O caso é que xa levaba un tempo sen actualizar o blog, e a verdade é que o botaba en falta. E é que por diferentes circunstancias as novas ornitolóxicas non son moitas, e iso que a época invernal nos trae sempre cousiñas de interese.
Nesta época volvemos a ver ás arceas Scolopax rusticola na súa invernada, como o exemplar levantado á noitiña entre Os Baos e Seoane (Ribeira de Piquín – A Fonsagrada) o 22/12/2010 ou os 2 exemplares tamén observados preto de Sanguñedo (A Fonsagrada) o 23/12/2010 e que esperemos teñan sorte e poidan esquivar aos cazadores. Sorte que non tivo a arcea da fotografía que acompaña esta entrada que debo dicir que non ten ningún mérito, pois a pobre tiña no corpo máis chumbo que o soldadiño do conto.
Arcea Scolopax rusticola.
Tamén nos chama a atención a presenza de exemplares de picanzos reais
Lanius meridionalis en novas zonas da comarca, como o exemplar observado preto do selado vertedoiro de Baleira o 28/12/2010. O caso é que en época estival é normal atopar picanzos vermellos
Lanius collurio por estas terras e que desaparecen en épocas invernais, pero os picanzos reais
Lanius meridionalis, que non os observei en todo o estìo, aparecen agora en varias localizacións.