viernes, 11 de febrero de 2011

Coñecendo aos odonatos

Seguimos en pleno inverno, entre xiadas e nevaradas salpicadas con días soleados que xa fan asomar as primeiras floracións de prímulas e que fan engrosar os gromos das árbores máis temperás. Así que mentres esperamos a que pase a última nevarada (a coñecida como a do cuco), e á entrada da primavera, nos imos atrever a falar dun novo grupo de seres vivos como é o dos odonatos, é dicir, o dos coñecidos como cabaliños do demo e libélulas.
Esta orde ten tamén na comarca da Fonsagrada representantes que por medio das citas recopiladas ao longo do 2010 imos tentar coñecer e describir, e por suposto aumentar pouco a pouco.
Vaia por diante que é a primeira vez que clasifico estas especies, polo que se agradece calquer rectificación ou consello.

A primeira especie é Calopteryx virgo ssp. meridionalis. Observada preto de ríos e regatos, pensamos que é un dos odonatos máis comúns nestas terras. Varias parexas e algúns tándems no río Eo á altura de Cortevella (Baleira) o 21/6/10, preto da ponte de Cereixido no río Lamas (A Fonsagrada) o 29/6/2010 e outras observacións pola comarca nas mesmas datas.


Macho de Calopteryx virgo ssp. meridionalis polo río Eo, A Cortevella (Baleira).

Outra especie presente na comarca é Aeshna cyanea, tamén común na comarca, vista nun punto de auga con vexetación preto de Queixoiro o 9/10/10 e outras observacións tamén polas mesmas datas.


Macho maduro de Aeshna cyanea por Queixoiro (A Fonsagrada).

A terceira e última especie de odonato desta entrada é Libellula depressa, unha fermosa especie coñecida como libélula de ventre plano, a observamos nunha poza dun regato con vexetación nunha curva da estrada antes de chegar a Ernes (Negueira de Muñiz) o 2/6/2010.


Macho maduro de Libellula depressa preto de Ernes (Negueira de Muñiz).

Por suposto que existen máis especies, pero esperamos que esta compilación do 2010 nos acerque a estes interesantes seres vivos. Durante o 2011 tentaremos prestarlle máis atención e incorporar pouco a pouco máis cabaliños do demo e libélulas a este blog.

lunes, 24 de enero de 2011

As praderías de O Ventorrillo no inverno

Na fonsagradina parroquia de A Veiga de Logares, limitando co concejo asturiano de Santa Eulalia de Oscos, temos unha zona na que se poden realizar interesantes observacións ornitolóxicas na época invernal: as praderías de O Ventorrillo.

Este lugar, dominado por grandes superficies de praderías a uns 800 metros de altitude, é o lugar elexido por especies invernantes de maneira habitual tódolos anos, non sendo difícil atoparse con bandos de avefrías Vanellus vanellus, ou incluso de píldoras douradas Pluvialis apricaria.


Avefría Vanellus vanellus


Píldora dourada Pluvialis apricaria

Abondosos son os bandos de picas dos prados Anthus pratensis, xiríns Serinus serinus e pimpíns Fringilla coelebs, ademais de corvos grandes Corvus corax, que nesta zona son incluso máis comúns que os corvos pequenos Corvus corone corone.


Corvo grande Corvus corax


Xirín Serinus serinus

Na última visita realizada o 24-1-2011 tamén nos atopamos con numerosos bandos mixtos de tordos charlos Turdus viscivorus, tordos rubios Turdus iliacus e tordos reais Turdus pilaris (ata máis de 40 tordos reais nalgún bando).


Tordo real Turdus pilaris

Sen dúbida, un lugar de campeo recomendable para os que quieran visitar estas terras na procura de observacións ornitolóxicas e que nos pasos migratoriais nos pode traer algúnha sorpresa.

sábado, 15 de enero de 2011

Tempo de arceas

O caso é que xa levaba un tempo sen actualizar o blog, e a verdade é que o botaba en falta. E é que por diferentes circunstancias as novas ornitolóxicas non son moitas, e iso que a época invernal nos trae sempre cousiñas de interese.
Nesta época volvemos a ver ás arceas Scolopax rusticola na súa invernada, como o exemplar levantado á noitiña entre Os Baos e Seoane (Ribeira de Piquín – A Fonsagrada) o 22/12/2010 ou os 2 exemplares tamén observados preto de Sanguñedo (A Fonsagrada) o 23/12/2010 e que esperemos teñan sorte e poidan esquivar aos cazadores. Sorte que non tivo a arcea da fotografía que acompaña esta entrada que debo dicir que non ten ningún mérito, pois a pobre tiña no corpo máis chumbo que o soldadiño do conto.

