domingo, 12 de junio de 2011

Adeus ao oso mediático?

Comezo cunha interrogante esta entrada, pois non hai xeito de saber con certeza por onde anda nestes momentos este oso pardo cantábrico Ursus arctos que neste último mes se paseou pola comarca da Fonsagrada deixando un lote de indicios que a día de hoxe pouca dúbida ofrecen xa do seu paso e da súa presenza por estas terras.

E é que os medios deron boa conta de cada noticia que sobre os seus movementos ía producindo este xa mediático oso. Así que vos deixo este último? feixe de enlaces ao respecto.

http://elprogreso.galiciae.com/nova/92163.html?lang=gl
http://elprogreso.galiciae.com/nova/92389.html?lang=gl
http://elprogreso.galiciae.com/nova/93818.html?lang=gl
http://elprogreso.galiciae.com/nova/94026.html

Desde que se producíu a primeira observación deste oso no Alto da Vacariza, da que xa demos conta nunha entrada anterior, xurdiron outros feitos que relatamos a continuación.

A seguinte noticia da que se falou foi que un pescador o veu no río Rodil entre os concellos de Ribeira de Piquín e A Fonsagrada e días despois un mínimo de tres ataques a cortíns preto dos lugares de Murias e Maderne (A Fonsagrada), moi preto do lugar onde o pescador o víu. Nestas cortíns con colmeas de abellas e zonas do contorno se atoparon indicios que demostran a presenza do plantígrado como son os destrozos nas colmeas dos cortíns afectados, excrementos (cun forte cheiro a mel e con restos tamén da cera dos panais das colmeas) e un bo lote de grandes pedras volteadas.

Días despois unha nova observación dun oso xa por Santa Eulalia de Oscos (Asturias), a pouca distancia do concello da Fonsagrada nos fan pensar en que este oso finalizou o seu paseo por estas terras para regresar ó seu lugar de partida. Así que se non se producen máis noticias ao respecto podemos dicir que este foi un dos osos que nesta primavera, outro ano máis, decidíu pasearse por terras galegas, desexando que nun futuro cercano ter noticia da presenza dunha osa con crías en Galicia e poder afirmar que en Galicia hai osos, e non esporádicas visitas.

Colmea atacada preto de Murias (A Fonsagrada).

Posible excremento de oso cun forte cheiro a mel e restos da cera dos panais preto de Murias (A Fonsagrada).

Cortín atacado preto de Maderne (A Fonsagrada).

Lugares nos que se observou ou se encontran indicios da presenza do oso.

domingo, 5 de junio de 2011

Seguen chegando as aves estivais

Coa primavera ben entrada e o verán asomando á volta da esquina podemos observar como as aves estivais que visitan a comarca da Fonsagrada seguen chegando. Aínda que botamos en falta algún aguia cobreira Circaetus gallicus máis a estas alturas do ano, si puidemos ver que as observacións de voitres Gyps fulvus están empezando a repetirse, como os mínimo 11 exemplares que observamos o 28/05/2011 por Pedras Apañadas e logo polo Alto do Cerredo.
Voitre Gyps fulvus polo Alto de Cerredo (A Fonsagrada).
Tamén observamos xa desde fai tempo as rulas Streptopelia turtur, como os 2 exemplares observados por Lamas de Moreira o 29/05/2011. Esta especie estival parece que cada ano nos visita en menor número. O caso oposto é a rula turca Streptopelia decaocto, da que cada vez é máis usual facer observacións na comarca.

Rula Streptopelia turtur por Lamas de Moreira (A Fonsagrada).

A papuxa do mato Sylvia undata tamén está xa en plena crianza, como as 2 parexas observada na fraga da Marronda (Baleira) o 15/05/2011.

Papuxa do mato Sylvia undata polo fraga da Marronda (Baleira).
Ademais as andoriñas Hirundo rustica xa colonizaron as cortes da comarca e as andoriñas dauricas Hirundo daurica fan os seus niños baixo as súas pontes preferidas polo encoro do río Navia. Aínda que non son amigo de sacar fotos de niños, entederedes que neste caso, desde a porta da corte, non creo que molestara máis que as vacas ou os seus gandeiros diariamente.

Niño de andoriñas Hirundo rustica pola Fonsagrada.
.
Outras observacións, xa de aves residentes, como o peto verde Picus viridus observado por Redrollán (A Fonsagrada) o 20/05/2011.

Peto verde Picus viridis por Redrollán (A Fonsagrada).