lunes, 29 de marzo de 2010

Dente de can

Incorporamos a este blog unha preciosa planta chamada dente de can Erythronium dens-canis. Esta especie florece en marzo-maio nos bosques aclarados e prados da comarca a altitudes normalmente maiores de 400 m. e a súa floración é especialmente vistosa a pesar de non superar os 10-30 cm. de altura. As follas tamén resultan moi vistosas ao estar manchadas de liñas vermellas. O seu nome común fai referencia á forma do seu bulbo, que se parece a un canino. Estas fotografías corresponden a unha poboación de menos de 20 exemplares atopados en floración nestas datas moi preto do lugar de Seoane, na parroquia de Lamas de Moreira (A Fonsagrada).



Dente de can Erythronium dens-canis por Lamas de Moreira (A Fonsagrada).

viernes, 26 de marzo de 2010

Aguia cobreira

Na tardiña do 24-03-2010 xa se deixou ver unha visitante estival que non pasa desapercibida polos ceos da comarca. A aguia cobreira Circaetus gallicus facía a súas pasadas polos tesos entre Naraxa e Vilar de Cuiña (A Fonsagrada) na busca dalgún ofidio que cazar ( as súas presas favoritas). Mentres, puidemos sacarlle unhas fotografías para poder disfrutar da súa branca estampa neste blog e seguro que ata Setembro - Outubro poderemos gozar cas súas paradas no ar e os seus lances.






Aguia cobreira Circaetus gallicus polos ceos da Fonsagrada.

jueves, 25 de marzo de 2010

A raíña do río

Comeza a tempada de pesca fluvial na comarca, e a especie que todo o mundo busca é a troita común Salmo trutta fario, a raíña dos ríos nesta esquina do mundo en ausencia de reos e salmóns. Eso si, non falta no encoro de Salime dúas especies introducidas: as bogas de río Chondrostoma polylepis e sobre todo os piscardos Phoxinus phoxinus. Como curiosidade da especie amosamos dúas troitas comúns de dous hábitats diferentes para que podades observar as súas evidentes diferencias físicas. A primeira é unha troita común do Couto de pesca da Fonsagrada e polo tanto dun tramo de río de augas frías, transparentes, rápidas e moi osixenadas. A segunda é unha troita común do encoro de Salime e polo tanto de augas encoradas, paradas, turbias e menos osixenadas. Para rematar o vencedor moral da primeira xornada de pesca, o Paco da Fonsagrada, o seu sorriso o di todo.

Troita común Salmo trutta fario do Couto de pesca da Fonsagrada.

Troita común Salmo trutta fario do encoro de Salime.

O Paco da Fonsagrada cos seus trofeos.

viernes, 19 de marzo de 2010

Vai de flora

Incorporamos a este blog dúas especies que atopamos en floración nesta época do ano na comarca. Por un lado outro Helleborus, o Helleborus viridis subsp. occidentalis, que non é tan obondoso na comarca como o Helleborus foetidus, pero que atopamos no Río Porteliña preto de Vilagocende (A Fonsagrada). A outra é outro afroixón, o Narcissus triandrus subsp. triandrus, esta subespecie é un endemismo da métade norte da Península Ibérica e se pode observar nas gabias da estrada que conduce á ponte de Boadil por Negueira de Muñiz.


Helleborus viridis subsp. occidentalis na Fonsagrada.

Narcissus triandus subsp. triandus por Negueira de Muñiz.

martes, 16 de marzo de 2010

Novas observacións 12/3/2010

Nestes días pola comarca da Fonsagrada poidemos ampliar as observacións feitas. Indo por Córneas (Baleira) vimos un par de garzas reais Ardea cinerea, uns corzos Capreolus capreolus e unha garduña ou fuíña Martes foina. Como soe facer a Ley de Murphy, basta que apareza algo interesante para que non leves a cámara de fotos a man, lástima de fuíña.
No concello de Baleira xa son un mínimo de dúas parexas de cegoñas brancas Ciconia ciconia as que están moi atarefadas ca montaxe dos seus niños. tamén observamos o primeiro millafre negro Milvus migrans da tempada.


Cegoña branca Ciconia ciconia.

Millafre negro Milvus migrans.


Nunhas praderías nos altos da fraga da Marronda 3 lavercas Alauda arvensis completaron o día.


Laverca Alauda arvensis.

miércoles, 10 de marzo de 2010

Área recreativa da Cortevella - Baleira

Nun impresionante espazo natural que o río Eo forma cos seus meandros encóntrase a área recreativa da Cortevella. Sen dúbida un lugar recomendable para todos os amantes da natureza.

Vista parcial da área recreativa da Cortevella en Baleira.

Na miña primeira visita a este lugar atopo unha colonia de anduriñas dos penedos Ptyonoprogne rupestris nuns penedos na parte alta dun cantil rochoso.

Anduriñas dos penedos Ptyonoprogne rupestris nunha foto de archivo na mariña lucense.

Xa no río o primeiro merlo rieiro Cinclus cinclus que vemos na comarca.

Merlo rieiro Cinclus cinclus no río Eo na área recreativa da Cortevella (Baleira).

Pola beira do río, nunha zona que estivo temporalmente enchoupada pola crecida do río, atopamos un bo número de herbas das almorrás Ranunculus ficaria en flor que, como o seu nome común indica, ten propiedades medicinais que espero que ningún lector deste blog necesite.

Herba das almorrás Ranunculus ficaria na área recreativa da Cortevella (Baleira).

Xa para rematar e entrando na Fonsagrada, un macho de cardeal Pyrrhula pyrrhula que, igual que a femia de onte, enchía o peteiro de gromos de árbores froiteiras.
Macho de cardeal Pyrrhula pyrrhula na Fonsagrada.

martes, 9 de marzo de 2010

Miradoiro de Arexo - A Fonsagrada

Dende o miradoiro de Arexo pódense observar as mellores vistas de toda a comarca. Esta zona do cañón que forma o río Navia é ideal para observar con facilidade varias especies de aves rapaces, como o falcón peregrino, o miñato e o lagarteiro. Pero si hai unha ave que caracteriza este espazo esa é a choia Pyrrhocorax pyrrhocorax e na visita que hoxe fago observo un grupo familar de 5 exemplares.
Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax nunha foto de archivo na Costa Ártabra.

Tamén atopei no miradoiro, disfrutando das vistas, este macho adulto de escribenta riscada Emberiza cia que se deixou fotografiar a pracer.

Macho adulto de escribenta riscada Emberiza cia no miradoiro de Arexo (A Fonsagrada).

Xa de volta, unha parada no pico do Seixón para atopar uns exemplares de afroixóns Narcissus asturiensis en plena floración, especie considerada como "vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas".

Afroixóns Narcissus asturiensis na Fonsagrada.

Polo camiño tamén atopei a esta femia de cardeal Pyrrhula pyrrhula moi ocupada cos gromos das árbores froiteiras.

Femia de cardeal Pyrrhula pyrrhula na Fonsagrada.