Arcea Scolopax rusticola.

Tamén nos chama a atención a presenza de exemplares de picanzos reais Lanius meridionalis en novas zonas da comarca, como o exemplar observado preto do selado vertedoiro de Baleira o 28/12/2010. O caso é que en época estival é normal atopar picanzos vermellos Lanius collurio por estas terras e que desaparecen en épocas invernais, pero os picanzos reais Lanius meridionalis, que non os observei en todo o estìo, aparecen agora en varias localizacións.

domingo, 5 de diciembre de 2010

Citas ornitolóxicas pola fraga da Marronda e outras

O inverno xa se sente. As neves e as baixas temperaturas fixeron a súa aparición e con elas novos veciños que enriquecen a fauna ornitolóxica da comarca. As observacións feitas estos días son o fiel reflexo da época do ano na que nos atopamos.
O 25 de Novembro visitamos a fraga da Marronda (Baleira). Un lugar recomendable para calquer amante da natureza e coñecido, entre outras cousas, porque nela podemos atopar poboacións de faias Fagus sylvatica que constitúen o límite suroccidental da distribución da faia en Europa. Nesta visita observamos:
-Gabeador Certhia brachydactyla. 1 parexa.
-Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus. Xa se observan exemplares en bandos numerosos pola comarca como os 13 exemplares vistos xuntos na Marronda
-Perdiz Alectoris rufa. 1 exemplar nunha pradería preto da Marronda.
-Ferreiriño cristado Parus cristatus. 1 parexa.
-Tordo rubio Turdus iliacus. Xa se deixan ver os primeiros exemplares deste inverno tamén pola Marronda. Tamén incremento de efectivos de tordos comúns Turdus philomelos e bandos numerosos de xílgaros Carduelis carduelis.


Gabeador Certhia brachydactyla na Marronda (Baleira).


Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus na Marronda (Baleira).


Ferreiriño cristado Parus cristatus na Marronda (Baleira).


Tordos rubios Turdus iliacus na Marronda (Baleira).


Tordo común Turdus philomelos na Marronda (Baleira).

No lugar de A Braña (Baleira) na mesma data, preto dunha das entradas á fraga da Marronda, tamén atopamos:
-Pardal montés Passer montanus. 3 exemplares nun bando mixto con Passer domesticus.
-Pica alpina Anthus spinoletta. 1 exemplar.
-Lavandeira real Motacilla cinerea. 1 exemplar.


Pardais monteses Passer montanus por A Braña (Baleira).


Pica alpina Anthus spinoletta por A Braña (Baleira).


Lavandeira real Motacilla cinerea por A Braña (Baleira).

Tamén destacamos a observación dunha escribenta común Emberiza cirlus por Cancio (Negueira de Muñiz) o 11/10/2010. E por último suliñar unha cita que recollemos do Noticiario Ornitoxeográfico Galego aportada por Jukka Rokkanen: observación de un peto negro Dryocopus martius que cruza voando a estrada por Fonfría (A Fonsagrada) o 22/10/2010. Quen o pillara.


Escribenta común Emberiza cirlus por Cancio (Negueira de Muñiz).

miércoles, 17 de noviembre de 2010

Garzota grande por Baralla

O pasado 15-11-2010 o compañeiro Pío (gracias Pío polo achádego) atopou morta unha garzota grande Ardea alba preto da estrada O Cádavo - Baralla, á altura do lugar de A Pena, Penarrubia (Baralla), xa moi preto do límite co concello de Baleira.


Garzota grande Ardea alba atopada morta en Baralla. Fotografía de Pío Antonio de la Peña.

Este exemplar probablemente se encontraba realizando a súa migración parcial desde áreas máis ao norte con invernos máis fríos e se desplazaba cara ao sur cando, por circunstancias que descoñecemos, atopou o seu fin neste lugar. É unha pena que non se encontrara anelada, pois así saberiamos algo máis da súa vida.

Detalle da cabeza da garzota grande Ardea alba atopada en Baralla. Fotografía de Pío Antonio de la Peña.

