sábado, 9 de abril de 2011

Abril, tempo de bolboretas

Xa levaba un tempo dándolle voltas a isto das bolboretas, a aínda que teño algunhas citas do ano pasado das que informarei no blog noutra ocasión, aproveito agora para amosar un listado de citas destes insectos deste caluroso comezo de primavera na comarca entre o 22/3/2011 e o 7/4/2011. Ir estes días polo monte supón encherse de ver bolboretas, das que podo citar as seguintes especies:

  • Celastrina argiolus. Moi común na comarca da Fonsagrada nestas datas.

  • Gonepteryx rhamni. Tamén moi común na comarca nestas datas. Xunto ca anterior, as máis numerosas.

  • Pieris napi. Probablemente a terceira en canto a número de observacións nestas datas.

  • Pararge aegeria. Tamén bastantes observacións nestas datas, pero non tantas como as tres anteriores.

  • Inaches io. Observada en diferentes ocasións polo curso alto do río Eo (Baleira), polo val do río Lamas (A Fonsagrada) e por Ouviaño (Negueira de Muñiz).

  • Polygonia c-album. Varias observacións no tramo alto do río Eo por Baleira.

  • Antocharis cardamines. Varias observacións por Naraxa e val do río Lamas (A Fonsagrada) e polo tramo alto do río Eo por Baleira.

  • Vanessa atalanta. Varias observacións no tramo alto do río Eo por Baleira.

  • Papilio machaon. Unha observación preto de A Gamalleira (Negueira de Muñiz).



Polygonia c-album preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).



Vanessa atalanta preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Pararge aegeria preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Gonepteryx rhamni preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Celastrina argiolus preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).


Inachis io preto de Cabreira e do río Eo (Baleira).

sábado, 19 de marzo de 2011

A primavera xa está aquí

Ás mesmas portas temos a primavera. E aínda que levo uns días sen ir pola comarca da Fonsagrada, un pode ter a sorte que desde a mesma fiestra da súa casa pode observar como as hormonas xa comezan a actuar. E é que na cidade de Lugo existe alomenos unha parexa de falcóns peregrinos Falco peregrinus que xa o ano pasado criaron nun macetón dunha fiestra nun alto edificio da cidade.


Falcón peregrino Falco peregrinus nalgún lugar da cidade de Lugo.

Nos alegramos ver que polo que indican estas fotografías realizadas o pasado 6 de marzo, este ano parecen volver a querer criar no mesmo lugar, e trala cópula como premio uns botan un cigarro e neste caso o macho deixalle un pequeno paseriforme á femia. Parece que isto cansa así que que aproveite.

Falcón peregrino Falco peregrinus nalgún lugar da cidade de Lugo.

Se temos en conta o control que estas rapaces fan das poboacións de outras aves como poden ser os estorniños negros Sturnus unicolor, que tantos quebradeiros de cabezan dan ao concello de Lugo, ao mellor o aumento destas aves na cidade de Lugo podería ser o mellor e máis sinxelo método de control posible e sustituir outros máis costosos que se levan a cabo.

martes, 1 de marzo de 2011

Un gabián na escola e outras citas ornitolóxicas

Pasou febreiro, pero es nevaradas e o frío seguen ameazando con blanquear os montes e outras partes altas destas terras. Será polo frío ou por que xa comezan os movementos primaverais, o caso é que o 23 de febreiro unha femia de gabián Accipiter nisus quixo pasar a noite na pista polideportiva semicuberta do colexio de A Fonsagrada. O que non esperaba pola mañá é o balbordo habitual de nenos correndo e xogando e así calquera se atreve a sair. Por sorte para o gabián, pola noitiña xa fuxíu e un servidor quedouse sen observalo. Menos mal que Alejandro fixo estas fotos para dar testimonio desta breve incursión escolar.


Femia de gabián Accipiter nisus no teito da pista polideportiva (A Fonsagrada). Fotografías de Alejandro Ocampo.

Febreiro deixounos tamén algún bando de becacinas Gallinago gallinago en pastizais enchoupados por Miñide (A Fonsagrada) e un gran número de tordos reais Turdus pilaris, presentes en bandos numerosos por pastizais de toda a comarca.


