lunes, 19 de agosto de 2013

O oso pardo de Baleira

Por fin, xa chegou o momento de falar deste oso pardo cantábrico Ursus arctos que tantas noticia xerou nos medios e do que xa anticipáramos algo na anterior entrada. Sen dar moitos datos sobre a localización deste exemplar e tras uns meses de seguimento nos que os indicios da súa presencia eran máis que evidentes chegou o momento de amosar algo máis: unhas fotos do oso.
Si, así é, estades lendo ben. Dada a súa querencia por atacar as colmeas decidimos en colocar unha cámara de fototrampeo nunha delas ca esperanza de obter unha imaxe deste plantígrado e ao final obtivemos a recompensa. Son seis as fotografías que obtivemos, non de moita calidade fotográfica pero dun valor documental evidente.


As seis imaxes do oso pardo cantábrico Ursus arctos por Baleira.

O oso pardo, como plantígrado que é, deixa pegadas de bo tamaño e inconfundibles marcando os cinco dedos e normalmente as uñas. Usando as pegadas que atopamos e medindo a distancia que hai entre os puntos centrales dos dedos situados nos extremos obtivemos unha anchura duns 105 mm, que según se sabe da biométrica desta especie ben puidera tratarse dun macho non adulto (posible macho subadulto) ou dunha femia adulta. Non podendo afirmar cal é o sexo deste exemplar o caso é que como se pode observar nas fotografías o tamaño xa é considerable.

Pegada do oso pardo cantábrico Ursus arctos nun panal dunha colmea atacada por Baleira.

Tamén atopamos nestes meses os característicos excrementos do oso, que son grandes e difíciles de confundir, ademáis non dan unha idea da súa dieta con bastante detalle. No caso que nos ocupa puidemos confirmar restos bastante identificables semillas (landras, castañas, cereixas, baias,...) así como de mel (ceras e crías de abellas incluídas).
Excremento do oso pardo cantábrico Ursus arctos por Baleira con restos de cereixas.

Tamén atopamos por Baleira marcas en árbores, é dicir, os característicos mordiscos e rabuñaduras nos troncos das árbores. Observamos estes indicios en castiñeiros, salgueiros e ata nun eucalipto novo.

Marcas nun castiñeiro do oso pardo cantábrico Ursus arctos por Baleira.

Ademáis tamén observamos algún encame, pedras volteadas, zonas escarbadas para atopar insectos e por suposto as colmeas atacadas.
Como vedes todo un catálogo de indicios que nos indicaban con claridade a presencia do oso. Pero faltaba o documento gráfico e ao final, cun pouco de sorte e algo máis de paciencia podemos disfrutar destas esperanzadoras imaxes para a especie en Galicia. Que mira que si é unha femia...

jueves, 1 de agosto de 2013

Oso, calzada, orquídeas e vagalume.

Avanza o verán, e entre as continuas noticias nos medios sobre a presencia do oso Ursus arctos na zona (do que xa falaremos nunha futura entrada en preparación) aparecen outras novas da comarca a destacar neste blog.
Links sobre o oso na zona:
Oso aparte, por un lado debemos falar da aguia calzada Hieraaetus pennatus que apareceu ferida por Robledo (A Fonsagrada) o 6 de xullo. Aparentemente cunha ala rota foi levada ao CRFS de O Veral para tentar recuperala, cousa que non puido ser xa que desgraciadamente non pudo superar o proceso e finou aos dous días.

Aguia calzada Hieraaetus pennatus ferida atopada por Robledo (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.

Outras citas ornitolóxicas de interese:
- Un Azor Accipiter gentilis o 6/06/2013 que sae voando á mediodía entre Torviso e Gromaz no LIC Carballido (A Fonsagrada).
- Un miñato abelleiro Pernis apivorus o 17/06/2013 sae voando dun piñeiro camiño de O Foxo (Negueira de Muñiz).
- Un macho adulto de tartaraña cincenta Circus pygargus o 15/07/2013 entre Andoriña e Carballido (Baleira).
- Un ouriolo Oriolus oriolus o 3/07/2013 preto de Freixo (A Fonsagrada).
- Un falcón peregrino Falco peregrinus o 23/07/2013 que chía desde as penas de Vilarín de Cubilledo (Baleira).

No canto das orquídeas está sendo unha primaveira e verán bastante bo para elas. Ademáis de atopar nas súas habituais zonas as que xa temos máis ou menos controladas atopamos algunha nova poboación de Dactylorhiza elata e unha nova especie que aínda non observaramos na comarca como é Orchis provincialis, atopada nunha poboación duns 10 exemplares xunto con Orchis mascula preto de Santiso (A Fonsagrada) na segunda quincena de xuño.

