martes, 17 de mayo de 2011

Na procura dun oso polo Alto da Vacariza

Menudos días estos. A observación dun oso por parte dun veciño do Cádavo o pasado martes 10/5/2011 á medianoite na estrada de Lugo á Fonsagrada, á altura do Alto da Vacariza é o tema de conversación preferido dos alporizados veciños de Castroverde e Baleira. Non por imposíbel, si por pouco habitual, o caso é que nestes últimos anos parece que o aumento por parte da poboación occidental do oso pardo cantábrico Ursus arctos fan que estes avistamentos se produzan en territorio galego cada vez máis.

No caso que nos ocupa a prensa escrita dou boa conta deste feito como podedes ver nos seguintes enlaces:
http://elprogreso.galiciae.com/nova/88526.html
http://elprogreso.galiciae.com/nova/89022.html

De momento non se teñen noticias de máis observacións que poidan confirmar esta anecdótica presenza e a procura de sinais por parte do Servizo de Conservación da Natureza e da Fundación Oso Pardo se limitan a varios grupos de pelos en silveiros próximos a unha prea de porco teixo Meles meles preto do lugar da observación, sen que de momento se confirmara que os pelos sexan de oso pardo.

En fin, sen máis, unha fotografía da recollida de mostras dos probábeis pelos deste oso esperando máis noticias que confirmen este achado.

Recollida dos posibles pelos de oso no Alto da Vacariza.

jueves, 28 de abril de 2011

Citas ornitolóxicas na entrada da primavera

Recopilamos as citas ornitolóxicas recollidas nestes meses de marzo e abril do 2011 no comezo da primaveira na comarca de A Fonsagrada nas que se nota a chegada de diversas especies estivais, o paso dalgunhas outras e por suposto tamén especies sedentarias.


  • -Lavandeira real Motacilla cinerea. 2 parexas pola ponte de Cabreira no río Eo (Baleira) e por río Rodil preto da ponte de Os Baos (Ribeira de Piquín).

  • -Ferreiriño negro Parus ater. 1 parexa nuns salgueiros no río Eo preto da ponte de Cabreira (Baleira).

  • -Merlo rieiro Cinclus cinclus. Alomenos 5 exemplares no río Eo entre A Cortevella e o monte do Valiño (Baleira).

  • -Cotovía pequena Lullula arborea. Primeiras observacións da tempada preto de Monteseiro, o 7 de marzo, e de Vilar de Cuiña o 15 de marzo (A Fonsagrada).

  • -Bubela Upupa epops. 1 ex. observado o 3 de marzo preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

  • -Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. Observado 1 ex. preto de Monteseiro (A Fonsagrada) o 7 de marzo, probablemente de paso.

  • -Millafre negro Milvus migrans. Observado o primeiro da tempada o 11 de marzo preto de O Cádavo (Baleira).

  • -Tartaraña cincenta Circus pygargus. 1 ex. xuvenil ou femia o 13 de marzo preto do Alto de Cerredo (A Fonsagrada).

  • -Cuco Cuculus canorus. Oído o 18 de abril pola serra do Muradal (A Fonsagrada).

  • -Aguia cobreira Circaetus gallicus. Primeira observación da tempada o 20 de abril de 1 ex. na xuntanza dos río Lamas e Navia (A Fonsagrada).

  • -Úbalo Carduelis spinus. 1 ex. ferido por Padrón (A Fonsagrada) o 10 de marzo.



Lavandeira real Motacilla cinerea.


Ferreiriño negro Parus ater.


Merlo rieiro Cinclus cinclus.


Cotovía pequena Lullula arborea.


Bubela Upupa epops.


Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. Fotografía de Alejandro Ocampo.


Aguia cobreira Circaetus gallicus.


Úbalo Carduelis spinus. Fotografía de Alejandro Ocampo.

miércoles, 20 de abril de 2011

Cría confirmada do falcón peregrino de Lugo

Para todos os que preguntáchedes por ese niño de falcón peregrino Falco peregrinus, e polo que acabo de observar fai un momento, xa vos podo confirmar que nese niño nun edificio nalgún lugar da cidade de Lugo acaban de ser pais esta parexa de falcóns peregrinos.

Alomenos dous brancos polos de falcón asoman xa e polo visto con moita fame, polo que os seus pais andan moi atarefados nestes días dando de comer a estes dous recén chegados.

Entenderedes que non poña ningunha foto do niño, si unha do outro día, e espero que agora que non vou a velos en toda a semana santa sigan medrando e poida disfrutar deles á volta.




Falcón peregrino Falco peregrinus.

jueves, 14 de abril de 2011

Malos tempos para a troita

O pasado 20 de marzo comezou a tempada de pesca fluvial en Galicia e polo tanto tamén nos ríos da comarca. Polo visto ata o momento o descenso de capturas de troita común Salmo trutta fario é xeneralizado. Non vou a entrar en valorar o porqué deste descenso de exemplares, xa que penso que é moi complicado e con moitos factores a avaliar, pero os resultados non sinalan un futuro prometedor para esta especie. Sen embargo o primeiro día de pesca deixou algunhas imaxes de exemplares que podedes ver a continuación, excepcións que esperemos non sexan imaxes históricas co paso dos anos:



  • A primeira troita é un exemplar de características notables capturado o primeiro día de pesca da campaña no río Navia, preto de Cabana (Navia de Suarna).