Becacina Gallinago gallinago.


Tordo real Turdus pilaris.

Tamén temos recén chegados como a primeira observación da tempada, o 22 de febreiro, de mínimo 6 lavercas Alauda arvensis por Candaído (A Fonsagrada) ou a chegada da parexa de cegoñas brancas Ciconia ciconia ao seu niño no veciño concello de Castroverde o 13 de febreiro.


Cegoña branca Ciconia ciconia por Castroverde.

viernes, 11 de febrero de 2011

Coñecendo aos odonatos

Seguimos en pleno inverno, entre xiadas e nevaradas salpicadas con días soleados que xa fan asomar as primeiras floracións de prímulas e que fan engrosar os gromos das árbores máis temperás. Así que mentres esperamos a que pase a última nevarada (a coñecida como a do cuco), e á entrada da primavera, nos imos atrever a falar dun novo grupo de seres vivos como é o dos odonatos, é dicir, o dos coñecidos como cabaliños do demo e libélulas.
Esta orde ten tamén na comarca da Fonsagrada representantes que por medio das citas recopiladas ao longo do 2010 imos tentar coñecer e describir, e por suposto aumentar pouco a pouco.
Vaia por diante que é a primeira vez que clasifico estas especies, polo que se agradece calquer rectificación ou consello.

A primeira especie é Calopteryx virgo ssp. meridionalis. Observada preto de ríos e regatos, pensamos que é un dos odonatos máis comúns nestas terras. Varias parexas e algúns tándems no río Eo á altura de Cortevella (Baleira) o 21/6/10, preto da ponte de Cereixido no río Lamas (A Fonsagrada) o 29/6/2010 e outras observacións pola comarca nas mesmas datas.


Macho de Calopteryx virgo ssp. meridionalis polo río Eo, A Cortevella (Baleira).

Outra especie presente na comarca é Aeshna cyanea, tamén común na comarca, vista nun punto de auga con vexetación preto de Queixoiro o 9/10/10 e outras observacións tamén polas mesmas datas.


Macho maduro de Aeshna cyanea por Queixoiro (A Fonsagrada).

A terceira e última especie de odonato desta entrada é Libellula depressa, unha fermosa especie coñecida como libélula de ventre plano, a observamos nunha poza dun regato con vexetación nunha curva da estrada antes de chegar a Ernes (Negueira de Muñiz) o 2/6/2010.


Macho maduro de Libellula depressa preto de Ernes (Negueira de Muñiz).

Por suposto que existen máis especies, pero esperamos que esta compilación do 2010 nos acerque a estes interesantes seres vivos. Durante o 2011 tentaremos prestarlle máis atención e incorporar pouco a pouco máis cabaliños do demo e libélulas a este blog.

lunes, 24 de enero de 2011

As praderías de O Ventorrillo no inverno

Na fonsagradina parroquia de A Veiga de Logares, limitando co concejo asturiano de Santa Eulalia de Oscos, temos unha zona na que se poden realizar interesantes observacións ornitolóxicas na época invernal: as praderías de O Ventorrillo.

Este lugar, dominado por grandes superficies de praderías a uns 800 metros de altitude, é o lugar elexido por especies invernantes de maneira habitual tódolos anos, non sendo difícil atoparse con bandos de avefrías Vanellus vanellus, ou incluso de píldoras douradas Pluvialis apricaria.


Avefría Vanellus vanellus


Píldora dourada Pluvialis apricaria

Abondosos son os bandos de picas dos prados Anthus pratensis, xiríns Serinus serinus e pimpíns Fringilla coelebs, ademais de corvos grandes Corvus corax, que nesta zona son incluso máis comúns que os corvos pequenos Corvus corone corone.


Corvo grande Corvus corax


Xirín Serinus serinus

Na última visita realizada o 24-1-2011 tamén nos atopamos con numerosos bandos mixtos de tordos charlos Turdus viscivorus, tordos rubios Turdus iliacus e tordos reais Turdus pilaris (ata máis de 40 tordos reais nalgún bando).


