Mostrando entradas con la etiqueta Hieraaetus pennatus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Hieraaetus pennatus. Mostrar todas las entradas

lunes, 14 de septiembre de 2026

Rolieiro europeo e outras aves no 2026

Pois iso, que un rolieiro europeo apareceu no val de Neira de Rei (Baralla) o pasado 25 de agosto. Tamén vos ensino unhas cuantas fotos de aves feitas no que vai de ano.


         Rolieiro europeo Coracias garrulus no val de Neira de Rei (Baralla) o 25 de agosto.



Lagarteiro euroasiático Falco tinnunculus no val de Neira de Rei (Baralla) o 25 de agosto.

Papuxa carrasqueira Curruca iberiae por Negueira de Muñíz o 19 de abril.

Voitre euroasiático Gyps fulvus na serra de Ancares o 27 de maio.

Aguia calzada Hieraaetus pennatus sobrevoando Becerreá o 26 de agosto.


Picanzo vermello Lanius collurio polo val de Neira de Rei (Baralla) o 27 de agosto.

Papuxa común Curruca communis polo val de Neira de Rei (Baralla) o 27 de agosto.

Chasco do norte Saxicola rubetra polo val de Neira de Rei (Baralla) o 28 de agosto.

Trallón cincento Muscicapa striata polo val de Neira de Rei (Baralla) o 28 de agosto.

Rousinol común Luscinia megarhynchos por Baleira o 3 de setembro.

domingo, 10 de marzo de 2024

ESCOLMA ORNITOLÓXICA

Ahí van unhas fotiños de aves por orde cronolóxica:

- Cardeal europeo Pyrrhula pyrrhula. Residente na zona como este observado o 21 Xan 2023 no Val de Neira de Rei (Baralla).

 

- Escribidor amarelo Emberiza citrinella o 4 Abr 2023 preto de O Ventorrillo (A Fonsagrada)


- O roqueiro azul Monticola solitarius. O 20 Mai 2023 nas Penas de Rubiais (Navia de Suarna).


- A aguia calzada Hieraaetus pennatus. Vista o 17 Xuñ 2023 polo miradoiro de Arexo (A Fonsagrada)


- O roqueiro rubio Monticola saxatilis. Observados varios exemplares o 18 Xuñ 2023 no pico Penarrubia (Cervantes).


- A pomba seixa Columba oenas non é moi habitual tan ao norte. Sen embargo unha parella leva uns anos visitando na época estival o entorno da torre de Torés (As Nogais). Aquí puidemos ver unha delas o 28 Xuñ 2023 ao lado dun pombo torcaz Columba palumbus.


- Un peneireiro cincento Elanus caeruleus observado o 11 Xul 2023 preto de San Salvador (Triacastela).


- O chasco do norte Saxicola rubetra. Fieis en puntuais nos pasos, como este o 5 Set 2023 polo Val de Neira de Rei (Baleira/Baralla)


- Avefría choromica Vanellus vanellus. Un exemplar solitario e probablemente perdido ou desorientado apareceu o 18 Out 2023 tras unha treboada por Folgueiras de Aigas (Navia de Suarna).


- A aguia real Aquila chrysaetos. Observada o 22 Out 2023 polo miradoiro de Arexo (A Fonsagrada).


- O cruzabico boreal Loxia curvirostra. Especie presente sobre todo en masas de Pinus sylvestris da comarca de A Fonsagrada e dos Ancares. Estes curiosamente foron observados no chan en Becerreá o 12 Feb 2024. 

 

-A pica alpina Anthus spinoletta. Presente en boa partes das comarcas de A Fonsagrada e Ancares, como esta fotografada o 17 Feb 2024 no Val de Neira de Rei (Baralla).

domingo, 12 de octubre de 2014

Notas ornitolóxicas nos Ancares II: As aves rapaces

Seguindo a pegada deixada na anterior entrada imos comentar nesta ocasión unha listaxe de observacións de aves rapaces diurnas obtidas estes meses pasados do 2014 na comarca de Ancares.

- Comezamos ca raiña dos cumes, a aguia real Aquila chrysaetus, tivemos ocasión de observar un exemplar o 19 de xullo sobrevoando o Penarrubia (Cervantes) pola parte galega e desapareceu voando hacia o sureste.
- A aguia cobreira Circaetus gallicus: observamos 1 exemplar o 19 de xullo chegando a Degrada (Cervantes) e outros dous o 2 de agosto pola Serra de Vilar (Cervantes).