Orchis provincialis preto de Santiso (A Fonsagrada), Dactylorhiza elata (abaixo á esquerda na foto) e Orchis provincialis con Orchis mascula (á dereita).

E para rematar unha cita dun insecto que facía xa tempo que non observaba. Un Vagalume Lampyris noctiluca (espero non equivocarme ca especie) atopado unha calorosa noite polo alto da Cruz da Nena (Baleira) o 18/07/13 brillando no borde da pista.

 Vagalume Lampyris noctiluca polo alto da Cruz da Nena (Baleira).

viernes, 17 de mayo de 2013

Que si, que xa chegou (a primavera)

Que si, que xa chegou a primavera, xa fai un tempo, tanto como o tempo que fai que non actualizo esta bitácora. Tanto tempo que pasamos das queixas polas baixas temperaturas que non deixaban ver os primeiros gromos verdes para pronto pasar a un pequeno período de tempo de altas temperaturas e sol, para acabar volvendo ás chuvieiras, tronadas e neves nos altos cumios da comarca. Todo isto propiciou a entrada da primavera xa fai unha tempada e observáramos as primeiras mostras das máis típicas orquídeas que amosan a súa floración na comarca: Orchis morio e Orchis mascula. As primeiras son as máis madrugadoras e as segundas a continuación, as dúas especies se poden observar actualmente en bastantes zonas incluso en bo número.

Orchis mascula (esqueda) e Orchis morio (dereita) en floración na comarca da Fonsagrada.
 
Poboación de Orchis mascula nunha pradería preto do Cádavo (Baleira).

Outras observacións temperás foron os Narcissus bulbocodium, un afroixón do que aínda non tivéramos ocasión de falar neste blog, que observamos en alomenos dous lugares. Pensamos que faltaría esta especie pero a verdade e que está presente tamén na comarca.
 
 Narcissus bulbocodium pola comarca da Fonsagrada.

E para rematar coa flora temos unha especie que particularmente nos gusta moito ver en floración como é Polygonatum odoratum, que tamén puntual á súa cita primaveral fotografámola nunha pequena poboación na ruta polo río Eo.
 
Polygonatum odoratum polo río Eo (Baleira).

No canto da paxarada non son moitas as citas recollidas nin destacadas, pero non por iso imos deixar de ocuparnos delas. Un adulto de gaivota patiamarela Larus michahellis chamou a atención polo centro da Fonsagrada a primeiros de abril, sitio pouco habitual para esta especie pero que tan común é noutros lares. Mostramos pois unha imaxe de archivo dunha parella destas gaivotas alá por terras viveirenses en plena faena primaveral.
Gaivotas patiamarelas Larus michahellis nunha imaxe de archivo no tellado dun edificio por Covas (Viveiro).
 
Outras citas ornitolóxicas son doadas de facer en moitas das zonas de campeo habitual, polo seu carácter de residentes e/ou de paso prenupcial. Así acontece co ferreiriño azul Parus caeruleus, ca papuxa das amoras Sylvia atricapilla ou co picafollas europeo Phylloscopus collybita. Este último porque escoitamos o seu canto, se non calquera acerta coa especie.
 
Papuxa das amoras Sylvia atricapilla.
 
Ferreiriño azul Parus caeruleus.
 
Picafollas europeo Phylloscopus collybita.
Outro síntoma primaveral é a presenza de rastros e sinais que a fauna deixa, por iso gustamos de parar nas zonas propicias para que as pegadas dos animais queden marcads, e son os teixugos Meles meles uns dos máis activos.
Pegadas no barro dun teixugo Meles meles preto da ponte de Cabreira (Baleira).
 
E esta imaxe, que non é a primeira vez que a observamos, sempre nos fai dubidar sobre quen foi a víctima (pombo, pega, …) e quen o que almorzou ben ese día (azor,...). Unha pena non poder disfrutar dese momento en vivo e en directo para así polo menos identificar aos suxeitos.
Restos da plumaxe dunha ave preto de A Cortevella (Baleira).
 
E para rematar desta volta imos falar das bolboretas, que xa tiñan ganas de comezar a aparecer. Xa fai tempo que as primeiras branca e limoeiras se deixaron ver, así como as dúas das seguintes imaxes: Pararge aegeria e Polygonia c-album.
Pararge aegeria preto de Vilar de Vela (A Fonsagrada) polo río Rodil.
 
Polygonia c-album por de San Paio (Baleira) preto do río Eo.
 
Sen mais, ata outra volta e feliz día das letras galegas.

viernes, 1 de marzo de 2013

Esperando á primavera

Pasou febreiro, e nas montañas da Fonsagrada foi un continuo ir e vir de xeadas e nevaradas que xa apetece deixar atrás. Pero non imos deixar de valorar a necesidade destos fenómenos meteorolóxicos no ciclo anual das estacións e de alegrar a vista cos paisaxes que nos ofreceron.

