cada vez menos esporádica desta especie en Ancares. E que o ano 2016 probablemente fora o mellor ano que se recorde, desde a súa case extinción nos Ancares galegos, de rexistros de oso pardo. Iso si, de momento a cría segue sen poderse confirmar en Galicia. Amósovos un par de fotografías:
Primeiro un fotograma dun vídeo dun exemplar probablemente macho adulto que foi gravado mediante fototrampeo no val do Rao o 21 de xuño de 2016 (Navia de Suarna). Xa que o propietario do cortín fixo público nas redes sociais este feito cun fotograma do mesmo vídeo do que estamos falando, penso que non pasa nada se eu tamén o fago. Este oso tivo un curioso comportamento xa que achegouse ó pastor eléctrico recentemente colocado, tras ataques previos ás colmeas, para sen sequera tocalo darse a volta e volver por onde viñera.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos no val do Rao (Navia de Suarna).

Segundo outro fotograma doutro vídeo que nos cede Pío Antonio de la Peña que xunto con outros compañeiros realizou o 10 de setembro de 2016 xa no límite de Galicia na serra de Ancares (Cervantes). Neste caso un oso probablemente xuvenil escapaba á carreira ladeira abaixo.
Oso pardo cantábrico Ursus arctos na serra de Ancares (Cervantes) no límite de Galicia.

Outra especie da que tamén é case obrigatorio falar é o lobo ibérico Canis lupus signatus. Son varias as observacións que recollemos desta especie, e a verdade é que case preferimos non dar localizacións moi precisas. Amosar iso si un par de fotografías tamén cedidas por Pío Antonio de la Peña de xuño de 2016 na serra de Ancares.

Lobos ibéricos Canis lupus signatus na serra de Ancares.

O introducido rebezo Rupicapra pyrenaica parva forma xa parte da paisaxe da serra de Ancares e é actualmente uns dos máis importantes activos da actividade cinexética na Reserva de Caza de Ancares. Non vou a aburrir con citas pero si amosar algunhas fotografías como a curiosa interacción observada entre unha femia de rebezo e a súa cría cun voitre común Gyps fulvus no Penarrubia ( non pararon de molestar ata que o voitre saíu voando).

Rebezos Rupicapra pyrenaica parva e voitre común Gyps fulvus no Penarrubia (Cervantes)

Compre tamén amosarvos un par de fotos de Pío Antonio de la Peña. Unha duns rebezos e outra dun grupo da tamén introducida cabra montés Capra pyrenaica victoriae pola zona do Penalonga (Cervantes).
Rebezos Rupicapra pyrenaica parva na zona do Penalonga (Cervantes).
Cabras montesas Capra pyrenaica victoriae na zona do Penalonga (Cervantes).

O cervo Cervus elaphus, non é unha especie que sexa actualmente moi abondosa nos Ancares Lucenses, aínda así os poucos exemplares que existen na actualidade teñen que convivir por estes lares co feito de ser especie cinexética. Tivemos a incrible oportunidade de contemplar a berrea cos cervos de Ancares o 17 e 18 de novembro de 2015 na Serra do Barreiro (Navia de Suarna) e conseguimos algunhas fotografías documentais como estas dúas que vos amoso a continuación.
Macho de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de Suarna).
Femia de cervo Cervus elaphus pola Serra de Barreiro (Navia de Suarna).

O gato montés Felis silvestris, outra especie escasa pero existente nos Ancares. Fotografei este exemplar o 29 de agosto de 2015 a última hora da tarde nun pastizal con sebes por O Grandarón, preto de Quindous (Cervantes).
Gato montés Felis silvestris,preto de Quindous (Cervantes).

O porcoteixo Meles meles. Ademais de varios exemplares atropelados sorprendín, ou mellor dito sorprendeume el a min, un exemplar vivo e en actividade na gabia da estrada de Meda a Asar (Navia de Suarna) o 16 de xuño 2015 ás 17:00 horas, cousa ben estraña para esta especie de hábitos nocturnos.

A xeneta Genetta genetta. Tamén seguimos atopando exemplares atropelados. Outro exemplar, este vivo, cae de noite o 16 de maio de 2016 nunha cámara de fototrampeo nun cortín preto de Coro (Navia de Suarna).

A lebre de piornal Lepus castroviejoi. Esta especie tan de Ancares é habitual atopala nalgunhas zonas da serra, sobre todo se circulas de noite por algunhas pistas forestais, como a observada o 21 de setembro de 2016 subindo ó Penarrubia (Cervantes) ou o exemplar observado á noitiña preto das alzadas de Pan do Zarco (Navia de Suarna) o 1 de xullo de 2016.
Lebre de piornal Lepus castroviejoi preto de Pan do Zarco (Navia de Suarna).