Aguia cobreira Circaetus gallicus chegando a Degrada (Cervantes).

- Aguia calzada Hieraaetus pennatus: 1 exemplar morfo claro o 17 de agosto preto de A Lagúa (As Nogais).

Aguia calzada Hieraaetus pennatus preto de A Lagúa (As Nogais).

- A tartaraña cincenta Circus pygargus: 1 parella (o macho melánico) e 3 xuvenís o 19 de xullo preto de Catroventos (Cervantes). Tamén 1 macho adulto o 6 de agosto nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).

Macho melánico de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes).

Xuvenil de tartaraña cincenta Circus pygargus preto de Catroventos (Cervantes)

- Miñato abelleiro Pernis apivorus: 9/6/2014, 1 exemplar adulto sae voando o 9 de xuño preto de Bustelo - Serra de Palmeán (Cervantes).
- Gabián Accipiter nisus: 1 exemplar atropelado preto de Eixibrón (Becerreá) o 17 de marzo.

Gabián Accipiter nisus atropelado preto de Eixibrón (Becerreá).

- Azor Accipiter gentilis: 1 exemplar o 6 de agosto a última hora da tarde nas ladeiras do Penarrubia (Cervantes).
- Lagarteiro Falco tinnunculus, varias observacións como o fotografado o 30 de marzo de 2 exemplares polo Val do Rao (Navia de Suarna).

Lagarteiro Falco tinnunculus polo Val do Rao (Navia de Suarna).

- Lagarteiro das torres Falco naumanni: mínimo 3 exemplares o 26 de xullo cazando saltóns preto de Vilachá (Baralla). Tamén mínimo 5 exemplares por Catroventos (Cervantes) na mesma data. O 6 de agosto observamos alomenos 6 exemplares nos pastizais preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

Lagarteiro das torres Falco naumanni preto da cima do Penarrubia (Cervantes).

- Falcón pequeno Falco subteo: Alomenos 3 exemplares o 19-xullo pola corda entre o Tres Bispos e os Calangos de Brego (Cervantes).

- Falcón peregrino Falco peregrinus : Unha parella chocando os ovos no ñiño o 30 maio por Becerreá.

jueves, 1 de agosto de 2013

Oso, calzada, orquídeas e vagalume.

Avanza o verán, e entre as continuas noticias nos medios sobre a presencia do oso Ursus arctos na zona (do que xa falaremos nunha futura entrada en preparación) aparecen outras novas da comarca a destacar neste blog.
Links sobre o oso na zona:
Oso aparte, por un lado debemos falar da aguia calzada Hieraaetus pennatus que apareceu ferida por Robledo (A Fonsagrada) o 6 de xullo. Aparentemente cunha ala rota foi levada ao CRFS de O Veral para tentar recuperala, cousa que non puido ser xa que desgraciadamente non pudo superar o proceso e finou aos dous días.

Aguia calzada Hieraaetus pennatus ferida atopada por Robledo (A Fonsagrada). Fotografía de Alejandro Ocampo.

Outras citas ornitolóxicas de interese:
- Un Azor Accipiter gentilis o 6/06/2013 que sae voando á mediodía entre Torviso e Gromaz no LIC Carballido (A Fonsagrada).
- Un miñato abelleiro Pernis apivorus o 17/06/2013 sae voando dun piñeiro camiño de O Foxo (Negueira de Muñiz).
- Un macho adulto de tartaraña cincenta Circus pygargus o 15/07/2013 entre Andoriña e Carballido (Baleira).
- Un ouriolo Oriolus oriolus o 3/07/2013 preto de Freixo (A Fonsagrada).
- Un falcón peregrino Falco peregrinus o 23/07/2013 que chía desde as penas de Vilarín de Cubilledo (Baleira).

No canto das orquídeas está sendo unha primaveira e verán bastante bo para elas. Ademáis de atopar nas súas habituais zonas as que xa temos máis ou menos controladas atopamos algunha nova poboación de Dactylorhiza elata e unha nova especie que aínda non observaramos na comarca como é Orchis provincialis, atopada nunha poboación duns 10 exemplares xunto con Orchis mascula preto de Santiso (A Fonsagrada) na segunda quincena de xuño.