Xeada na Fonsagrada a fin do mes de febreiro.

Os Ancares nevados desde A Fonsagrada.

Pero xa apetece outra cousa e por suposto xa está ás portas a esplendorosa primavera. As primeiras floracións xa se poden observar nas especies de flora máis temperás, como as de Narcissus pseudonarcissus a fin do mes de febreiro, e o resto que está por vir e que xa esperamos con ganas.

Narcissus pseudonarcissus en floración a fin de febreiro preto de Mendreiras (Baleira).

E así como esperamos á primavera tamén teremos novas observacións de interesantes especies como poden ser as libélulas e bolboretas, así que mentres tanto recordemos algunhas feitas na tempada pasada de 2012.

Primeiro lembrarnos de dúas especies de odonatos das que aínda non faláramos neste blog. Por unha banda Orthetrum coerulescens, observado preto de O Sesto (Baleira) a mediados de agosto do 2012. Por outra banda Lestes virens, especie da que vimos unha boa poboación tamén a mediados de agosto do 2012 na charca de Reboira (A Fonsagrada).

Orthetrum coerulescens en tándem preto de O Sesto (Baleira).

Lestes virens na charca de Reboira (A Fonsagrada).

E agora lembrarnos das bolboretas, das que tamén esperamos interesantes observacións. Aproveitamos e citamos agora dúas observacións tamén de agosto de 2012. Unha observación de Coenonympha pamphilus preto de Xestoso (Baleira) e outra de Hipparchia alcyone preto de O Cádavo (Baleira).

Coenonympha pamphilus preto de Xestoso (Baleira).

Hipparchia alcyone preto de O Cádavo (Baleira).

Así que a esperar que xa queda pouco.

martes, 22 de enero de 2013

Unha osa con crías aséntase na Fonsagrada

Pois xa vedes, esta é a boa nova que hoxe puiden ler en El Correo Gallego. Teño que dicir que algo xa sabía, pero que faltando confirmación oficial ou algunha voz autorizada que fixera eco desta nova non quería comentalo neste blog.
O caso é que, agora que o FAPAS o fai público, xa podemos dicir que varias persoas da zona tiveron a sorte de observar a esa osa con dúas crías antes do período invernal polas montañas da comarca da Fonsagrada. E o digo así de xenérico, na comarca da Fonsagrada, pois non me parece ético máis precisión xeográfica.
Disfrutemos pois desta importante nova esperando que coa entrada da primavera se confirme.

Vos deixo un par de enlaces: 

lunes, 7 de enero de 2013

... e un lagarteiro cincento

Ao sur do Cádavo (Baleira), hacia Neira de Rei (Baralla), xurde unha zona de val ocupada por pastizais e sebes e algunha pequenas superficies forestais de frondosas autóctonas. Estos días de inverno neste val os días comezan fríos, con xeadas e cerrados de néboa, pero ao pouco aparece o sol e pronto comeza unha actividade faunística para disfrutar e para facer observacións interesantes.
A primeira observación destacada é a dun lagarteiro cincento Elanus caeruleus nesta zona, preto de Pousada (Baleira). Este exemplar adulto foi observado por primeira vez o día 05/01/2013 e continuaba pola zona ao día seguinte. Esta observación é outra máis das que se están dando este ano en Galicia, sobre todo en zonas onde non é normal atopala. Pode que este sea un síntoma de que esta especie este en expansión. O caso é que esta fermosa rapaz é especialmente fotoxénica, polo que non deixei escapar a oportunidade.


 Lagarteiro cincento Elanus caeruleus preto de Pousada (Baleira).

Tamén nos sorprende ver outra especie que está claramente en expansión como é a cegoña branca Ciconia ciconia. Nesta zona coñecemos varios niños que veñen sendo ocupados de xeito regular nos últimos anos, pero vela nestas datas é o que nos chama a atención, aínda que cada vez menos.

Cegoña branca Ciconia ciconia preto de Pousada (Baleira).

Un picanzo real Lanius meridionalis, un esmerillón Falco columbarius e un grupo de máis de 20 choias Pyrrhocorax pyrrhocorax acabaron de amenizar ornitoloxicamente o día por este val.

Picanzo real Lanius meridionalis preto de Pousada (Baleira).

Outros habitantes desta zona son os desconfiados corzos Capreolus capreolus que a primeira hora aproveitan para alimentarse e que se esconden ao menor movemento. Tamén unha lebre Lepus granatensis corría estrañamente de día pola zona.

Corzos Capreolus capreolus preto de Pousada (Baleira).

Lebre Lepus granatensis preto de Pousada (Baleira).