O leirón careto Eliomys quercinus. Temos un par de citas de esta esquiva especie, por un lado o sacamos do caixón o exemplar observado e fotografado de día o 7 de marzo de 2011 no val do Rao (Navia de Suarna) que polo seu raro comportamento pensamos que podería estar afectado por algunha doenza. A outra cita é mais recente, do 28 de setembro do 2016, un exemplar cae nunha cámara de fototrampeo preto de Eixibrón (Becerrrea).
Leirón careto Eliomys quercinus no val do Rao (Navia de Suarna).

Imos rematar cun morcego, o que parece ser un orelludo gris Plecotes austriacus, que o 26 de agosto de 2015 entraba e fotografamos nun edificio en Becerreá. Digo que parece porque é este un campo novo para min, así que espero non trabucarme.
Probable orelludo gris Plecotes austriacus por Becerreá.

lunes, 12 de marzo de 2012

Mamíferos e atropelos


As estradas son unha fonte inagotable, moitas veces imprevisible e sempre indeseable de información sobre a diversidade biolóxica faunística desta comarca, e no caso que nos ocupa de mamíferos. A mortalidade por atropelo ou colisións con vehículos ou outras causas dos animais que tentan cruzar as vías permite a constatación da presencia de especies que non son doadas de ver. Moitas veces polos seus hábitos nocturnos, outras por ser moi esquivas e/ou tamén por non ser moi comúns, o caso é que aínda que preferiríamos nos facer este tipo de observacións o realidade é que se producen e por iso vexamos unhas cantas feitas recentemente.
O 15/02/2012 atopamos unha londra Lutra lutra atropelada na estrada moi preto do Cádavo (Baleira). É esta unha especie da que xa tiñamos constancia da súa presencia en medios acuáticos da comarca, pero ahí estaba no asfalto lonxe dun río ou regato onde seguro estaría mellor.
Londra Lutra lutra atropelada preto do Cádavo (Baleira).

O 28/02/2012 un furón bravo Mustela putorius aparece atropelado preto de Río de Bangos (A Fonsagrada). Esta é unha especie non moi común e non é doado vela por ser eminentemente nocturna. Esta é a primeira cita persoal desta especie na comarca e xa vedes de que forma.
Furón bravo Mustela putorius preto de Río de Bangos (A Fonsagrada).

O 04/03/2012 unha xeneta Genetta genetta polo Coto de Lamas de Moreira (A Fonsagrada) e un porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada) tamén atropelados.
Xenetta Genetta genetta polo Coto de Lamas (A Fonsagrada).
Porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada).

Bueno, e agora un par de fotografías de mamíferos vivos, para quitar o mal sabor de boca. Primeiro unha marta Martes martes observada polo Rego da Pasada (A Fonsagrada) e por último un aínda atontado rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada) que parece non entender esta tempo de verán en pleno inverno. Ata outra.
Marta Martes martes polo Rego da Pasada (A Fonsagrada).

Rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada).

jueves, 10 de junio de 2010

Grandes mamíferos da comarca II

Seguimos falando das observaciós obtidas dos grandes mamíferos da comarca. A xineta Genetta genetta é o vivérrido presente na comarca, tamén de hábitos nocturnos, puidemos comprobar a súa presencia na comarca ca observación dunha parexa durante un foqueo nocturno, e como non, nun atropelo posterior noutra zona.


Xineta Genetta genetta atropelada nunha estrada da comarca.

O corzo capreolus capreolus é un cérvido moi presente en toda a comarca e un recurso cinexético moi importante. Pódese observar en múltiples ocasións por pastizais e zonas de monte.


Macho de corzo Capreolus capreolus nos montes da comarca.


Macho vareto de corzo Capreolus capreolus polos montes da comarca.

Femia de corzo Capreolus capreolus polos montes da comarca.

O mesmo lle pasa ao xabaril Sus scrofa, moi presente na comarca, tamén
se observa facilmente. De gran conflictividade social polos danos que fai en hortas e pastizais.


Danos de xabaril Sus scrofa nun pastizal da comarca.
E para rematar os lagomorfos: a lebre ibérica Lepus granatensis e o coello de monte Oryctolagus cuniculus. A lebre está ben presente, se pode observar de noite polos pasteiros das serras como a do Muradal. Sen embargo o coello practicamente se extinguíu na comarca polas diferentes doenzas que sufríu. Actualmente a cría en semicautividade de coellos de monte destinados á caza fan que se poidan observar algúns neste lugares de cría.

Coello de monte Oryctolagus cinuculus na comarca da Fonsagrada.
Con isto damos por rematado estas dúas entradas de grandes mamíferos, que como sempre non son todas as que existen pero si as observadas.