  • A segunda é un bo exemplar capturado o mesmo día no tramo libre do río Lamas, preto de Cereixido (A Fonsagrada).


  • E para rematar a especie que está empezando a asentarse co paso dos anos no río Navia no encoro de Salime e desprazando á troita común: a boga de río Chondrostoma polylepis. Desde a súa aparición fai uns anos xa é unha captura habitual como o exemplar da imaxe capturada preto de Río de Porcos, na parte fonsagradina do encoro de salime.




Troita común Salmo trutta fario capturada no río Navia preto de Cabana (Navia de Suarna).





Troita común Salmo trutta fario capturada preto de Cereixido (A Fonsagrada).






Boga de río Chondrostoma polylepis do encoro de Salime.

sábado, 9 de abril de 2011

Abril, tempo de bolboretas

Xa levaba un tempo dándolle voltas a isto das bolboretas, a aínda que teño algunhas citas do ano pasado das que informarei no blog noutra ocasión, aproveito agora para amosar un listado de citas destes insectos deste caluroso comezo de primavera na comarca entre o 22/3/2011 e o 7/4/2011. Ir estes días polo monte supón encherse de ver bolboretas, das que podo citar as seguintes especies:

  • Celastrina argiolus. Moi común na comarca da Fonsagrada nestas datas.

  • Gonepteryx rhamni. Tamén moi común na comarca nestas datas. Xunto ca anterior, as máis numerosas.

  • Pieris napi. Probablemente a terceira en canto a número de observacións nestas datas.

  • Pararge aegeria. Tamén bastantes observacións nestas datas, pero non tantas como as tres anteriores.

  • Inaches io. Observada en diferentes ocasións polo curso alto do río Eo (Baleira), polo val do río Lamas (A Fonsagrada) e por Ouviaño (Negueira de Muñiz).

  • Polygonia c-album. Varias observacións no tramo alto do río Eo por Baleira.

  • Antocharis cardamines. Varias observacións por Naraxa e val do río Lamas (A Fonsagrada) e polo tramo alto do río Eo por Baleira.

  • Vanessa atalanta. Varias observacións no tramo alto do río Eo por Baleira.

  • Papilio machaon. Unha observación preto de A Gamalleira (Negueira de Muñiz).



Polygonia c-album preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).



Vanessa atalanta preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Pararge aegeria preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Gonepteryx rhamni preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Celastrina argiolus preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Inachis io preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).

sábado, 19 de marzo de 2011

A primavera xa está aquí

Ás mesmas portas temos a primavera. E aínda que levo uns días sen ir pola comarca da Fonsagrada, un pode ter a sorte que desde a mesma fiestra da súa casa pode observar como as hormonas xa comezan a actuar. E é que na cidade de Lugo existe alomenos unha parexa de falcóns peregrinos Falco peregrinus que xa o ano pasado criaron nun macetón dunha fiestra nun alto edificio da cidade.


Falcón peregrino Falco peregrinus nalgún lugar da cidade de Lugo.

Nos alegramos ver que polo que indican estas fotografías realizadas o pasado 6 de marzo, este ano parecen volver a querer criar no mesmo lugar, e trala cópula como premio uns botan un cigarro e neste caso o macho deixalle un pequeno paseriforme á femia. Parece que isto cansa así que que aproveite.

Falcón peregrino Falco peregrinus nalgún lugar da cidade de Lugo.

Se temos en conta o control que estas rapaces fan das poboacións de outras aves como poden ser os estorniños negros Sturnus unicolor, que tantos quebradeiros de cabezan dan ao concello de Lugo, ao mellor o aumento destas aves na cidade de Lugo podería ser o mellor e máis sinxelo método de control posible e sustituir outros máis costosos que se levan a cabo.

martes, 1 de marzo de 2011

Un gabián na escola e outras citas ornitolóxicas

Pasou febreiro, pero es nevaradas e o frío seguen ameazando con blanquear os montes e outras partes altas destas terras. Será polo frío ou por que xa comezan os movementos primaverais, o caso é que o 23 de febreiro unha femia de gabián Accipiter nisus quixo pasar a noite na pista polideportiva semicuberta do colexio de A Fonsagrada. O que non esperaba pola mañá é o balbordo habitual de nenos correndo e xogando e así calquera se atreve a sair. Por sorte para o gabián, pola noitiña xa fuxíu e un servidor quedouse sen observalo. Menos mal que Alejandro fixo estas fotos para dar testimonio desta breve incursión escolar.


Femia de gabián Accipiter nisus no teito da pista polideportiva (A Fonsagrada). Fotografías de Alejandro Ocampo.

Febreiro deixounos tamén algún bando de becacinas Gallinago gallinago en pastizais enchoupados por Miñide (A Fonsagrada) e un gran número de tordos reais Turdus pilaris, presentes en bandos numerosos por pastizais de toda a comarca.


Becacina Gallinago gallinago.


Tordo real Turdus pilaris.

Tamén temos recén chegados como a primeira observación da tempada, o 22 de febreiro, de mínimo 6 lavercas Alauda arvensis por Candaído (A Fonsagrada) ou a chegada da parexa de cegoñas brancas Ciconia ciconia ao seu niño no veciño concello de Castroverde o 13 de febreiro.


Cegoña branca Ciconia ciconia por Castroverde.