Tordo real Turdus pilaris

Sen dúbida, un lugar de campeo recomendable para os que quieran visitar estas terras na procura de observacións ornitolóxicas e que nos pasos migratoriais nos pode traer algúnha sorpresa.

sábado, 15 de enero de 2011

Tempo de arceas

O caso é que xa levaba un tempo sen actualizar o blog, e a verdade é que o botaba en falta. E é que por diferentes circunstancias as novas ornitolóxicas non son moitas, e iso que a época invernal nos trae sempre cousiñas de interese.
Nesta época volvemos a ver ás arceas Scolopax rusticola na súa invernada, como o exemplar levantado á noitiña entre Os Baos e Seoane (Ribeira de Piquín – A Fonsagrada) o 22/12/2010 ou os 2 exemplares tamén observados preto de Sanguñedo (A Fonsagrada) o 23/12/2010 e que esperemos teñan sorte e poidan esquivar aos cazadores. Sorte que non tivo a arcea da fotografía que acompaña esta entrada que debo dicir que non ten ningún mérito, pois a pobre tiña no corpo máis chumbo que o soldadiño do conto.

Arcea Scolopax rusticola.

Tamén nos chama a atención a presenza de exemplares de picanzos reais Lanius meridionalis en novas zonas da comarca, como o exemplar observado preto do selado vertedoiro de Baleira o 28/12/2010. O caso é que en época estival é normal atopar picanzos vermellos Lanius collurio por estas terras e que desaparecen en épocas invernais, pero os picanzos reais Lanius meridionalis, que non os observei en todo o estìo, aparecen agora en varias localizacións.

domingo, 5 de diciembre de 2010

Citas ornitolóxicas pola fraga da Marronda e outras

O inverno xa se sente. As neves e as baixas temperaturas fixeron a súa aparición e con elas novos veciños que enriquecen a fauna ornitolóxica da comarca. As observacións feitas estos días son o fiel reflexo da época do ano na que nos atopamos.
O 25 de Novembro visitamos a fraga da Marronda (Baleira). Un lugar recomendable para calquer amante da natureza e coñecido, entre outras cousas, porque nela podemos atopar poboacións de faias Fagus sylvatica que constitúen o límite suroccidental da distribución da faia en Europa. Nesta visita observamos:
-Gabeador Certhia brachydactyla. 1 parexa.
-Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus. Xa se observan exemplares en bandos numerosos pola comarca como os 13 exemplares vistos xuntos na Marronda
-Perdiz Alectoris rufa. 1 exemplar nunha pradería preto da Marronda.
-Ferreiriño cristado Parus cristatus. 1 parexa.
-Tordo rubio Turdus iliacus. Xa se deixan ver os primeiros exemplares deste inverno tamén pola Marronda. Tamén incremento de efectivos de tordos comúns Turdus philomelos e bandos numerosos de xílgaros Carduelis carduelis.


Gabeador Certhia brachydactyla na Marronda (Baleira).


Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus na Marronda (Baleira).


Ferreiriño cristado Parus cristatus na Marronda (Baleira).


Tordos rubios Turdus iliacus na Marronda (Baleira).


Tordo común Turdus philomelos na Marronda (Baleira).

No lugar de A Braña (Baleira) na mesma data, preto dunha das entradas á fraga da Marronda, tamén atopamos:
-Pardal montés Passer montanus. 3 exemplares nun bando mixto con Passer domesticus.
-Pica alpina Anthus spinoletta. 1 exemplar.
-Lavandeira real Motacilla cinerea. 1 exemplar.


Pardais monteses Passer montanus por A Braña (Baleira).


Pica alpina Anthus spinoletta por A Braña (Baleira).


Lavandeira real Motacilla cinerea por A Braña (Baleira).

Tamén destacamos a observación dunha escribenta común Emberiza cirlus por Cancio (Negueira de Muñiz) o 11/10/2010. E por último suliñar unha cita que recollemos do Noticiario Ornitoxeográfico Galego aportada por Jukka Rokkanen: observación de un peto negro Dryocopus martius que cruza voando a estrada por Fonfría (A Fonsagrada) o 22/10/2010. Quen o pillara.


Escribenta común Emberiza cirlus por Cancio (Negueira de Muñiz).