Esta ardeida soe establecerse en aguas pouco profundas o hábitats máis secos, alimentándose principalmente de peixes, ras, pequenos mamíferos, y incluso aves pequenas y reptiles. Non é unha especie moi común por Galicia e menos por estas terras, pero que parece que nos últimos anos vai aparecendo en maior número e cando o fai soe ser doada de ver.

Fotografía de archivo de dúas garzotas grandes Ardea alba nas lagoas de Riocaldo (Begonte).

martes, 9 de noviembre de 2010

Flora ao día

Ao igual que na entrada anterior sobre herpetos, a flora da comarca segue ofrecendo novas citas que, sen manter ningún criterio, recollemos e agora aproveitamos para acordarnos delas. As especies de flora que recompilamos e das que aínda non falara son as seguintes:

O abelao Hypericum androsaemun atopámolo como sotobosque en lugares sombrizos ou en ribeiras de ríos e regatos da comarca. Uns poucos exemplares se atopaban cos seus chamativos froitos carnosos, todavía vermellos, alá polo 18/8/2010 nun souto de castiñeiros no río Pontigón, próximo a Liñares de Vilafurada (A Fonsagrada), dentro do LIC Carballido.


Abelao Hypericum androsaemun polo río Pontigón (A Fonsagrada).
O rabo de cabalo Equisetum arvense, non abondoso na comarca, pero que aparece en lugares húmidos concretos en bo número como a poboación atopada na Área Recreativa do Trabeiro (Baleira) o 29/5/2010.
Rabo de cabalo Equisetum arvense por Trabeiro (Baleira).
O mexacán Solanum dulcamara é unha solanácea que aparece tamén polas Terras do Burón preto de regatos, como a poboación atopada preto da Ponte da Pedreira (Baralla), preto do límite con Baleira o 23/9/2010 xa en froito.


Mexacán Solanum dulcamara pola Ponte da Pedreira (Baralla-Baleira).

Os tollemerendas Merendera pyrenaica apareceron a finais de setembro tapizando a maioría dos prados e claros da comarca, moitas veces acompañados ou sustituidos polos Crocus serotinus que tamén numerosos aparecen na mesma época do ano en lugares semellantes.


Tollemerendas Merendera pyrenaica or Louxas (Navia de Suarna-A Fonsagrada).


Crocus serotinus por Queixoiro (A Fonsagrada).

martes, 2 de noviembre de 2010

Últimas citas de herpetos do verán

Aínda que algo tarde, vou a darlle saída a un lote de citas de anfibios e réptiles que teño deste verán 2010. Non son nada espectaculares, pero algunhas especies todavía non as nomeara neste blog, polo que así queda constancia da súa existencia na comarca. Deste xeito me poño ao día cos herpetos:

Ra patilonga Rana iberica, dúas citas desta especie. A primeira o día 18/8/2010 no río Pontigón, dentro do LIC Carballido (A Fonsagrada). A segunda 3 adultos no río Esteleiro, tamén na Fonsagrada, o 27/8/2010.

Ra patilonga Rana iberica polo río Pontigón (A Fonsagrada).


Ra patilonga Rana iberica polo río Esteleiro (A Fonsagrada).

Ra verde Pelophylax perezi . Observación de 1 adulto o 13/8/2010 nun regato próximo a Santalla (Negueira de Muñiz).


Ra verde Pelophylax perezi preto de Santalla (Negueira de Muñiz).

Lagarta dos penedos Podarcis hispanica. 2 exemplares o 2/6/2010 nun talude soleado de rochas con pedras preto da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada) e outros dous exemplares tomando o sol no asfalto da estrada preto de Santalla (Negueira de Muñiz).


Lagarta dos penedos Podarcis hispanica preto da Ferrería de Cuiña (A Fonsagrada).

Unha femia de escáncer común Anguis fragilis o 27/8/2010 cruzando un camiño que baixa por un denso bosque de cerquiños Quercus pyrenaica ata o río Esteleiro, preto de A Chousa (A Fonsagrada).


Femia de escáncer común Anguis fragilis preto do río Esteleiro (A Fonsagrada).

Serpe riscada Rhinechis scalaris. 1 xuvenil morto no cruce á Virxe da Veiga (Negueira de Muñiz).


Serpe riscada xuvenil Rhinechis scalaris no cruce á Virxe da Veiga (Negueira de Muñiz). Fotografías de Alejandro Ocampo.