Orchis provincialis preto de Santiso (A Fonsagrada), Dactylorhiza elata (abaixo á esquerda na foto) e Orchis provincialis con Orchis mascula (á dereita).

E para rematar unha cita dun insecto que facía xa tempo que non observaba. Un Vagalume Lampyris noctiluca (espero non equivocarme ca especie) atopado unha calorosa noite polo alto da Cruz da Nena (Baleira) o 18/07/13 brillando no borde da pista.

 Vagalume Lampyris noctiluca polo alto da Cruz da Nena (Baleira).

jueves, 3 de mayo de 2012

Escolma ornitolóxica


Xa levaba un tempo sen acordarme dos paxaros. E iso que a saída do inverno e a chegada da primavera sempre son datas moi interesantes para realizar observacións ornitolóxicas diferentes.
Pero tiña acumuladas esta serie de fotografías e aproveito agora para amosalas e para que podades seguir observando o que se pode ver por estas terras.
Comezo polo Papamoscas negro Ficedula hypoleuca, unha especie que nos visita na época estival e que observei polo Ventorrillo (A Fonsagrada) o setembro pasado, aínda semella non apareceu este ano pero chegará.

Papamoscas negro Ficedula hypoleuca. Fotografía de Alejandro Ocampo.

O pedreiro cincento Oenanthe oenanthe é outra especie estival que non falla á súa cita e nos visita para reproducirse e manterse localizada en algunhas zonas altas na comarca. Por iso é fácil observala en lugares como os pastizais de Reboira ( A Fonsagrada).

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe por Reboira (A Fonsagrada).

En outubro un paseo pola fraga da Marronda (Baleira) para observar a varias especies residentes deste fermoso lugar: estreliñas riscadas Regulus ignicapilla, ferreiriños negros Parus ater, ferreiriños rabilongos Aegithalus caudatus e ferreiriños cristados Parus cristatus.

Estreliña riscada Regulus ignicapilla pola fraga da Marronda (Baleira).

Ferreiriño negro Parus ater pola fraga da Marronda (Baleira).

Ferreiriño rabilongo Aegithalus caudatus pola fraga da Marronda (Baleira).

Ferreiriño cristado Parus cristatus pola fraga da Marronda (Baleira).


Tamén os xílgaros Carduelis carduelis se deixaron ver nestas datas por esta fraga en lugares máis abertos.

Xílgaro Carduelis carduelis. Fotografía de Alejandro Ocampo.

As avefrías Vanellus vanellus, sempre indicadoras de frío, observadas preto de Carballido (A Fonsagrada) alá polo final de febreiro, non foron as únicas que se viron na comarca este pasado inverno. Sen ser moi abondosas por aquí, a veces nos sorprenden nos invernos fonsagradinos con numerosos bandos polos pastizais da comarca.

Avefrías Vanellus vanellus preto de Carballido (A Fonsagrada).

E para rematar unha cita de miñato abelleiro Pernis apivorus preto da ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) a principios do setembro pasado, outra dun macho adulto de tartaraña cincenta Circus pygargus polo Ventorrillo (A Fonsagrada) á metade de abril deste ano, as primeiras aguias cobreiras Circaetus gallicus observadas polo val do río Lamas e por Miñide (A Fonsagrada) na segunda quincena de abril e unha fermosa fotografía dunha Aguia calzada Hieraaetus pennatus feita o pasado agosto preto de Lugo, esta última especie todavía non apareceu este ano pero algúnha se deixará ver tamén.

 Aguia calzada Hieraaetus pennatus.

jueves, 8 de julio de 2010

Aguia calzada

Xa tiña ganas de pillar a esta aguia. A aguia calzada Hieraaetus pennatus é outra ave rapaz da que sabiamos que existían varias citas na comarca da Fonsagrada, por iso tarde ou cedo tiña que aparecer. Observamos un exemplar desta aguia en fase intermedia polo Monte Treitas, entre Sanguñedo e A Pereirúa (A Fonsagrada) o 2 de xullo de 2010 o suficientemente cerca para tirarlle unhas cantas fotografías decentes que paso a amosárvolas.











Aguia calzada Hieraaetus pennatus polo monte Treitas (A Fonsagrada).