lunes, 12 de marzo de 2012

Mamíferos e atropelos


As estradas son unha fonte inagotable, moitas veces imprevisible e sempre indeseable de información sobre a diversidade biolóxica faunística desta comarca, e no caso que nos ocupa de mamíferos. A mortalidade por atropelo ou colisións con vehículos ou outras causas dos animais que tentan cruzar as vías permite a constatación da presencia de especies que non son doadas de ver. Moitas veces polos seus hábitos nocturnos, outras por ser moi esquivas e/ou tamén por non ser moi comúns, o caso é que aínda que preferiríamos nos facer este tipo de observacións o realidade é que se producen e por iso vexamos unhas cantas feitas recentemente.
O 15/02/2012 atopamos unha londra Lutra lutra atropelada na estrada moi preto do Cádavo (Baleira). É esta unha especie da que xa tiñamos constancia da súa presencia en medios acuáticos da comarca, pero ahí estaba no asfalto lonxe dun río ou regato onde seguro estaría mellor.
Londra Lutra lutra atropelada preto do Cádavo (Baleira).

O 28/02/2012 un furón bravo Mustela putorius aparece atropelado preto de Río de Bangos (A Fonsagrada). Esta é unha especie non moi común e non é doado vela por ser eminentemente nocturna. Esta é a primeira cita persoal desta especie na comarca e xa vedes de que forma.
Furón bravo Mustela putorius preto de Río de Bangos (A Fonsagrada).

O 04/03/2012 unha xeneta Genetta genetta polo Coto de Lamas de Moreira (A Fonsagrada) e un porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada) tamén atropelados.
Xenetta Genetta genetta polo Coto de Lamas (A Fonsagrada).
Porco teixo Meles meles preto de Aguiar (A Fonsagrada).

Bueno, e agora un par de fotografías de mamíferos vivos, para quitar o mal sabor de boca. Primeiro unha marta Martes martes observada polo Rego da Pasada (A Fonsagrada) e por último un aínda atontado rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada) que parece non entender esta tempo de verán en pleno inverno. Ata outra.
Marta Martes martes polo Rego da Pasada (A Fonsagrada).

Rato de campo Apodemus sylvaticus pola Graña de Chao de Fornos (A Fonsagrada).